USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Queixas

Apróbase o informe sobre a iniciativa lexislativa popular que promove o fomento dos vínculos co portugués

Así, aínda que os grupos da oposición reclamaron máis diálogo en volta desta iniciativa e unha maior concreción en aspectos económicos e de actuación, os catro grupos votaron finalmente aceptando o informe do relatorio da ILP.

A lei, que chegou ao Parlamento apoiada con 17.000 sinaturas, ten como obxectivo incorporar, progresivamente, a aprendizaxe de lingua portuguesa en todos os niveis de ensino regulado. Ademais, propón recoñecer oficialmente o dominio desta lingua como mérito en diversos ámbitos.

En particular, e ademais do punto de vista cultural, a ILP fai especial referencia á vertente económica, apostando por aproveitar os lazos do galego coa lusofonía para mellorar as relacións económicas entre as dúas realidades.

Incidencia na Educación

A deputada do BNG Ana Pontón fixo especial referencia na súa intervención ao aspecto "estratéxico" da aprendizaxe do portugués dentro do ensino regulado en Galicia. Nesta liña, reclamou que se especifique unha "dotación de fondos" que faga posible este aspecto, que levará consigo unha "oportunidade" futura para "o tecido empresarial e cultural" galego. Ao mesmo tempo, lamentou que o informe non inclúa a toma en consideración do dominio do portugués no acceso para a función pública, algo para o que, garantiu, non habería un problema normativo, como alegan os populares.

O deputado de AGE Xabier Ron, pola súa banda, apostou por mellorar as relacións entre Galicia e a lusofonía e traballar para a "eliminación de prexuízos que aínda existen", dado que "a lusofonía é enriquecedora para Galicia, pero tamén Galicia é enriquecedora para a lusofonía". Nesta liña, viu esencial que se promova o "intercambio" entre Galicia e Portugal en materia cultural, favorecido pola actuación das administracións, e a presenza da lusofonía nos medios galegos e de Galicia nos medios de comunicación dos países lusófonos.

Pola súa banda, Francisco Caamaño (PSdeG) referiuse na súa intervención á necesidade de mellorar a "seguridade xurídica" da iniciativa, que eloxiou, aínda que á súa chegada ao Parlamento era "unha declaración de boa vontade". Destacou, amais, a necesidade de que a normativa conte cun "desenvolvemento regulamentario" a través dun decreto de forma "inmediata" e de que a Xunta remita ao Parlamento de forma anual un informe sobre o desenvolvemento da lei. Así, aínda que o texto que se sometía este mércores a votación incluía a esixencia á Xunta de informar "periodicamente" da evolución da norma, un acordo entre todos os grupos permitiu modificar este termo por un período "anual".

O deputado popular Agustín Baamonde garantiu o "compromiso absolutamente claro" do PPdeG coa lei e considerou o texto alcanzado un documento "de consenso", aínda que destacou que debe ser "realista" e "adaptado ás circunstancias actuais". Por iso, explicou que o prazo de incorporación de aprendizaxe do portugués en catro anos, que incluía a iniciativa orixinalmente, "presenta dificultades prácticas de aplicación", polo que se aposta pola aplicación "progresiva" desta medida "no prazo máis breve posible".

Información tirada de Galicia Hoxe.
 

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior