USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Novas

Informe de ProLingua perante o C. de Europa

INCUMPRIMENTOS DA CARTA EUROPEA PARA AS LINGUAS REXIONAIS OU MINORITARIAS DO CONSELLO DE EUROPA

 

LINGUA GALEGA EN GALICIA

 

Entre as recomendacións do Comité de Ministros no 5º Informe (2019) da Carta Europea para as LRM e o que acontece na actualidade, apenas houbo avances nin accións a prol da nosa lingua. É máis, constatáronse preocupantes retrocesos:

 

1) Non se eliminaron as limitacións para o ensino en galego. Segue sendo imposible estudar en galego ou maioritariamente en galego, nin siquera ao 50%.

2) O galego segue sen poderse usar libremente na Xustiza porque non se reformou a Lei Orgánica do Poder Xudicial e os programas informáticos só admiten o castelán.

3) Non se garante o uso do galego na administración do Estado, nin oral nin escrito.

4) Non se incluíron os nomes das linguas contempladas na Parte II nos estatutos de autonomía das zonas onde se falan, por exemplo, galego (ou galego-asturiano) no Estatuto de Asturias, ou galego a (ou Fala) no de Estremadura.

 

 

INTRODUCIÓN

 

O galego é a lingua románica natural e autóctona de Galicia, Eo-Navia (Asturias), Bierzo (León, Castela e León), As Portelas (Zamora, Castela e León) e Val de Xálima (Cáceres, Estremadura). En cada un destes territorios recibe inexplicablemente un tratamento lexislativo distinto:

 

1) Galicia: cooficial no Estatuto de Autonomía de Galicia.

2) Castela e León: recoñecido no Estatuto de Autonomía pero non cooficial.

3) Asturias: non recoñecido no seu Estatuto de autonomía pero se nunha lei rexional como “galego-asturiano”.

4) Estremadura: non recoñecido no seu Estatuto nin en leis, só como Ben de Interese Cultural (BIC) co nome de “A Fala”.

 

Todos os estudos de institucións e investigadores coinciden en detectar unha evolución moi negativa do número de falantes, sobre todo entre a mocidade.  O único dato positivo é o da mellora das competencias lingüísticas (excepto a de falar).

 

En dez anos duplicouse o número de persoas que nunca utilizan o galego e entre os mozos urbanos o uso do galego é xa residual. O descenso do número de falantes explícase por:

 

1) Non houbo medidas de corrección das causas históricas do desprestixio social do galego. Mantéñense os vellos prexuízos en ocasións alentados polo comportamento lingüístico indolente e desleixado das autoridades, a escola e a administración.

 

2) Existe unha imposibilidade práctica de utilización normal da lingua galega en moitos ámbitos (sanidade, xustiza, asistencia, medios, cultura etc.), vulnerando a lexislación galega, española e europea, e noutros casos por manterse vixente a lexislación española que outorga superioridade á lingua castelá (máis de 500 normas obrigan ao uso do castelán).

 

3) O orzamento para Política Lingüística do goberno galego (Xunta) pasou de 22 M€ en 2009 a 11 M€ en 2023. Un 50% menos.

 

 4) O Decreto 79/2010 resultou letal para o galego no ensino. Suprimíronse as liñas de inmersión e, na práctica, o ensino en galego non supera o 25% da carga horaria do alumnado. A escola segue desgaleguizando. O resultado é que entre o 25% e o 40% dos escolares non saben falar galego á finalización do Bacharelato.

 

ART. 8. EDUCACIÓN

 

Artigo 8.1. a), b) c). Non hai melloras desde o Informe anterior (5º). Inclúmprense totalmente. En 2010 o goberno galego suprimiu as liñas de inmersión en galego en Infantil e Primaria.

 

Na actualidade o galego está prácticamente excluído do 80% das escolas de Infantil e Primaria. Os datos dos editores galegos así o reflicten: a maioría dos libros que se usan nestas etapas están en castelán porque as clases son en castelán, de feito algunhas editoras galegas xa non publican libro infantil e xuvenil en galego porque non lles é rendible. E en libro dixital a Xunta emprega o programa EDIXGAL, cuxos materiais están todos en castelán. En Vigo, por exemplo, de 167 escolas de Infantil e Primaria, só en 1 é posible a educación en galego. 1 de 167.

 

En Secundaria, desde 2010 prohíbese impartir en galego as Matemáticas, Física, Química e Tecnoloxía. Os libros son dixitais e en castelán, EDIXGAL, e en repartición de horas docentes o galego está moi prexudicado entre o Decreto 2010 e a LOMCE do goberno central:

 

 

Antes de 2010

50% mínimo en galego

50% máximo en castelán

Despois de 2010

33% máximo en galego

33% máximo en castelán

Despois de 2022

22,65% máximo en galego

64,86 realmente en castelán

 

 

Artigo 8.1. d), f) En Formación Profesional e de Adultos 0 libros de texto en galego, non hai formación específica en galego (só existe a materia de Lingua Galega).

 

Artigo 8.1.g) Debido ás reformas do Ministerio Español (LOMCE) e a que os libros dixitais só veñen en castelán, apenas o 3% dos temas de Historia teñen relación con Galicia.

 

Artigo 8.1.h) Non se ofrecen cursos para mellorar as competencias lingüísticas. Os alumnos que acaban Bacharelato están exentos de demostrar coñecementos de galego nas oposicións á función pública (administración pública, sanidade, educación, xustiza etc.) porque lles validan o galego de Bacharelato polo CELGA 4, equivalente a un nivel lingüístico C1. E por estudos da Universidade de Vigo sábese que o 40% deles non son competentes en galego oral.

 

Artigo 8.1.i) Desde hai 14 anos o goberno galego non ofrece datos oficiais sobre a aplicación da lexislación lingüística actual, a pesar de que legalmente debe proporcionalos cada ano.

 

Segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE) o 25% dos escolares (3-18 anos) manifestan NON SABER FALAR GALEGO, resultado das políticas excluíntes do galego na escola. Estudos da Real Academia Galega e das universidades de Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela alertan dun grave retroceso no coñecemento activo e uso social da lingua galega pola mocidade. A inspección educativa non cumpre o seu papel avaliador e controlador. A avaliación da calidade dos centros educativos está concedida á empresa multiservizos EULEN, dirixida en Galicia pola irmá do expresidente da Xunta.

 

Artigo 8.2. O goberno galego está a abandonar a promoción do galego en exterior. Non existe un organismo de promoción do galego no exterior semellante ao Instituto Cervantes (castelán), ou Raimon Llull (catalán), ou Etxepare (vasco). Moitos lectorados de Lingua Galega no estranxeiro están desertos porque non se convocan mediante contratos laborais senón como bolsas de formación con escasa dotación económica. E algunhas prazas cóbrense con persoal non cualificado.

 

En resumo: non hai posibilidade de estudar en todo ou maioritariamente en galego e cada vez o sistema escolar está máis castelanizado. Todos os escolares entenden o galego, pódeno escribir (máis ou menos), porque é unha lingua viva na sociedade e romance como o castelán, pero un 25% recoñece non saber falalo e, en áreas urbanas como Vigo, hai estudos que din que non o sabe falar un 40% dos alumnos que acaban o Bacharelato.

 

ART. 9. XUSTIZA

 

Non houbo ningún cambio nin ningunha acción significativa desde o informe anterior (5º) O uso do galego caracterízase pola voluntariedade dos funcionarios, dificultada enormemente por un programa informático, Minerva (modelos, formularios, documentación…), que impide o uso do galego. O uso do galego supón un sobreesforzo para os traballadores. O galego só é un mérito prescindible, non é un requisito necesario, para o acceso ao traballo na Xustiza.

 

En xeral percíbense retrocesos no uso do galego pola Xustiza. Un exemplo: en 2021 os servizos xurídicos do Concello de Vigo (o máis poboado e industrial de Galicia) interveu sempre en galego en máis de 3.000 preitos nos tribunais de Vigo, Pontevedra e A Coruña. Nunca ningunha sentenza lle foi comunicada en galego, e cando algunha vez estes servizos solicitaron a sentenza redactada en galego desde a administración de Xustiza informáronos de que a tradución podería demorar varios meses.

 

 Á vista dos problemas que se presentan, moitos usuarios de galego desisten de empregalo na Xustiza para evitar retrasos nos procesos. A actuación da Xustiza “convida” a non usalo e a Xunta de Galicia intervén en moitos preitos en Galicia en castelán (mesmo vulnerando leis autonómicas como a LNL no seu art. 10 referente á toponimia galega) dando un pésimo exemplo á cidadanía.

