USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Voces

Takekazu Asaka e a edición xaponesa das cantigas de amigo de Martín Codax

Francisco Fernández Rei
Membro da Cerna de ProLingua

O Día das Letras Galegas do 2012 celebrouse na capital de Xapón, na sede do Instituto Cervantes, cun ciclo de tres sesións de música e poesía galega que organizou Takekazu Asaka, profesor de Filoloxía Románica da Universidade Tsudajuku de Toquio desde 1988. Asaka leva un bo quiñón de anos estudando a lingua, a literatura e a cultura galegas e espallándoas no seu país, á vez que exerce como incansable brigadista no uso e defensa do idioma propio de Galicia cando está entre nós. Embarcouse en ProLingua cando esta comezou súa singradura e realizou a versión xaponesa do manifesto fundacional desta plataforma apartidaria a prol do galego.

Despois dos actos celebrados o propio 17 de maio dese 2012, na sesión do 15 de xuño dese ano o conxunto de música medieval Laudesi Tokyo, dirixido pola musicóloga Yuri Sugüimoto, interpretou cantigas de amigo de Martín Codax, algunha cantiga mariana de Afonso X e pezas do Liber Sancti Jacobi, á vez que se mostraron instrumentos musicais de Galicia; e na sesión do 6 de xullo, dedicada á literatura moderna, a soprano Miho Haga e a pianista Rika Nishikawa interpretaron unha habanera e varios poemas en galego musicados por Antón García Abril, “Cando vos oyo tocar” de Rosalía de Castro, “Camiño longo” de Ramón Cabanillas e “María Soliña” de Celso Emilio Ferreiro.

Nishikawa e Haga xa interpretaran os catro textos de Cantares gallegos rosalianos que figuran no CD anexo á edición galego-xaponesa desa obra fundacional da nosa literatura, que Asaka editou no 2009; e na Cantata a Ramón Cabanillas (subtitulada en xaponés Galiza, canzón da alma), do 2013, esas mesmas artistas xaponesas interpretarían oito cancións do poeta das Irmandades da Fala recollidas no CD da Cantata editada por Asaka. Vai facer agora un ano que se celebrou no Auditorio da Xuventude de Cambados un acto en que se presentou esa obra en xaponés de Cabanillas con intervención, entre outros, do propio Asaka, e cun recital de Nishikawa e Haga, que viñeron de Xapón só para ese acto, e que interpretaron as oito cancións con textos do vate de Fefiñáns, Nishikawa tocou ó piano Carros de Galicia de Frederic Mompou e Intermedios de Juan Durán; e como remate escoitáronse dúas cancións xaponesas, Defune ‘barco’ e Hamabe no uta ‘canción da beiramar’. Cando na véspora do recital Nishikawa fora ensaiar o concerto, estando eu no auditorio como único espectador no auditorio, cando lle escoitaba a música de “Camiño longo” e dalgunha outra peza tan maxistralmente interpretada ó piano, ás veces parecíame que aquilo era un soño.

O vindeiro 10 de agosto a editorial Ronsosha, de Toquio, vai distribuír no Xapón o libro Xograr Martín Codax, no que Asaka levaba traballando desde o 2010, e do que xa temos un exemplar algúns amigos e amigas deste brigadista cultural, que chegou a Galicia nas vésporas do 25 de xullo, como fai desde comezos da década de 1990, e que nos quixo agasallar con esa primicia. Trátase dun libro de tapa dura, como a Cantata de Cabanillas, cunha cuberta que parece simbolizar un azulado mar profundo, como quería o deseñador Okusada Y.; pero cando se mira a portada, é máis ben unha nave espacial que transporta esas cantigas galegas desde os nosos mares ás afastadas terras de Xapón, que era o que quería Asaka que se simbolizase.

A obra ábrese coa reprodución, a dobre páxina, do pergamiño Vindel e coa cantiga “Ondas do mar de Vigo” en caligrafía da artista Yuuko Ishioroshique caligrafara varios poemas de Cabanillas. En galego e xaponés figura o limiar de Xesús Alonso Montero, como están nestas dúas linguas as sete cantigas do poeta do mar de Vigo, pero a lingua do libro é a xaponesa.

Despois do limiar de Alonso, figura un prólogo de Asaka onde se pregunta quen é o xogral Martín Codax; e a seguir varios capítulos da súa autoría. O 1º trata do códice do pergamiño Vindel, o 2º dos tres xograres da ría de Vigo (Mendiño, Martín Codax e Joán de Cangas) e o 3º é a edición das sete cantigas de amigo, con versión en galego medieval e en galego moderno, que preceden a versión xaponesa feita por Asaka, que redactou unha coda con notas e vocabulario para ler o pergamiño Vindel. O capítulo 4º, tamén en xaponés, é un estudo de Yuri Sugüimoto sobre a música das cantigas do xograr do mar de Vigo. Trátase dunha especialista en música medieval galega (e española), italiana e francesa, que a comezos do 2010 estivera no Arquivo da Catedral de Santiago para investigar a música inserida no Códice Calixtino.

A obra contén unha bibliografía actualizada sobre os estudos do xograr e unhas notas sobre os membros do Yuri Ensemble que tocan e cantan as sete cantigas de Martín Codax que figura no CD que fecha o libro. Trátase de Iwabuchi (tambor), o único home do Ensemble; Aya Kaburagüi (soprano), Miguiwa Sudou (frauta), Ichito Tsubota (viola) e Yuri Sugüimoto (directora). Teñen pensado facer un recital destas cantigas en Toquio no vindeiro mes de febreiro; pero como soñar non custa nada, xa estou vendo actuar o Yuri Ensemble en Vilariño de Cambados, interpretando eses textos na terraza da adega Martín Códax, fronte ó literario mar da Arousa. Trátase dunha adega froito do esforzo de tantos colleiteiros de albariño desa feraz parroquia cambadesa (e de moitos colleiteiros do Salnés), unha adega que desde a súa orixe moito leva feito por dignificar, á súa maneira, a lingua e a cultura galegas.

Tal como xa fixera cando tratei a version xaponesa de Cabanillas, para min é unha inmensa satisfacción ver que Takekazu Asaka segue a traballar pola difusión da lingua e da cultura galegas no Xapón, e co mesmo entusiasmo e xenerosidade de cando nos coñecemos no 1989.

Cando vaia entrado agosto, na compaña de Takiño, que é como quere que lle chamemos os amigos, gozarei un ano máis das rúas e das paisaxes cambadesas de Cabanillas (e de Xoán Manuel Pintos, Valle-Inclán, Alfredo Brañas, Plácido Castro…), das esculturas que na vila hai de Asorey, Leiro ou Manolo Paz e tamén de lugares e paraxes do Salnés que aínda non coñece. Hai anos pasaba fugazmente por Cambados (e polo Salnés), pero ultimamente este é un dos seus destinos preferidos en Galicia, xunto con Compostela e as terras da Fonsagrada.

En nome de tanta xente que soña e traballa por unha lingua e terra normalizadas, beizón, amigo Take, por canto levas feito a prol da nosa cultura. Arelo vivamente que algún día a Patria Galega che recoñeza a entrega e a xenerosidade de tantos anos.

Terras de Teo, 30 de xullo do 2015

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior