USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Queixas

O galego no desenvolvemento de habilidades comunicativas

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Dereito desenvolverá un obradoiro que ligará a utilización da lingua galega co desenvolvemento de habilidades comunicativas orais e coa iniciación na natureza, instrumentos, límites e fins da argumentación xurídica para os futuros profesionais.

Na Aula 14 da Facultade de Dereito, e co lema ‘Falar ao dereito', o programa formativo desenvolverase os luns e mércores do 12 de novembro ao 5 de decembro en horario de 18.00 a 20.30 horas, cunha carga lectiva de 30 horas, 20 presenciais e 10 de traballo persoal. O curso está dirixido especificamente ao alumnado deste centro compostelán, ata un máximo de 20 persoas, e a matrícula é gratuíta. A preinscrición xa se pode formalizar ata o vindeiro 7 de novembro na Secretaría Virtual.

O obradoiro ten solicitado un crédito de libre configuración para a licenciatura en Dereito e está solicitado o recoñecemento de competencias transversais (lingua) para o grao en Dereito. A USC emitiralles un diploma de bo aproveitamento, no cal figurará o número de horas correspondentes (30 horas), a aqueles alumnos e alumnas que asistan con regularidade e consigan a cualificación de APTO.

A través dunha metodoloxía eminentemente práctica, esta acción formativa busca estimular e mellorar as habilidades comunicativas orais e argumentativas do alumnado, en galego. Concretamente, nas distintas sesións traballarase cos participantes para aprender e superar o medo a falar en público, adquirir estratexias de expresión oral e xestual, mellorar a competencia da expresión oral en galego, familiarizar o alumnado coa argumentación en xeral e identificar as peculiaridades da argumentación xurídica respecto da argumentación en xeral.

Concha Diéguez, directora de Reverso Comunicación, Cultura e Lingua, e o avogado Héctor López de Castro son os profesores encargados de desenvolver o curso, que se vai articular arredor de dous bloques temáticos dedicados á oralidade e á argumentación xurídica. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden visitar o web do obradoiro.

Información tirada de xornal.usc.

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior