A Wikipedia en galego na revista Madrygal

A revista de estudos galegos Madrygal, dependente da Universidade Complutense de Madrid, publicou cinco páxinas cunha interesante e didáctica reportaxe asinada por dous administradores da Wikipedia en galego, Adrián Estévez e Benedicto Riobó, titulada Análise e evolución da Galipedia, a Wikipedia en lingua galega.
Aproveitamos esa boa nova para informar de que ProLingua contará a partir da vindeira semana cunha nova voz colectiva, a dos administradores da Wikipedia en galego, que terán á súa disposición a nosa sección Voces para periodicamente dar conta acerca das efemérides que alí sucedan así como para nos achegaren estatísticas que doutra maneira os máis non coñeceriamos. Pensamos que pode ser especialmente relevante para docentes.