USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Voces

MEDICINA EN GALEGO

medicina en galego

Por Elvira Nercellas

Na única facultade de Medicina de Galicia, tan só o 1,2% da docencia é impartida en galego. Coa diglosia e a marxinación do galego dentro das aulas xorde o grupo de normalización lingüística “Medicina en galego”. Onde queda o noso dereito a estudar en galego nunha facultade pública galega? Por que non se ve como unha prioridade formar ás futuras médicas galegas na lingua que falarán a maior parte das súas pacientes?

 

Medicina en galego pediulle ás docentes se podían incrementar as súas horas de docencia en galego, mais practicamente o número das mesmas segue a ser próximo a 0, como de costume. Tamén se esixiu que os exames (na súa maior parte tipo test) fosen redactados tanto en castelán como en galego. Logrouse así minimamente visibilizar a nosa lingua, mais o resultado tampouco foi o esperado: o alumnado ten os apuntamentos en castelán, polo que, ao final, facer un exame en galego despois de ter estudado todo en castelán carece de sentido. Ademais, na opción en galego as preguntas acostuman a estar cheas de faltas de ortografía, gramática e sintaxe, o cal finalmente supón que o número de estudantes que se deciden por realizar o seu exame en galego sexa moi reducido.

 

Deste modo, non só as estudantes galegas carecemos dunha terminoloxía médica adecuada no noso idioma, senón que, ademais, o alumnado de fóra de Galiza carece da oportunidade de formarse na lingua que escoitará cando realice as súas prácticas no hospital ou que estará presente no seu día a día no caso de quedar a traballar aquí.

 

Así, Medicina en galego proponse facer uso das redes sociais para divulgar termos e conceptos médicos na nosa lingua. O obxectivo é crear un espazo no que o uso do galego dentro da medicina sexa completamente normal (dado que na propia facultade semella imposible por moito que o intentemos debido á nula implicación das autoridades académicas), así como animar e concienciar ao propio alumnado da USC do importante que é saber comunicarse na mesma lingua que falan as pacientes (algo que en Galiza non é tan evidente como parece).

 

Toda esta deficiente formación na nosa propia lingua supón numerosas carencias na calidade asistencial do sistema de sanidade público. Falar galego non está normalizado dentro da propia profesión médica. Cando facemos prácticas, todos vivimos situacións nas que as pacientes galegofalantes tentaban empregar o castelán para dirixirse ás médicas cando claramente se sentían máis cómodas expresándose en galego posto que era a lingua que falaban coas súas parentes e acompañantes (por non falar do dereito de todas as galegas a seren atendidas no seu idioma dentro da sanidade pública). Todo isto implica que milleiros de galegas  se sintan estrañas no seu propio pobo cando acoden a consulta, posto que en fronte atopan a unha persoa totalmente allea á súa realidade lingüística.

 

Deste xeito, Medicina en galego pon en marcha a campaña “O galego é saudábel”. É a médica e non ao revés a que ten que tratar de entender e facerse entender á paciente. Ademais, unha boa comunicación fluída na propia fala da paciente é fundamental para redactar unha boa anamnese na historia clínica e realizar o mellor e máis acertado diagnóstico. Por iso, non nos fartamos de afirmar de que falar galego é extraordinaria e efectivamente saudábel se esa é a lingua na que se comunican as túas pacientes.

 

Poder aprender medicina en galego non é un capricho dun grupo de estudantes descontentas coa diglosia normalizada que se vive na facultade, é un dereito que temos como estudantes e que estamos cansas de reivindicar. Sen clases en galego, o galego non existe: nin na facultade nin nos hospitais.

medicina en galego

medicina en galego

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior