ProLingua fondeou na Homenaxe a Xabier P. DoCampo
Por Francisco Fernández Rei, membro de ProLingua
Fotografía: Andrea Santiso
1. O necesario PXNLG e a súa incipiente aplicación
A ausencia dun plan integral de normalización, a alarmante caída na transmisión familiar e a perda xeral de falantes, sobre todo na mocidade urbana, motivaron que o goberno do Partido Popular de Fraga Iribarne iniciase no 2002 a redacción do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG), nun proceso aberto, consensuado e participativo, ó que lle puxo ramo o Parlamento de Galicia o 22 de setembro do 2004 ó aprobáreno por unanimidade os tres grupos da cámara (populares, socialistas e nacionalistas). O primeiro obxectivo xeral dese Plan era “garantir a posibilidade de vivir en galego a quen así o desexe, sabendo que conta co amparo da lei e das institucións.”
Nos anos en que o PSdG-PSOE e o BNG gobernaron na Xunta (2005-2009), houbo algúns avances salientables na aplicación do PXNLG, como a creación das Galescolas, a aprobación da Lei do Libro e da Lectura e a presenza do libro galego en feiras internacionais, o apoio á difusión da música galega e da industria editorial, a posta en marcha de Axencia de Industrias Culturais e a creación dos Premios Nacionais de Cultura.
Adoptáronse medidas para favorecer actitudes positivas para borrar prexuízos sobre o idioma; e no ensino o máis significativa foi o Decreto 124/2007, do 28 de xuño, polo que se regulaba o uso e a promoción do galego no sistema educativo. Consonte as medidas do PXNLG, no anexo do decreto establecíase que na educación primaria e na secundaria, nos bacharelatos e nos ciclos formativos se garantise “que, como mínimo, o alumnado reciba o 50% da súa docencia en galego”.
O Partido Popular mantiña un compromiso formal co idioma e nunca construíra un discurso para atacalo directamente; porén, foi gañar as eleccións en marzo do 2009 e falar de aplicar medidas contra o proceso de normalización, das que cómpre salientar dúas: a eliminación da esixencia dunha proba de galego para acceder a un posto de traballo na administración (Lei 2/2009, de 23 de xuño, coa que se modificou o texto refundido da Lei da función pública de Galicia de 1/2008, de 13 de marzo); e o Decreto para o Plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia (Lei 79/2010, de 20 de maio), co que se reduciu a presenza do galego no ensino e se eliminou de materias científicas.
2. ProLingua, a utopía apartidaria de Xabier P. Docampo
As medidas desprotectoras que anunciaba o PP, particularmente para o ensino, que, xunto coa creación da radio e da televisión galegas, fora un dos esteos do proceso de dignificación e socialización da lingua propia de Galicia, na primavera do 2009 provocaron un desánimo xeral entre moita xente que quería vivir en galego, pois vía que se podía derrubar o que custara tantos anos erguer, con tanta ilusión e con tanto sacrificio.
Nesa primavera, que para a lingua galega máis ben era o comezo dun frío inverno, Xabier P. Docampo soñou a creación dunha plataforma apartidaria, pero non apolítica, na que puidese participar calquera persoa defensora do galego, á marxe da súa ideoloxía. O 4 de abril do 2009 xuntou en Compostela un grupo de doce persoas para nos explicar o seu soño e ver que se podía facer. Foi o xermolo de ProLingua, da que semanas despois, por cooptación, formaban parte case 200 persoas, que na rede debateron e aprobaron o manifesto fundacional, que axiña se traduciu a ducias de linguas estatais e minorizadas.
O 5 de febreiro do 2010, ás 20:30 hora local, ProLingua realizou a súa acción máis impactante ata o momento: a multipresentación do libro 55 mentiras sobre a lingua galega en 69 localidades de Galicia, de España e do estranxeiro en varios continentes, ás que cómpre engadir un bo quiñón de presentacións despois desa data en novos lugares. Era un berro contra a mentira da imposición do galego, á vez que se desmontaba con datos abondos a falacia de que o castelán non se lle impuxera a ninguén. En abril do 2001 o rei Juan Carlos I, no acto de entrega do Premio Cervantes, tivera a ousadía e a desvergoña de dicir: “a nadie se le obligó nunca a hablar en castellano”.
Despois da multipresentación, ProLingua seguiu a súa singradura, unhas veces bolinando e outras con empopada ou encalmada. Fondeou en illas e atracou en portos en que realizou accións modestas en defensa do galego e fixo públicos moi diferentes textos para criticar accións en contra da lingua propia de Galicia, fosen de institucións ou de particulares; e sempre o fixo coa maior finezza e sen ambigüidades, e coa liberdade de non ter solicitado nunca unha subvención a ninguén, pois desde o inicio, á parte do capital humano, o seu capital eran bonos e cotas dos socios e simpatizantes.
Nos seus dez anos de singradura, ProLingua ten quedado varada en areais, agardando a que o mar chegase á beira para poder flotar de novo; e pouco faltou para que algunha vaga de mar campal a afundise ou que encallase nas pedras de imprevistos rebastais. Con todo, con vento ou sen el, continuou a súa navegación.
3. ProLingua e a lectura colectiva da obra de Xabier P. Docampo
Na tarde do pasado 4 de xuño ProLingua fondeou na Biblioteca Pública de Santiago “Ánxel Casal” para participar na Homenaxe a Xabier P. Docampo coa lectura de fragmentos extraídos da súa obra literaria, xunto con membros de asociacións e colectivos cos que Docampo tivo relación e outros, ademais de persoas que se sumaron a título individual á feliz iniciativa de Pilar Sampedro, alma do evento. Na cristaleira da “Ánxel Casal” estivo ese día a foto e a frase de Docampo “Toco cos dedos a luz nova do día”, como estiveran ó longo de varios meses despois da súa morte o 26 de xuño do 2018.
Héctor Cajaraville deseñou o vistoso cartel da Homenaxe con cubertas de obras de “O mestre das viaxes imaxinarias” e cos nomes e logotipos das asociacións e colectivos que achegaron membros para a lectura colectiva. A Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix), da que Docampo fora fundador e presidente, colaborou, ademais, coa proxección das cubertas das obras de Docampo en galego e das traducións a outras linguas na sala de lecturas, que comezaron ás 10 da mañá a cargo do alumnado de centros de ensino de Compostela. Á hora de buscar centros e coordinalos, Pilar Sampedro contou coa colaboración de Maka Arca e de Mercedes Espiño, como contou coa Deputación da Coruña para financiamento dos carteis e de fermosos marcapáxinas en lembranza do acto.
Sobre as 6 da tarde, todos os membros de ProLingua presentes na sala subiron ó estrado, como se pode ver na foto de Andrea Santiso que ilustra este texto. Maka Arca comentou o momento histórico en que Docampo soñou unha plataforma apartidaria a prol do galego, e a seguir léronse fragmentos de obras do homenaxeado: Maka e Manolo Pazos, A nena do abrigo de astracán (2017); Xosé Luís Santiso, Cando petan na porta pola noite (1994); Paco Fernández Rei a “Carta ao fillo” e Xosé Mª Lema a “Carta a R. L.S.”, de Catro cartas (2000); Xosé Luís Santos Cabanas, a “Carta ao S[ecretario] X[eral de] P[olítica] L[ingüística]” (2012), do xornal Praza pública; Xavier Senín, O libro das viaxes imaxinarias (2008); e Cibrán Arxibai, “A desaparición dos vagalumes” (2016), do suplemento A Fondo sobre a contaminación luminosa, de Sermos Galiza.
Tamén viñeron honrar Docampo outros membros de ProLingua: Romina Bal, que nos comezos do acto leu un fragmento de Bolboretas (2004); e Esperanza Mariño, que xa non puido ler o seu texto, como lle pasou a tantas persoas doutras asociacións ou que viñan a título particular.
Rematada a lectura colectiva, a crítica María Jesús Fernández deu unha amena conferencia sobre as liñas xerais do proceso creador e a relevancia da obra literaria de Docampo, co que tivera unha grande amizade, e sobre os resultados da colaboración co seu ilustrador Xosé Cobas, que foi, ademais, o deseñador do logotipo de ProLingua. E a seguir clausurouse a xornada coa entrega polo presidente de Gálix da figura conmemorativa como Socio de Honra 2018 a Xabier P. Docampo, que non puido recoller en vida o galardón. Recolleuno María Xesús Bello, a súa viúva, que asistiu ós actos da tarde na compaña do seu fillo Daniel.
Foi unha homenaxe moi emotiva, un acto de amor á lectura e ó galego, e á vez foi un acto de resistencia sociocultural, que tanto necesita hoxe a Patria da Lingua Galega. Estou seguro que moito lle agradou ó retranqueiro Gran Chairego, se tivo vagar para contemplalo nunha parada da súa eterna navegación polos ignotos mares do Alén.