USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Voces

A Deputación de Pontevedra escóndelle a lingua galega ao turismo

Lemos na páxina web da Deputación de Pontevedra, no apartado Funcións e estrutura, que entre as tarefas do departamento de Turismo Rías Baixas se encontra en primeiro lugar a “organización e realización de accións encamiñadas a atraer turismo”. A terceira función das doce que reproduce a listaxe é a “edición directa ou en colaboración de información turística”.

No exercicio destas funcións a Deputación acaba de editar unha guía de festas da provincia de Pontevedra. Segundo informa o Faro de Vigo, publicáronse un total de 1.500 exemplares, mil en castelán e cincocentos en inglés, “dado que están dirixidas principalmente a turistas de fóra de Galicia”.

En ProLingua ignoramos se a edición desta guía será eficaz no labor de atraer turismo, tal e como determina a primeira das funcións que citabamos arriba. O que si fará será mostrarlle á poboación galega susceptible de visitar a provincia de Pontevedra, e ás visitas que cheguen de fóra de Galicia, o desprezo da Deputación polo galego. E consecuentemente polos/as turistas que o empregan e/ou lles gustaría acceder a esa información na lingua galega, vivan ou non na nosa terra.

Os técnicos de turismo da Deputación parece que ignoran a existencia do turismo lingüístico, pois non son poucas as persoas que, cando viaxan, tamén queren escoitar outras linguas, outros acentos. Un turismo que tamén dá os seus dividendos. Que llelo pregunten aos galeses ou aos irlandeses da zona occidental, ou, sen ir máis lonxe, aos estremeños do noroeste da provincia de Cáceres (concellos de Valverde do Fresno, As Ellas e San Martín de Trevello) que cada ano reciben excursións de galegos que se desprazan a máis de 300 km. unicamente por escoitaren a súa fala esencialmente galega.

Estamos seguros de que de se facer unha tiraxe desta guía en galego o número de turistas de fóra de Galicia non se vería reducido e, ademais, contribuiría decisivamente na “realización de accións e xestións tendentes a reforzar e mellorar a comunicación da imaxe de marca do destino ``Rías Baixas´´”, que é a segunda función do departamento de turismo.

Por iso desde ProLingua, asociación apartidista que traballa pola promoción do idioma galego, solicitamos que se leve a cabo unha reedición no noso idioma da guía de festas da provincia de Pontevedra e que se poña a disposición pública.

ProLingua, a 11 de xullo do 2015.

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior