USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Voces

O reino de Galicia na novela "Assim nasceu Portugal"

assim nasceu portugal d amaral 2

Por Xosé Mª Lema, membro de ProLingua

 

 

A lectura desta obra recomendouma David Martíns, o meu ilustrado empresario de fontanería portugués -oriúndo da zona de Coímbra, augas arriba do Mondego-, que, despois de ter emigrado a Francia, casou cunha galega da Ulla e desde hai xa ben anos aveciñou nesta comarca, onde vive  coa súa familia. Cando visito o seu comercio de Lestedo, temos longas paroladas sobre temas diversos, tanto da actualidade coma da historia galega, portuguesa, española e mesmo europea, pois os coñecementos de David non se remiten ós do seu oficio.

 

Historia novelada do primeiro monarca portugués

 

O certo é que xa hai un par de anos que lera Assim nasceu Portugal. I. Por amor a uma mulher (Casa das Letras, 2014, 1ª ed.), novela histórica de 420 páxinas da autoría de Domingos Amaral  (Lisboa, 1967), profesor de Economia e Desporto da Universidade Católica Portuguesa. É o primeiro livro dunha serie de tres destinados a narrar de forma novelada a historia do primeiro rei de Portugal. O segundo xa saíu publicado en 2016 e leva o mesmo título (Assim nasceu Portugal), pero con distinto subtítulo: II. A vitoria do imperador). O terceiro aínda está en preparación.

 

Neste “romance” nárrase basicamente como chegou o infante Afonso Henriques (A.H.) a conseguir a independencia de Portugal e ser o seu primeiro rei, nunha trama que discorre entre os anos 1112 e 1130. Poñendo a narración en boca de Lourenço Viegas, fillo de Egas Moniz, grande amigo de A.H., o autor foxe de facer unha historia haxiográfica do primeiro monarca luso -coma sería o esperado-, pois nela non se agochan as fraquezas, indecisións, deslealdades e mesmo os posibles erros históricos do persoeiro.

 

Unha novela acorde coa realidade histórica

 

Cómpre salientar que, malia deixar agra aberta á ficción romántica -o namoramento do futuro rei por Chamoa Gomes, “bela rapariga galega” filla do tudense conde de Toroño-, ó longo das súas 424 páxinas Amaral sométese en todo momento ós acontecementos históricos documentados pola historia. Dos 57 personaxes que aparecen no relato tan só once son ficticios. O único erro histórico que lle atopei foi o de afirmar que o rei Afonso VI pouco antes de morrer obrigara a súa filla Urraca casar co seu primo Afonso I de Aragón, cando foi totalmente ó contrario, pois o emperador dos tres reinos de Galicia, León e Castela deixara estipulado que se a súa filla máis vella -xa viúva de Raimundo de Borgoña, conde de Galicia- volvera casar, perdería todo dereito a ser coroada.

 

Digno de salientar e valorar é que en todo momento, de principio a fin, Amaral lle dá ó reino de Galicia e ós galegos da época todo o protagonismo, relevancia e importancia que corresponde pola historia, pola historia real e non polas oficiais dos Estados-nación de España e de Portugal. Non estamos afeitos en Galicia a que desde fóra se faga así (ás veces nin desde a propia casa): por parte española, nin falar nin toar; por parte portuguesa só de pascuas en ramos, cando non hai máis remedio porque as contas non cadran.

 

Deste xeito, Afonso VI e Afonso VII  son sempre citados aquí como reis dos tres reinos: Galicia, León e Castela, non sempre por esta orde, pero o reino de Galicia non queda esquecido na brétema ou na noite pecha como adoita acontecer noutros casos por parte de reputados historiadores medievalistas españois, portugueses e mesmo galegos.

 

Manter a unidade da Galicia histórica

 

A cerna da narración é a loita interna, familiar, entre o inquedo mozo Afonso Henriques e a súa propia nai, dona Teresa -filla de Afonso VI-, herdeira do condado Portucalense cando o seu marido o conde Henrique de Borgoña morre en 1112.

 

Amigada anos despois con Fernando Peres de Traba, de quen terá dúas fillas, ambos os dous aparecen na trama novelística de forma clara como abandeirados de manter a unión secular de todo o territorio da antiga Gallaecia (“promover a união entre as famílias do Norte e do Sul da velha Galécia, como os romanos a chamavan”, p. 224), pois ambicionaban converterse eles en monarcas de todo o reino, pois as divisións entre membros da nobreza e do clero do territorio do norte do Miño (condado de Galicia; a actual) e do sur (condado Portucalense) eran cada vez maiores.

 

Nin que dicir ten que Teresa e Fernando serían demonizados pola historiografía portuguesa. Pérez de Traba convertería no primeiro “galego” entremetido nos asuntos portugueses, como se lle fosen alleos. As futuras intromisións de persoeiros galegos na política lusa poucas veces serán contempladas con bos ollos: lembremos os asasinatos de dona Inés de Castro (amante do infante D. Pedro) en 1355 por orde do rei Afonso IV, e do conde Xoán Fernández de Andeiro -o máximo valedor da unión de Galicia con Portugal e autor do primeiro tratado anglo-luso (o Tratado de Tagilde, 1372), asasinado polo Mestre de Avis coas súas propias mans en 1383.

 

A rebelión de Afonso Henriques e de boa parte da nobreza portucalense contra a súa nai e contra os Traba -poderosos señores do norte galaico- frustrou esta idea, e na vitoria de Afonso Henriques e da maior parte da nobreza portucalense na batalla de San Mamede, preto de Guimarães, no ano 1128, provocou a independencia do que despois pasaría a chamarse Portugal (<Portus Cale).

 

Queda claro que a independencia foi a custa da escisión do territorio meridional da antiga Gallaecia, e nela tiveran moito que ver os intereses e rivalidades dos arcebispos Paio Mendes de Braga e Diego Xelmírez de Compostela, encantados os dous coa fronteira miñota.

 

Xa é triste que teñamos que botar foguetes de tres estalos cando algún historiador -novelista neste caso- respecta o evidente segundo os máis rigorosos datos históricos: o gran protagonismo que tivo o reino medieval de Galicia na historia da península Ibérica.

 

assim nasceu portugal d amaral 2

assim nasceu portugal d amaral 2

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior