USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Voces

A Xunta de Galicia agarda ofertar en breve os cursos de galego en Madrid

O pasado 5 de xaneiro ProLingua dirixiuse á Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia despois de saber que case cen persoas preinscritas nos catro cursos de galego do Espazo das Linguas Ibéricas-Casa de Galicia en Madrid  non poderían comezar as clases en xaneiro, como estaban programadas, “por razóns organizativas e xurídicas”, tal como comunicou a SXPL.

ProLingua solicitaba no seu escrito información sobre as intencións da SXPL en relación con estas actividades e pedía que canto antes se reconsiderase a súa suspensión, xa que isto supoñía deixar abandonado un bo quiñón de persoas que optaron por dedicar parte do seu tempo a aprenderen o noso idioma; ademais, implicaba prescindir dun importante foco irradiador da lingua e da cultura galegas na capital do Estado .

O luns 19 de xaneiro ProLingua recibiu unha carta asinada por Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, na que afirma que “en ningún caso se trata dunha suspensión da formación [...] senón que estamos ante un aprazamento que ten que ver con cuestións relacionadas cunha nova planificación e deseño da impartición destes cursos, que agardamos poder ofertar á maior brevidade posible”.

Arelamos que se solucione canto antes este problema e que a SXPL da Xunta de Galicia cumpra a súa palabra e restaure os cursos do Espazo das Linguas Ibéricas, tan demandados, e que deixaron case un cento de persoas á espera de recibir clases de lingua galega en Madrid. Estaremos á espera.


ProLingua, 21 de xaneiro do 2015

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior