USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Voces

Carta aberta ao alcalde da Estrada, José López Campos

escudo da estrada

Como Vde. saberá, unha torre de ouro é o elemento máis destacable do escudo do concello. Porén o ouro do debuxo vólvese alcatrán na realidade. A torre do escudo fai referencia á de Guimarei que hoxe  esmorece comesta polas silvas e as hedras. Se nestes días alguén quixera visitar esta ruína levaría aínda outra sorpresa. Non podería facelo porque un pastor eléctrico rodea a finca.

 

Esta esperpéntica e tenebrosa imaxe da torre de Guimarei é a metáfora máis acaída para representar o maltrato á nosa lingua por parte do goberno municipal que Vde. preside. Estámonos referindo ás bases do concurso de proxectos para a humanización da Praza da Feira da vila, publicadas o pasado mes de xullo e nas que se excluíu completamente o galego a pesar de existir unha ordenanza municipal de compromiso coa normalización. O agravio non fica aquí senón que chega ao desvarío no punto 1.12, titulado "Idioma", que di exactamente:

 

"Todos los concursantes presentarán la documentación, en castellano o en gallego con traducción al castellano"

 

Os feitos son claros. Por unha banda publícase unha ordenanza amparando a lingua mais na práctica maltrátase. A estas alturas e con estes antecedentes non nos valen escusas. O mal está feito e os veciños xa saben que o goberno estradense elevou un muro electrificado arredor do galego. Non podemos imaxinar mellor forma de invitar os estradenses a traizoalo.

 

O noso desgusto vai máis alá do comentado pois tememos que este agravio se traslade do concello a todo o país cando lembramos que na campaña das eleccións municipais do 2015 Vde. gravou 15 vídeos nos que aparecía entrevistado polo secretario xeral de política lingüística e nos que se evidenciaba a perfecta sintonía que hai entre os dous. Con estes antecedentes, ninguén nos pode asegurar que o desleixo pola lingua que vostede demostrou non é compartido por quen dirixe a política lingüística galega.

 

En ProLingua desaprobamos a hipocrisía, por iso no noso escudo o galego refulxe en ouro, o mesmo ouro que queremos para a práctica diaria.

 

 

ProLingua, 14 de setembro de 2020.

escudo da estrada

escudo da estrada

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior