USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Voces

Lingua galega e Premios da Cultura

premios nacionais da cultura galega 2008

Por Francisco Fernández Rei, membro de ProLingua.

 

Estes días pasados desveláronse os nomes dos galardoados cos Premios da Cultura Galega 2019 da Xunta de Galicia. Vou lembrar o nacemento destes premios para logo centrarme nos de creación literaria e outros do Ministerio de Cultura onde a Real Academia Galega conta cun membro do xurado.

 

1. Os Premios (Nacionais) da Cultura Galega

 

No 2008 concedéronse por primeira e única vez os Premios Nacionais da Cultura Galega, que naceron como recoñecemento a quen a constrúe día a día. Creounos a Xunta de Galicia gobernada polos socialistas do PSOE e os nacionalistas do BNG, que dotou cada premio con 12.000 euros, ademais de darlles ós 10 galardoados unha escultura de Ignacio Basalla, que é a que ilustra este texto[1].

 

As modalidades e os premiados foron Arquitectura e Espazos Públicos: Manuel Gallego Jorreto, Artes Escénicas: Manuel Lourenzo, Artes Visuais: Francisco Leiro, Cine e Audiovisual: Margarita Ledo Andión, Cultura Tradicional e de Base: Museo do Pobo Galego, Iniciativa Cultural: Laboratorio de Formas, Literatura: X. L. Méndez Ferrín, Música: Mercedes Peón, Patrimonio Cultural: Remodelación Urbana de Pontevedra, Pensamento e Cultura Científica: Francisco Díaz-Fierros.

 

A  Xunta gobernada polo Partido Popular creou no 2010 os Premios da Cultura Galega. Borrou da súa denominación o termo “nacionais” e eliminou a dotación económica; o premio sería un diploma acreditativo e unha escultura ou obxecto conmemorativo realizado por un artista de recoñecido prestixio.

 

As 7 modalidades e premiados na 1ª edición desta nova xeira foron Letras: Agustín Fernández Paz, Artes Plásticas: Menchu Lamas, Artes Escénicas: Eduardo Alonso, Iniciativas en prol do Patrimonio Cultural: Fundación Barrié de la Maza, Promoción Cultural de Galicia: Editorial Galaxia, Música: Orquestra Sinfónica de Galicia, Creación Audiovisual: Vaca Films. No 2013 engadiuse a modalidade de Lingua[2].

 

2. A renuncia de Fernández Paz ó Premio da Cultura

 

Nun comunicado, datado en Vigo a 16 de novembro do 2010, Agustín Fernández Paz agradecía que o xurado valorase a súa obra literaria, pero non aceptaba o premio por coherencia coa crítica que el mesmo fixera ó se crearen os Premios da Cultura Galega; e verbo das razóns da súa decisión, remitía “ao comunicado que a plataforma ProLingua, entidade da que son membro, fixo público o pasado 8 de outubro”.

 

No comezo do comunicado «Rosalía de Castro nunca aceptaría este ‘Premio’», ProLingua manifestaba que “nin a actual Xunta nin o seu Presidente, responsables ante a historia de lexislaren por vez primeira contra a nosa lingua, e polo tanto contra o marco xurídico e fronte ao consenso que posibilitou a súa presenza pública, poden atribuírse agora o papel de benfeitores da cultura galega”. Facía un chamamento para recuperar o camiño da concordia, cun novo consenso en que se concibise a lingua como parte esencial da nosa riqueza, e nunca como problema; e remataba considerando “lexítimo non aceptar ningún premio que veña hipotecado por agresións contra a mesma cultura que se finxe exaltar con protocolario boato”.

 

No 2015 o Premio da Cultura Galega na modalidade de Lingua foille concedido á Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, que tamén renunciou. Ata o momento ninguén máis o fixo, nin sequera quen publicamente no seu día gabou a coherencia de Agustín Fernández Paz.

 

3. A creación en galego e os premios do Ministerio de Cultura

 

O Ministerio de Cultura do goberno de España leva un bo quiñón de anos concedendo premios literarios de creación e de tradución a obras en calquera das linguas españolas entre todas as publicadas no Estado no ano anterior. A produción en lingua galega concorre en plena igualdade coa editada en castelán, catalán e éuscaro, aínda que o volume de obras editadas no noso idioma é moi inferior ó da produción na lingua estatal e bastante inferior á produción en catalán. A Real Academia Galega sempre ten un representante no xurado dos premios de creación literaria (Letras Españolas, Poesía, Narrativa, Literatura Infantil e Xuvenil, Ensaio, Teatro e Poesía Miguel Hernández para xente moza) e nos de Xornalismo Cultural e de Tradución.

 

A contía dos premios do Ministerio era de 15.000 euros (os da Xunta bipartita de 12.000), que foi aumentando ata chegar ós 20.000 euros actuais, aínda que algúns premios están dotados con 30.000, coma o das Letras Españolas ou o Nacional de Teatro. Caso á parte é o Premio de Literatura en Lengua Castellana “Miguel de Cervantes”, con 125.000 euros.

 

A crise económica non foi unha pexa para aumentar a dotación, pois o Ministerio de Cultura creou novos premios, entre outros, no 2009 o de Periodismo Cultural (o ano pasado concedéronllo a Ana Romaní e este ano a Anxo Quintela); e no 2011 o de Poesía Joven Miguel Hernández (no 2015 recaeu nun poemario en galego de Gonzalo Hermo).

 

A creación literaria en galego tivo un merecido recoñecemento nos premios do Ministerio de Cultura, sobre todo en Literatura Infantil y Juvenil, desde que no 1986 foi premiado Paco Martín con Das cousas de Ramón Lamote; e a seguir fórono Xabier P. Docampo (1995), Fina Casalderrey (1996), Agustín Fernández Paz (2008), Ledicia Costas (2015) e Antonio García Teijeiro (2017). O premio, que comezou a outorgarse no 1978, recaeu en 26 obras en castelán, 8 en catalán, 2 en éuscaro e as 6 en galego citadas, o que converte este galardón no de máis éxito para a nosa lingua dos que concede o Ministerio.

 

No Nacional de Ensayo, que se concede desde 1975 (con interrupcións na década seguinte), case todas as obras premiadas están en castelán (38), só 1 en catalán e en éuscaro e 2 en galego, a de Justo Beramendi González (2008) e a de María Xesús Lama (2018). O premio do 2019 obtívoo Xosé Manuel Núñez Seixas cun ensaio en castelán.

 

No Nacional de Narrativa (3ª época) a gran maioría dos galardóns foron para obras na lingua estatal (36), fronte a 1 en catalán, 3 en éuscaro e 3 en galego: Alfredo Conde (1986), Manuel Rivas (1996) e Suso de Toro (2003); e algo semellante ocorreu co Nacional de Poesía (2ª época), con 38 obras premiadas en castelán, 3 en catalán e 2 en galego: Manuel Álvarez Torneiro (2013) e Pilar Pallarés (2019).

 

O Nacional de Literatura Dramática, co que se premia unha obra publicada, creouse no 1992. Outorgóuselle a 25 obras en castelán fronte a 1 en catalán e 2 en galego: Manuel Lourenzo (1997) e Rubén Ruibal (2007). O Nacional de Teatro, co que se recompensa unha traxectoria ou vida profesional, ou ben se salientan novas achegas no campo do teatro a través dunha obra ou actuación pública, concedéuselle no 2014 á Compañía de teatro Chévere, que daquela tiña a súa sede estable na Ramallosa (Teo).

 

O Nacional de Tradución outorgóuselle no 1990  á Biblia (do hebreo, arameo e grego clásico ó galego), de José Fernández Lago, Andrés Torres Queiruga, Xosé Manuel Rodríguez Pampín e outros, e ex aequo ese ano para unha tradución do grego clásico ó castelán; e no 2014 foi para o Ulises de Joyce (do inglés ó galego), da autoría de Eva Almazán, Xavier Queipo, María Alonso Seisdedos e Antón Vialle.

 

No 1988 premiouse As aventuras de Pinocchio de Collodi (do italiano ó galego), de Antón Santamarina, que non figura na listaxe de obras premiadas na web do Ministerio, como tampouco figura o premio do 1989 a Mondo e outras historias de Le Clézio (do francés ó galego), de Valentín Arias e Raquel Villanueva. Era a primeira versión noutro idioma distinto do orixinal francés da obra dun autor que no 2008 obtivo o Nobel de Literatura[3].

 

 4. O Premio Nacional de las Letras Españolas

 

Ten por obxecto recoñecer o conxunto da obra literaria dun autor español, escrita en calquera das linguas españolas. Segundo se indica na web do Ministerio de Cultura e Deportes, a finalidade do premio é dobre: á vez que se recoñece a transcendencia dun autor e da súa obra literaria, incídese na presenza de linguas diferentes na configuración da cultura española, integrada por unha pluralidade de achegas lingüísticas que representan, cada una delas, unha tradición literaria que forma parte de todo o legado cultural español.

 

Os galardoados foron 27 autores en castelán, 6 en castelán e catalán, 2 en catalán e 1 en éuscaro. Concedeuse por primeira vez no 1984, e foi ó escritor en catalán J. V. Foix; e no 2019 premiouse, por primeira vez, un escritor en éuscaro, Bernardo Atxaga[4].

 

Na situación política da España actual, con Euskadi e Cataluña reclamando  autodeterminación, non deixa de ter o seu aquel que no presente ano o Premio das Letras Españolas sexa para un autor en vasco (e moito me alegrei por Atxaga!) e que o Premio Cervantes se lle  concedese a Joan Margarit, poeta en catalán e en castelán. O Cervantes é o máximo recoñecemento ó labor creador de escritores españois e hispanoamericanos “cuya obra haya contribuido a enriquecer de forma notable el patrimonio literario en lengua española.” (a cursiva é miña)[5].

 

Galicia é irrelevante na política estatal, todo o contrario de Euskadi e de Cataluña, e a literatura en lingua galega parece que é invisible para moita xente de fóra. Isto podería explicar que ata o dia de hoxe ningún escritor ou escritora en galego merecese ser recoñecido co Nacional de las  Letras Españolas, pero si con premios a obras concretas.

 

Recentemente dicía X. L. Méndez Ferrín que a creación literaria en galego é “absolutamente subalterna. A pesar de ser igual ou mellor á literatura de calquera outro país soberano como pode ser Portugal. Manuel Antonio cun libro é superior a Fernando Pessoa cunha colección de heterónimos xuntos. E é unha cuestión de talento, nada máis. Non hai unha Rosalía de Castro dese nivel en Europa durante o século XIX. Non existe.” E engadía: “seguimos sendo invisibles incluso dentro da nosa casa. En España hai un premio Cervantes e uns Premios Nacionais que cotizamos para eles e se lle dan aos escritores mellor dotados. Incluso a sudamericanos”. Para o autor de Arraianos, “En Galicia non existen premios á literatura. O escritor galego está sancionado.”[6]

 

Arelo que non tarde moito en ser recoñecido co premio das Letras Españolas a creación en galego. Hai un quiñón de persoas que o merecen, sobre todo X. L. Méndez Ferrín, pola innegable calidade artística da súa produción literaria, tan anovadora na poesía e na narrativa, á parte de toda unha vida de compromiso cívico con Galicia e coa súa cultura.

 

Mentres tanto, como diría Ramón Cabanillas, Soñemos, alma, soñemos!

 

Fefiñáns, 8 de decembro do 2019

 



[1] Os membros do xurado foron María Xosé Agra Romero, Rosario Álvarez Blanco, Xosé Ramón Barreiro Fernández, Xosé Luís Barreiro Rivas, María Bouzas, Xosé Manuel Buxán Bran,  Domingo Docampo Amoedo, María Isabel Fraga Vila, Celestino García Braña, Ana Romaní Blanco, John Rutherford, Felipe Senén López Gómez, Xurxo Souto, Laura Tato Fontaíña e Ramón Villares Paz. Cfr. Premios Nacionais da Cultura Galega O8.  Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte, 2008. Trátase dunha publicación para difundir e coñecer mellor os premiados, que escolleron as miradas dos que escriben sobre eles.

 

[2] A relación de modalidades e de galardoados das dez edicións (2010-2019) pode consultarse en https://gl.wikipedia.org/wiki/Premios_da_Cultura_Galega. O xurado presídeo o Conselleiro de Cultura; vogais son a presidencia do Consello da Cultura Galega, un dos reitores das universidades galegas, a presidencia da Real Academia Galega e da Real Academia de Belas Artes (ou persoa en quen deleguen) e catro profesionais de recoñecido prestixio no ámbito cultural designados pola Consellería, á que pertence a persoa que exerce a secretaría, con voz e sen voto. Ultimamente pasaron a ser tamén vogais o Director Xeral de Políticas Culturais e a Secretaria de Igualdade da Xunta de Galicia. Cf. https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2019/20190627/AnuncioG0535-190619-0002_gl.htmlA.

 

[3] Á parte dos premios literarios, o Ministerio de Cultura concedeulle no 2007 ó galego Manuel Vilariño o Nacional de Fotografía, á editorial Kalandraka o honorífico Nacional a la Mejor Labor Editorial Cultural no 2012 e a Adolfo Domínguez o Nacional de Deseño e Moda. O Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo premiou dúas galegas no 2019 co Nacional de Artesanía:  a zoqueira Elena Ferro, polo conxunto dunha obra consolidada; e a ceramista Paula Ojea, polo mellor produto artesanal.

 

[4] A composición do xurado pode verse en https://www.boe.es/boe/dias/2019/09/18/pdfs/BOE-A-2019-13306.pdf. Presidíao o Director Xeral do Libro e Fomento da Lectura do Ministerio de Cultura e Deporte, coa Subdirectora Xeral de Promoción do Libro, da Lectura e das Letras Españolas como vicepresidenta; e como vogais un membro a proposta da Real Academia Española, da Real Academia Galega, da Euskaltzaindia, do Institut d’Estudis Catalans, da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas, da Asociación Colexial de Escritores de España, da Asociación Española de Críticos Literarios, da Federación de Asociacións de Periodistas de España, do Centro de Estudos de Xénero da UNED e un vogal designado polo Ministerio, que tamén nomea o funcionario ou funcionaria, con voz e sen todo, para a secretaría. A composición dos xurados dos premios literarios citados neste artigo é semellante (representantes das Academias, dos reitores... ) e con presenza como vogal da persoa gañadora da edición anterior.

 

[5] Dos 27 escritores e escritoras en castelán co Premio de las Letras Españolas, 8 obtiveron despois o Premio Cervantes e 2 xa o tiñan. Ningún dos 6 escritores en catalán e castelán co Premio de las Letras Españolas obtivo o Cervantes, e Margarit non conta co das Letras Españolas.

 

[6]  «Xosé Luís Méndez Ferrín: “Penso que todo escritor que publica en galego é independentista”», 29 novembro 2019, http://balea.gal/novas/xose-luis-mendez-ferrin-penso-que-todo-escritor-que-publica-en-galego-e-independentista/  [consultado 07-12-2019].

 

 

premios nacionais da cultura galega 2008

premios nacionais da cultura galega 2008

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior