USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Voces

A CONSIDERACIÓN OFICIAL DO GALEGO EN ASTURIAS

navalla xarrapa ccyc

Por Xosé-Henrique Costas González

 

1.- TIPOLOXÍA LINGÜÍSTICA

 

Desde sempre, a lingüística e a filoloxía románicas estableceran que as variedades lingüísticas empregadas en Asturias entre os ríos Eo e Navia eran de filiación galega, continuidade natural do galego nororiental de Lugo [véxanse as páxinas 29-40 do Informe lingüístico sobre a nosa Terra Eo-Navia, da Asociación Abertal (2007) https://anl.uvigo.gal/opencms/export/sites/anl/anl_gl/documentos/E_INFORME_EONAVIEGO.pdf]. Isto foi algo que nunca se discutira.

 

2.- LEXISLACIÓN ASTURIANA AUTONÓMICA E ACADÉMICA

 

No art.4.1 do estatuto de autonomía de Asturias de 1981 (BOE 11/01/1982) dicíase que:

 

El bable gozará de protección. Se promoverá su uso, su difusión en los medios de comunicación y su enseñanza, respetando en todo caso las variantes locales y la voluntariedad de su aprendizaje.

 

O galego de Asturias ou non aparecía por ningures, non existe no Estatuto de Asturias.

 

A Academia de la Llingua Asturiana fundouse polo Decreto 30/1980 dentro da Consellería de Educación do Principado. Os primeiros estatutos da Academia de la Llingua Asturiana (Decreto 9/1981, BOCRA de 22/12/1981) informaban de que a súa finalidade era traballar na gramática, nas normas e no léxico do “bable”, así como velar polos dereitos lingüísticos dos asturianos, formar profesorado, estimular o seu uso e ensino etc.

 

Na modificación dos estatutos da Academia de la Llingua Asturiana (BOPA 136 de 14-VI-1995) introduciuse un polémico art. 1.k) que non só creaba dúbidas sobre a adscrición tipolóxica das falas eonaviegas, senón que se apropiaba científicamente delas ao incorporalas ao conxunto asturiano ou asturleonés. Este art.1.k) dicía que:

 

A todos los efectos, la Academia de la Lengua Asturiana promoverá y velará por la variante lingüística gallego-asturiana ou astur-galaica.

 

Variante? Variante de que lingua? Da asturiana? Esa foi a indefinición propositada que existiu en Asturias nos últimos 20 anos, durante os mandatos na ALLA de Xosé Lluís García Arias e Ana Cano. Comezouse a dubidar da súa filiación galega, comezouse a falar en medios académicos e políticos de “fala”, “gallego-asturiano” ou “astur-galaico”, como un enxendro que non era lingüisticamente asturiano pero que, por estar en Asturias, xa dependía para todo da Academia da lingua asturiana. O galego pasaba a ser deste xeito un apéndice menor, subsidiario, subalterno e secundario da lingua asturiana, comezando por lle negaren a filiación e o glotónimo.

 

No art.4.2 do estatuto de autonomía de Asturias de 1981 (BOE 11/01/1982) dicíase que unha lei de uso e promoción lle debería ser aplicada ao “bable”, ou sexa, ao asturiano. Esa lei foi a 1/1998 de uso e promoción do “bable/asturiano” (sic). No art. 2 desa lei dicíase que:

 

El régimen de protección, respeto, tutela y desarrollo establecido en esta Ley para el bable/asturiano se extenderá, mediante regulación especial al gallego/asturiano en las zonas en las que tiene carácter de modalidad lingüística propia.

 

Isto é: deixa claro esta lei que en Asturias hai unha lingua propia, o “bable/asturiano”, e logo, á parte, unha modalidade lingüística propia, nunca outra lingua. En ningún momento se indica de que lingua é modalidade o “gallego-asturiano”, pero a ALLA xa deixara dito anteriormente que só ela se encargaría da gramática, normativa, léxico e promoción da “variante lingüística gallego-asturiana”, o que na práctica equivalía a consagrar o galego de Asturias como unha variedade especial da lingua asturiana en Asturias. Un absoluto e irracional despropósito. É o único caso no mundo dunha academia dunha lingua que normativiza e tutela dúas linguas, a propia e outra que é veciña pero do mesmo espazo administrativo.

