O galego na Xacopedia e no Goberno galego, ulo?
Parece incrible, pero se na plataforma apartidaria ProLingua non entendemos mal a noticia, a Xunta vén de abrir unha enciclopedia virtual sobre o Camiño de Santiago na que se exclúe o galego. Chámanlle Xacopedia.
Se a catedral de Sevilla ten un portal en español, ou o Coliseo de Roma en italiano, quen pode ter un desprezo tal pola lingua galega que pense en proxectar un espazo na internet tendo como referente o fenómeno xacobeo sen que a lingua principal sexa o galego? A resposta é a Axencia de Turismo de Galicia, organismo oficial do Goberno, dun Goberno que debería ter como cerna da súa esencia o uso e a defensa do que aquí (e en todas as partes) está maltratando: a lingua galega.
Ninguén pode ser alleo ao impacto cultural nin ás posibilidades educativas que podería ter un portal que explique a historia e a arte do Camiño de Santiago. Por iso, aínda é menos comprensible que esa Xacopedia conte, tal e como parece, co visto e prace da Consellaría de Cultura e Educación. E que dicir da Secretaría Xeral de Política Lingüística? Postas unha vez máis en evidencia, é pertinente preguntarse a que altura quedan estes organismos cando na oficina do piso de arriba exclúen a lingua galega unha vez e outra.
Conviña recordarmos que a recente inauguración do Centro Internacional de Acogida al Peregrino (que levou máis de un millón e medio de euros dos nosos cartos) destacou pola ausencia do galego na súa cartelaría. Quizais tampouco deberiamos esquecer os centos de sinais dos diversos camiños de Santiago, colocados por este mesmo Goberno e nos que a nosa lingua, unha vez máis, ficou fóra. En ningunha desas ocasións a SXPL foi quen de facer outra cousa que baixar a cabeza e calar porque niso consiste a súa política lingüística. Os plans e os procedementos para garantir que a propia Administración respecte, promocione e faga gala da lingua galega, ulos? Con estes fundamentos non podemos esperar máis que políticas de destrución da lingua, nunca de normalización.
Cando se colocaron os sinais do Camiño estábase a asumir que o galego é unha lingua de segunda categoría, prescindible. Negar a presenza do galego na fachada do Centro Internacional de Acogida al Peregrino é unha burla a todos os cidadáns que, se cos nosos impostos achegamos unha considerable cantidade de cartos para restaurar o edificio, non o fixemos para contribuír á exclusión da nosa lingua, senón máis ben para todo o contrario. Finalmente, cando desde o Goberno se expulsa o galego dunha plataforma como a Xacopedia, estase a mostrar claramente que alén de non lle importar para nada nin o galego nin a súa normalización, tampouco lle preocupa asumir publicamente que están levando a cabo unha política lingüística de destrución. "O galego, canto menos e máis oculto, mellor", esa é a principal directriz do actual Goberno.
ProLingua, 20 de novembro do 2015