Unha Historia de España nesgada e ideoloxizada

Por Xosé María Lema Suárez.
O 6.01.21 viña en La Voz de Galicia (LVG) unha entrevista co historiador Juan Eslava Galán, debido a este xornal ía entregar co exemplar en papel do domingo 10.01 o primeiro tomo da súa Historia de España contada para escépticos[1].
Eu escribira hai case un ano, o 20.02.20, un artigo no que precisamente cuestionaba certos aspectos deste libro (na súa edición de 2016) pola súa nesgada e ideoloxizada visión da historia, sobre todo da medieval, na que ocultaba ou ignoraba por completo a existencia do reino de Galicia, entre outros erros de vulto. O meu artigo levaba por título «Galicia (que nunca había sido reino). A inmutable falsidade de certa historiografía española, aínda agora», e publicárase na sección “Voces” de ProLingua (http://www.prolingua.gal/voces/galicia-que-nunca-habia-sido-reino). Pódese reler, pois subscribo todo o que alí escribín.
A historia de España que este autor nos presenta como auténtica non é outra que a centralista xestada no século XIX e gravada como dogma de fe na ditadura franquista. É a da liña recta con orelleiras ós lados -para que non haxa desviacións- que vai do reino visigodo ó de Castela e, finalmente, ó de España; fóra disto todo é espurio e antiespañol.
Non é difícil adiviñar de que pé coxea o historiador, máxime cando, na citada entrevista, esbardalla contra medidas lexislativas do goberno español actual, todas elas desastrosas, casualmente as que coinciden coas progresistas ou descentralizadoras (a lei Celaá xa é “el desastre de todos los desastres”).
Pero o summum é cando, tras criticar a manipulación da historia por parte dos nacionalistas periféricos -que tamén a hai, sen dúbida-, resulta que para el o personaxe histórico positivo da de España é “el Cid, que representa los valores españoles de heroísmo, esfuerzo, fidelidad, valor. Es un héroe nacional”.
Un heroe nacional idealizado e irreal
Valería a escolla se non fose que ese modelo de “heroísmo, esforzo, fidelidade e valor” non é o do personaxe histórico -Rodrigo Díaz de Vivar, que viviu no séc. XI- senón o do idealizado e mitificado no Cantar de mio Cid, escrito por un xograr anónimo do séc. XIII, máis de cen anos -douscentos para algúns- despois da existencia real de Rodrigo Díaz, que, segundo o que se coñece del, era máis ben un cabaleiro de fortuna ó servizo de quen mellor lle pagase. Hai uns días escribiu sobre o Cid real o historiador Lourenzo Fernández Prieto en LVG.
É, polo tanto, imperdoable que un historiador (?) que tan crítico se mostra contra as supostas manipulacións doutros colegas intente facer pasar por histórica a versión ficticia e totalmente idealizada polo xograr que escribiu o cantar (Per Abbat?) un século ou dous despois, cos “retoques” finais do lingüista Menéndez Pidal a principios do séc. XX.
E para completar a obra, o noso historiador cae no anacronismo de atribuírlle a este “héroe nacional” (de que nación?) valores “españois”, cando á altura do séc. XI España non existía como entidade política. Rodrigo Díaz era un “castellano de Castilla” que estaba ó servizo do seu rei Sancho II e, en consecuencia, foi con el facerlle a guerra, primeiro a don García de Galicia -participou na batalla de Santarém (1071), onde o noso rei García foi feito prisioneiro- e despois a Afonso VI de León. Serían galegos e leoneses “antiespañois” sen sabelo? En fin: se esa é a historia que nos propón o Sr. Eslava como veraz pouco avanzamos; semella máis ben unha obra historiada de mediados do séc. XIX na que aínda se admitían como verdadeiras antigas lendas pseudohistóricas e rancios cronicóns sen base documental. Unha historia na que se oculta ou ignora por completo o ben veces documentado reino medieval de Galicia. Pero claro, ese desviárase da liña recta oficial e, polo tanto, non podería nunca "haber sido reino”.