 

Aínda que na disposición adicional desta lei 1/1998 se dicía que “el gallego-asturiano tendrá un tratamiento similar al asturiano”, o certo é que isto nunca foi así. Non hai máis que ver o tratamento no ensino científico na Universidade de Oviedo, onde o asturiano ten un minor de “Especialista Univerisitario en Filología Asturiana” e un “Máster de Formación de Profesorado de Secundaria especializado en Lengua Asturiana”, e hai materias de lingua e literatura asturianas en Filoloxía e en Educación, mentres que o galego non existe (nin sequera como gallego-asturiano) nesa institución científica.

 

A lingua galega falada en 18 concellos do occidente de Asturias por 30.000 cidadáns asturianos considérase na práctica un dialecto especial do asturiano tutelado pola ALLA e os seus falantes non teñen máis dereitos lingüísticos que unha materia optativa no ensino primario e secundario, sen libros de texto, sen dicionarios e sen profesorado capacitado, porque o profesorado o forma a ALLA, si, a propia academia asturiana a través dunha “Secretaría Secretaría Llingüística del Navia-Eo” creada en 1996 no seo da ALLA [http://www.academiadelallingua.com/secretaria-de-navia-eo/] que redactou en 1993 unhas Normas ortográficas y morfolóxicas del gallego-asturiano, normas asturianizantes e vulgarizantes, en resposta ás Normas ortográficas e morfolóxicas del galego de Asturias publicadas en 1990 pola Mesa prá Defensa del Galego de Asturias (MDGA).

 

O certificado de capacitación para o profesorado de “gallego-asturiano” adquírese por medio dun cursiño de verán de 15 días (40 horas) que imparte a ALLA en Cangas de Narcea, en territorio lingüístico asturiano [http://suatea.org/habilitacion-en-llingua-asturiana

]. A superación deste cursiño habilita as persoas, licenciadas ou graduadas en calquera titulación, para poderen impartir clases de “gallego-asturiano” en calquera centro da terra Eo-Navia (en calquera non, porque hai algúns onde se imparte asturiano estándar en lugar de “gallego-asturiano”). Con este cursiño de 40 horas da ALLA pódese dar xa clases de “gallego-asturiano”, pero cunha licenciatura ou grao en Filoloxía galega non. É dicir, é a Academia da lingua asturiana quen capacita e forma o profesorado de lingua galega. E na toponimia, é a Xunta Asesora de Toponimia do Principado (onde non hai ningún especialista en galego) quen determina as formas toponímicas que logo oficializa o Principado, con grafías asturianas e vulgarismos (Payoza, Ayande, Viduedo, Pilliceira etc., etc.).

 

3.- ADAPTACIÓN AO MARCO EUROPEO DAS LINGUAS: O INVENTO DUNHA NOVA LINGUA

 

A semana pasada o goberno do Principau d’Asturies aprobou un Decreto para adaptar as probas de coñecemento de Asturiano ao Marco Común Europeo de Referencia de Linguas, probas que avaliará a Academia de la Llingua Asturiana (ALLA): http://www.asturiasparticipa.es/wp-ontent/uploads/2018/11/PropuestaDecretoNivelesAst-1.pdf  ao abeiro do art. 11 da lei de Uso e Promoción do Bable/Asturiano polo que o Principado establece as titulacións necesarias para impartir o ensino do bable/asturiano e as titulacións e certificacións que acrediten o coñecemento desta lingua. Ata aquí todo normal e toda persoa sensata debe alegrarse deste paso dado polo asturiano por medio da súa academia e do seu goberno.

 

No art.8 dise que as comisións avaliadoras de cada un dos niveis estarán compostas por tres funcionarios profesores de Educación Secundaria inscritos no “Registro General de Capacitación en Bable/Asturiano y en Gallego/Asturiano”. Neste rexistro están inscritos os titulados en “especialista en asturiano” (minor ou máster universitarios) e tamén aquelas persoas que fixeron os cursiños de 40 horas da ALLA e foron habilitados para impartir clase de galego-asturiano, xa fosen de formación licenciados en Filoloxía Inglesa ou en Psicoloxía.

Esta é a primeira discriminación importante, a desigualdade na formación: minor ou máster vs. cursiño de 40 horas dunha academia dunha lingua diferente.

 

Agora ben, como nese recente Decreto para adaptar o asturiano ao Marco Común Europeo de Referencia de Linguas (MCERL) non aparecía por alí nada sobre un tratamento similar do  “gallego-asturiano”, a propia ALLA rectifica agora e di publicamente que vai facer o mesmo para a nosa lingua.  É dicir, ao lado do medio cento de linguas recoñecidas no MCERL, habería unha lingua nova: o gallego-asturiano, lingua inexistente en ningún manual de filoloxía ou de lingüística.

 

Iso supón, na práctica, o inicio do recoñecemento oficial dunha lingua galego-asturiana xa diferente da galega, desgaleguizada, dependente para sempre da Academia Asturiana de la Llingua [http://asturies.com/noticies/el-gallego-asturiano-tamien-va-contar-con-pruebes-oficiales-de-competencia-nel-idioma?fbclid=IwAR1RqHo9HRY9HwAFdAmDkpqUsH%20pMXxVrv%204XKw3189EZ43RskVTuXXrJmiOo

].Se o galego-asturiano non é galego –como se encargan agora de perpetrar desde a ALLA-, por que non ten unha academia ou institución de seu? Por que segue de iure e de facto aprisionada na Academia de la Llingua Asturiana? Porque non é Academia de les Llengües de Asturies, non, é de Academia de LA Llingua Asturiana, porque para eles só hai unha; o outro, o galego-asturiano ou galego de Asturias, é un apéndice subalteno.

E isto supón tamén unha colisión cos estatutos da Real Academia Galega (BOE de 4-III-2000) que din literalmente no seu artigo 4:

 

Enténdese por idioma galego o propio de Galicia, así como as súas variedades faladas nos territorios exteriores (Asturias, León e Zamora).

 

Coido que a RAG e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia deberían reaccionar de inmediato contra este despropósito. O galego xa está recoñecido nese Marco Europeo Común (MCERL), como o están o catalán (e non hai nin valenciano, nin mallorquín, nin alguerés, nin rossellonés) ou o euskera (e non o suletino, nin o labortano, nin o biscaíno).

 

Alguén imaxina que o goberno de Aragón convocase agora unhas probas de coñecemento de linguas dentro do MCERL en LAPAO ou en catalano-aragonés? Alguén imaxina cal sería a reacción de reproche unánime da comunidade científica internacional? Pois xa que logo non acertamos a entender a inacción ou o desleixo das institucións galegas, políticas e, sobre todo, académicas.

 

Por iso pido que se reaccione como fixo no seu día o Institut d’Estudis Cataláns e unha serie de organismos e institucións valencianas e cataláns contra a pretensión dos gobernos do PP de Madrid e Valencia de tratar o valenciano como lingua independente do catalán. Hai unha chea de sentenzas do Tribunal Supremo declarando que, independentemente do glotónimo usado en cada territorio, valenciano e catalán son a mesma lingua e que, xa que logo, non pode haber “valenciano” como lingua recoñecida no MCERL.

 

Ou damos agora a batalla pola nosa lingua en Asturias ou xa a podemos ir suprimindo o art. 4  dos estatutos da RAG.

 

navalla xarrapa ccyc

navalla xarrapa ccyc

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior