De reis e tumbas. Carta ó Deán de Compostela
Dirixímonos a Vde. en nome de ProLingua -asociación apartidaria e plural en defensa da lingua e da cultura galega-, por un tema que está en relación co Panteón Real da Catedral de Santiago, que visitamos en datas recentes.
En primeiro lugar, manifestamos a nosa satisfacción porque o panel informativo de entrada ó recinto deste Panteón, ademais de estar en castelán e inglés, figure por fin tamén en galego, e congratulámonos de que o noso idioma estea situado en primeiro lugar, dándolle preferencia.
Neste panel da entrada infórmase dos persoeiros alí enterrados, entre eles os reis Fernando II e Afonso VIII -IX para a historiografía oficial- e alegrounos, así mesmo, que se indique que foran reis non só de León senón tamén de Galicia; así foi certamente, como se pode comprobar en boa parte dos documentos en latín das súas chancelerías, por eles asinados, nos que consta a fórmula Dei gratia Legionis et Gallecie rex.
Rogariamos que o Cabido catedralicio, ou quen corresponda, dea un pasiño máis e substitúa as placas metálicas situadas sobre as tumbas dos dous monarcas, nas que só se indica que foron reis de León, por outras nas que se inclúa tamén Galicia: “reis de León e Galicia”.
É unha mágoa que estes dous monarcas que tanta querenza tiveron por Galicia -a proba está en que quixeron enterrarse na catedral de Santiago- e que tanto favoreceron durante os seus reinados -grosso modo, de 1157 a 1230- as vilas e cidades galegas outorgándolles xenerosas cartas forais (A Coruña, Baiona, Monforte, O Castro Caldelas...), que tanto apoiaron economicamente as obras arquitectónicas e escultóricas da propia catedral compostelá -como Vde. sabe Fernando II concedeulle unha pensión vitalicia ó mestre Mateo para a realización do Pórtico da Gloria-, e que tanto promoveron o uso da nosa lingua dispensándolles protección a trobadores e segreis dos nosos Cancioneiros, se miren no templo compostelán como monarcas alleos. Moita xente pensa que Galicia nunca tivo reis propios, e iso non é certo.
A colocación destas placas metálicas contribuiría, sen dúbida, a dar a coñecer mellor a propios e estraños a historia de Galicia e a reforzar a nosa autoestima.
Sen outro particular, reciba un atento saúdo.
Santiago de Compostela, 18 de maio de 2022
- Tags:
- Deán Panteón real carta