 

ART. 10. ADMINISTRACIÓN E SERVIZOS PÚBLICOS

 

Art.10.1.a) Non se cumpre. A administración española poucas veces usa unha lingua diferente do castelán. Varias leis españolas obrigan ao uso exclusivo do castelán (tráfico, procedementos etc.) e existen graves impedimentos para o uso do galego en atención telefónica e on-line, webs ministeriais (máis alá do primeiro nivel), administración electrónica, non recoñecemento de títulos universitarios ou outros documentos redactados en galego etc.

 

En 2010 o goberno galego eliminou a demostración de coñecemento de galego das probas de oposición a funcionarios. O goberno galego exime de calquera proba de coñecemento de galego a quen posúa o CELGA-4 obtido por validación do Bacharelato cursado en Galicia (cando está demostrado que, segundo as zonas, entre 25% e 40% dos estudantes non sabe falalo).

 

Art. 10.1.b) Non se cumpre. Os textos administrativos non sempre están en galego. A Axencia Tributaria non permite interactuar en galego e eliminou o galego da súa web en formularios habituais. Na práctica é imposible relacionarse en galego con Seguridade Social, Servizo de Emprego e algúns ministerios.

 

Art. 10.1.c) Non se cumpre. O uso do galego é dificultado polas administracións. O Parlamento de Galicia solicitou hai 20 anos que as comunicacións do Estado (ministerios, organismos públicos, empresas públicas) sexan en galego coa xente que no censo se declara galegofalante, pero non se cumpriu.

 

A administración e organismos públicos do estado en moitas ocasións non recoñecen validez a documentos redactados en galego (para bolsas e convalidaciones universitarias, por exemplo).

 

A xente non ten vocación de mártir e quere solucións rápidas aos seus problemas, polo que acaba abdicando do uso do galego para evitar problemas. Os documentos bancarios (hipotecas, contratos etc.), notarial ou administrativa (seguros, documentos de propiedade etc.) solicitados en galego, se se proporcionan é sempre con meses de atraso.

 

Art.10.2.a) b). Non se cumpre. As administracións autonómica e local non sempre usan o galego. Partindo da exención da demostración de coñecemento do galego para os funcionarios, producíronse graves incumprimentos nos usos da toponimia (servizos xurídicos do goberno galego, por exemplo, pero tamén concellos), o portal de transparencia ou o tribunal de contratación pública só funciona en español e aos servizos públicos en réxime de concesión non se lles esixe responsabilidade lingüística.

 

Só 16 dos 315 concellos galegos teñen Servizo de Normalización Lingüística con técnicos especialistas. A Rede de Dinamización deseñada pola Xunta non opera en normalización do galego e só, apenas, en organización de actos culturais (festivais, música infantil etc.).

 

Art. 10.3.a) Non se cumpre. Ás empresas concesionarias ou subcontratadas, normalmente foráneas, non se lles esixen garantías de respecto dos dereitos lingüísticos.

 

Art. 10.4.b) Non se cumpre na formación de funcionarios e empregados públicos. Non se pide coñecemento de galego no acceso ao emprego público e o uso do galego queda supeditado á vontade e competencia do funcionario, non ao dereito do cidadán.

 

Art. 10.5. Non se cumpre o permiso de uso de patronímicos. Algúns xuíces dos rexistros impiden a restitución das formas verdadeiras de apelidos galegos alterados polo castelán (por exemplo en Ponteareas ou Lugo), ou directamente traducidos ao castelán, aducindo que forman parte do “acervo nacional español”, a pesar de que a solicitude de corrección ou restitución sempre vai acompañada de informes da Real Academia Galega ou de Departamentos universitarios de Filoloxía Galega.

 

ART. 11. MEDIOS DE COMUNICACIÓN

 

Art.11.1.a), b) e c) Retrocesos A públicas TVE e RNE reduciron moito o uso do galego nas desconexións rexionais (mesmo se pechou RNE 4, que emitía en galego). Na actualidade TVE, nas súas 5 canles, emite 25’ diarios en galego, un 0,35%, mentres que RNE, nas súas 3 emisoras, emite 60’ diarios en galego, un 1,4%.

 

Os falantes de galego supoñen un 5% dos cidadáns españois. Corresponderíalles 6 horas diarias en TVE (5 canles) -fronte aos 25’ actuais- e 3,5 horas diarias en RNE (3 emisoras), fronte aos 60’ actuais.

 

As únicas emisoras públicas en galego son a TVG, con 2 canles, e a RG, con 2 emisoras, pero carecen dunha potente programación infantil e xuvenil en galego (apenas un 0,83% do total das emisións) e non se implementou aínda a “Iniciativa Xabarín” de programación dirixida á infancia e a mocidade. As emisións televisivas en galego (TVG+TVE) supoñen só o 7,77% na TDT.

 

En Galicia existen algunhas emisoras de radio e canles de TV comarcais ou locais privadas que emiten total ou parcialmente en galego. Pero a maioría das emisoras locais ou comarcais incumpre a porcentaxe mínima establecida na concesión da licenza (50% en galego) sen que o Goberno galego advirta deste incumprimento da concesión.

 

Art. 11.1.e) O goberno galego regala xenerosas subvencións por “promoción do galego” a medios escritos en castelán cando ningún deses medios alcanza nin o 3% de espazo publicado en galego (nas bases das subvencións dise “un mínimo do 8%” pero nini so). Para xustificar estas subvencións, o goberno galego alega que na versión dixital destes xornais existe un tradutor automático de galego (!!!)

 

En 2021 o goberno galego repartiu 1.255.000€ a xornais e revistas publicados en castelán por 45.000€ a xornais e revistas que publican en galego, apenas un 3,5% das subvencións.

 

Desde hai 4 anos existe en Galicia un xornal en galego, Nós Diario, sistematicamente excluído das axudas a medios de comunicación porque, segundo o goberno galego, non é un diario ao publicarse de martes a sábado, a pesar de que cumpre todos os requisitos para ser considerado un diario na opinión de todas as auditoras independentes.

 

Art. 11.1. g) Non se ofrecen cursos para a formación, reciclaxe, perfeccionamento ou capacitación lingüística de xornalistas.

 

Art. 12. ACTIVIDADES CULTURAIS E EQUIPAMENTOS

 

Obsérvanse retrocesos importantes porque

 

• É case imposible acceder a obras audiovisuais en galego en salas comerciais

• Reducíronse á insignficancia as axudas para a tradución do ou ao galego.

• É imposible acceder a filmes dobrados ou subtitulados en galego en DVD, CD, plataformas dixitais etc.

Reducíronse á cuarta parte os orzamentos destinados a dobraxe de filmes.

• Na Radio Galega Música (da CRTV), dedicada a difundir a música galega, a presenza de música cantada en galego non supón nin o 15%. Nas emisoras en castelán (a maioría) é moi ocasional a emisión de música en galego. Inaudibilidade da nosa cultura.

• Os produtos culturais galegos teñen dificultades para distribuise nas zonas limítrofes de fala galega, sobre todo de Asturias, sen que aos gobernos lles preocupe o máis mínimo.

• O Ministerio de Cultura español (Instituto Cervantes) ocúpase e preocupa de difundir a cultura en castelán, mesmo en zonas do exterior de forte emigración galega.

 

 

GALEGO EN ASTURIAS

(FALA OU GALEGO-ASTURIANO),

EN CASTELA E LEÓN

E EN ESTREMADURA (FALA)

 

 

 

(…) apenas se realizaron esforzos para promover esta lingua [galego-asturiano], xa que segue sen recoñecerse claramente a súa identidade específica como variante lingüística do galego,

 

Consello de Europa, 2005

GALEGO DE ASTURIAS (ou GALEGO-ASTURIANO)

 

Na conclusión Q do I informe do Comité de Expertos (2005) dicíase:

 

“A situación do galego-asturiano non está clara, pero parece que apenas se realizaron esforzos para promover esta lingua, xa que segue sen recoñecerse claramente a súa identidade específica como variante lingüística do galego.”

 

En 18 municipios do Occidente de Asturias (Allande, Boal, Castropol, Coaña, Eilao, Grandas, Ibias, Navia, Pezós, S.Martín de Ozcos, Santalla de Ozcos, Santiso de Abres, Tapia de Casarego, Taramundi, A Veiga, Vilanova de Ozcos e Villaión) a lingua autóctona falada por 31.000 persoas é o galego oriental, continuidade do galego de Galicia, como sempre estableceron todos os estudos filolóxicos e lingüísticos.

 

A este galego falado en Asturias bautizouno o filólogo Dámaso Alonso como “galego-asturiano”. Galego-asturiano é como figura en toda a lexislación asturiana, galego é o glotónimo (lingua) e asturiano o xentílico (lugar). Así e todo, a Academia de la Llingua Asturiana (ALLA) está empeñada en negar os vínculos desta variedade co galego e impuxo (mesmo en organismos oficiais) a neodenominación de eonaviego, para romper lazos co galego de Galicia co argumento de que “non é propiamente galego senón unha nova lingua, unha lingua de transición”.

 

Neste Informe oficial fálase todo o tempo de “fala enoaviega” ou “eonaviano”, e iso é alegal. No Informe recoñécese que é unha “lingua do grupo galego-portugués”. Se é unha nova “lingua” diferente do galego, como alega a ALLA, por que a súa autoridade científica (a que establece a norma, a gramática e o dicionario) é a ALLA? Na práctica o galego de Asturias, tutelado pola academia doutra lingua, é considerado unha lingua inferior, subalterna e dependente do asturiano.

 

En todos os informes sobre a Carta Europea das Linguas o goberno asturiano ofrece de maneira conxunta as cantidades económicas investidas na promoción das linguas, de maneira que é case imposible saber o que inviste en asturiano e, doutra banda, en galego-asturiano. Parece que todo vai para as dúas linguas cando para unha dela só van as migallas, apenas o 1% do destinado á promoción das linguas de Asturias. Pedimos que nos informes oficiais se especifique canto se destina a cada lingua en euros e porcentaxes.

 

ENSINO DO GALEGO DE ASTURIAS

 

O profesorado non está formado, é profesorado doutras materias habilitado para impartir “galego-asturiano” mediante por un curso de 30 horas dirixido e organizado pola ALLA. Non existe ensino de adultos, en ningunha das seis Escolas Oficiais de Idiomas.

 

A hora optativa semanal de “galego-asturiano” non se ofrece en todos os colexios, non existen libros de texto ou gramáticas, e non se permite a circulación de libros galegos porque só se admiten materiais na normativa asturianizante establecida paraoficialmente pola ALLA.

 

Non existe ningún curso ou programa de lingua ou literatura de galego-asturiano na Universidade de Oviedo (si existen estudos do asturiano, en cursos e graos de Lingüística, Filoloxía, Profesorado etc.) A Universidade de Oviedo usa ás veces o asturiano, nunca o galego de Asturias. Permítese e regúlase normativamente o uso do asturiano. Ignórase o galego.

 

Non existen contactos nin intercambios escolares con centros de Galicia, onde se fala unha lingua “idéntica ou similar”. Nas bibliotecas non hai libros en galego.

 

Non hai exames de certificado B2, C1 etc., de lingua “galego-asturiana” (quizais porque non existe como tal lingua fóra de Asturias?) nin de galego, pero si hai de asturiano.

 

ADMINISTRACIÓN E SERVIZOS PÚBLICOS

 

En ningún manual de lingüística en ningún lugar do mundo existe ningunha lingua chamada “eonaviego”, e si galego (de Asturias) ou galego-asturiano (só en Asturias).

 

A administración autonómica rotula todo en castelán e asturiano. Nalgunhas webs comeza a aparecer tamén o asturiano. Pero nada en galego-asturiano. Non se esixe o seu coñecemento para o acceso ao traballo no sector público (administración, sanidade, ensino etc.), nin sequera como mérito. O goberno asturiano só inviste en galego-asturiano o 1% do total de euros que inviste para a promoción do asturiano cando por porcentaxe de falantes corresponderíalle polo menos un 12%

 

Dentro da ALLA funciona unha Secretaría Llingüística para o Navia-Eo. É o único caso no mundo en que a academia dunha lingua tutela dúas linguas. Dise no informe que se está realizando un dicionario. A Universidade de Vigo (Galicia) xa publicou en galego en 2021 o Dicionario do galego de Asturias, con 35.000 entradas.

 

Toponimia: na Xunta Asesora de Toponimia, que sanciona as formas oficiais dos topónimos, non hai ningún especialista en lingua galega e non hai contactos coa Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia. Deste xeito, os topónimos galegos da zona Eo-Navia son asturianizados morfolóxica e gráficamente.

 

MEDIOS

 

Na TPA, televisión pública asturiana, o galego está totalmente ausente e invisibilizado.

 

ACTIVIDADES E SERVIZOS CULTURAIS

 

A inmensa maioría dos premios literarios, e os máis importantes, son só para literatura escrita en asturiano, sen admisión de obras escritas en galego-asturiano. Algúns autores galego-asturianos gañaron en Galicia premios de literatura galega.

 

As publicacións, axudas, proxectos ou solicitudes para o galego-asturiano deben estar redactados na normativa asturianizante da ALLA, ou serán inadmitidos.

 

A Universidade de Vigo (Galicia) publicou en galego a manual Literatura galegoasturiana (2023) e o Dicionario do Galego de Asturias (2021). A súa circulación en Asturias é case clandestina.

 

RESUMO FINAL

 

  1. Vulnérase gravemente o reconocimento universal destas falas como galego desvinculándoas do resto de falas galegas, empezando pola denominación, ao chamalas alegalmente “eonaviego” en lugar de “galego-asturiano” ou de Asturias.
  2. Vulnérase gravemente o artigo 7.1.b porque non se respecta a área xeográfica da lingua galega, de tal maneira que a división administrativa é un serio obstáculo para o fomento do galego de/en Asturias.

 

  1. Atribúeselle á ALLA a tutela científica do galego, con graves consecuencias ao establecer esta oficialmente unha normativa vulgarizante e asturianizante que separa estas falas da súa continuidade galega.

 

  1. Ignórase o galego-asturiano na administración e os medios públicos asturianos.

 

  1. Ignórase o galego-asturiano na Universidade de Oviedo e mantense en precario o seu ensino, con nula formación do profesorado e sen materiais didácticos.

 

  1. Ignórase e rexéitase toda relación de colaboración con Galicia, que posúe unha lingua “idéntica ou semellante”.

 

  1. O goberno asturiano nunca dá os datos de orzamento destinado a asturiano e a galego-asturiano por separado, cando a esta última lingua apenas lle destina o 1% dos fondos para promoción das linguas minorizadas de Asturias.

 

 

GALEGO EN CASTELA E LEÓN

  

En 20 concellos da comarca do Bierzo, provincia de León (Arganza, Barxas, Borrés, Camponaraia, Candín, Carracedelo, Carucedo, Corullón, Fabeiro, Oencia, Peranzais, Ponterrada, Pontes de Domingos Flórez, Sobrado, Trabadelo, Valboa, A Veiga de Espiñareda, A Veiga de Valcarce, Viladecais e Vilafranca do Bierzo) e en 5 concellos do noroeste de Zamora (Hermisende, Lubián, Pedralba, Pías e Porto), 22.000 persoas falan galego oriental.

 

O galego está recoñecido como lingua no Estatuto de Autonomía de Castela e León e no Estatuto da Comarca do Bierzo (León), pero non é oficial.

 

En 2002 asinouse un acordo de colaboración entre a Xunta de Galicia e a Junta de Castela e León para a implantación do galego no ensino non universitario das zonas de fala galega de Castela e León.

 

ENSINO

 

Grazas ao acordo entre os dous gobernos autónomos, pasouse de 6 alumnos en 2002 a máis de 1.300 alumnos en 2022 que estudan galego como materia optativa en colexios e institutos do Bierzo e das Portelas de Zamora.

 

Ao mesmo tempo, en educación de adultos, ofrécense os cinco cursos de Lingua Galega na Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada (Bierzo-León) e pódense cursar materias de Lingua e Cultura galegas en Universidade de Salamanca. Na EOI de Ponferrada realízanse anualmente probas para a obtención dos niveis oficiais B1, B2 e C1 de Lingua Galega.

 

Os materiais pedagóxicos (libros de texto, programas informáticos, vídeos didácticos, dicionarios, gramáticas) proceden de Galicia e existen intercambios escolares frecuentes entre centros bercianos e galegos. Nas bibliotecas hai vídeos, discos e libros en galego.

 

Ao se reformar a lei educativa (LOMLOE 2020), agás no Bacharelato, o estudo do galego quedou fóra dos programas, como materia optativa, extraescolar e extracurricular. Non existe o estudo de Lingua Galega na Universidade de León nin no seu Campus de Ponferrada, nin no Campus de Zamora da Universidade de Salamanca.

 

ADMINISTRACIÓN E SERVIZOS PÚBLICOS

 

A administración autonómica e comarcal emprega unicamente o castelán (impresos, webs, comunicacións etc. Non se esixe o seu coñecemento para o acceso ao traballo no sector público (administración, sanidade, ensino etc.), nin sequera como mérito. En toponimia emprégase unicamente o castelán ou adaptacións ridículas do galego ao castelán. As denominacións dos vilas, lugares e aldeas en galego non son oficiais.

 

Ao non ser oficial, non se pode empregar o galego coa administración.

 

MEDIOS

 

Nalgúns medios dixitais e o algún xornal comarcal acéptanse artigos en galego, pero son ocasionais e case sempre de temática cultural. O galego está practicamente ausente e invisibilizado. A televisión pública autonómica só emite en castelán.

 

ACTIVIDADES E SERVIZOS CULTURAIS

 

Existe algún premio literario escolar para obras en galego (Premio Fernández Morais) e hai certa actividade cultural escolar en galego ao redor dalgunhas efemérides (Día dás Letras Galegas, Día do Galego non Bierzo).

 

É de destacar a actividade dalgunhas organizacións culturais (Comisión Sarmiento, Fala Ceibe, Grupo As Medulas, Escola de Gaitas de Vilafranca) coa celebración de congresos, festas, publicacións de libros de literatura etc.

 

A Universidade de Vigo (Galicia) publicou o Dicionario do Galego do Bierzo de 15.000 voces (2023) con gran acollida entre as escolas e o público en xeral.

 

RESUMO FINAL

 

  1. Cúmprese o artigo 7.1.b porque se respecta a área xeográfica da lingua galega, de tal maneira que a división administrativa non é un serio obstáculo para o fomento do galego de/no Bierzo. Existe certa colaboración entre administracións.

 

  1. A Real Academia Galega tutela cientificamente este galego do Bierzo, aínda que todas as competencias sobre a súa promoción e (deas)protección son do goberno autonómico de Castela e León e do Consello Comarcal.

 

  1. Na escola o galego é extracurricular e extraoficial desde 2020, cando antes non o era. Hai escolas da zona galegofalante que non ofrecen estudos de galego.

 

  1. Ignórase o galego na administración, na xustiza, na toponimia, na sanidade e nos medios públicos castelán-leoneses.

 

 

GALLEGO EN ESTREMADURA (A FALA)

 

 

En 3 concellos da comarca de Serra de Gata, Valverdi do Fresno, As Ellas e San Martiño de Trebello, o 95% dos seus 4.500 habitantes falan tres variedades de orixe galega denominadas valverdeiru, lagarteiru e mañegu, respectivamente.

 

Este conxunto de tres falas é denominado popularmente A Nosa Fala (“Nuestra Habla”). Algúns autores denomináronas “Falas de Xálima” ou “valego”. A maioría dos lingüistas cualifícanas de “galego” especial ou galego-portugués en sentido amplo. En anteriores informes do Consello de Europa aparecen como “Galician in Extemadura”.

 

Está recoñecida polo goberno de Estremadura desde 2002 como B.I.C. (Ben de Interese Cultural) declaración que en 20 anos non serviu para nada.

 

ENSINO

 

Nada. O 64% dos escolares falan sempre as súas variedades. O uso cos amigos chega ao 80%. Pero nas aulas o seu uso é do 0% porque todo é en castelán e os alumnos só as usan entre eles ou, de maneira informal, cos profesores nativos.

 

En ensino de adultos podemos citar dous cursos de 10 horas ofrecidos na Escola Oficial de Idiomas de Cáceres (nivel A1-A2) e dous cursos para profesorado ofrecido en Valverde polo CFP de Hoyos/Foius (Cáceres).

 

Non existen materiais didácticos, excepto un dicionario escolar, tampouco existen intercambios escolares con centros galegos (falantes de lingua idéntica/semellante); a pesar diso, son frecuentes as visitas de escolares galegos a estes concellos. Nas escolas desta zona pódese estudar portugués, pero non galego de Estremadura.

 

Existe o estudo de Lingua Galega na Universidade de Estremadura (Cáceres) pero non nas Escolas Oficiais de Idiomas de Cáceres nin de Coria-Cáceres. Na Universidade de Vigo (Galicia) un equipo de investigación traballa sobre estas falas desde hai 30 anos e publicou numerosos artigos e libros sobre elas.

 

ADMINISTRACIÓN E SERVIZOS PÚBLICOS

 

En 2022 os tres alcaldes solicitaron da Universidade de Estremadura a redacción dunhas normas unificadas e unha gramática para o uso destas variedades na administración local e nas actividades culturais.

 

As administracións municipais empregan voluntariamente o galego-estremeño nas comunicacións orais, avisos, cartelería etc., pero na documentación municipal (actas, impresos, webs etc.) só se emprega o castelán porque é a única lingua legal e oficial.

 

En toponimia emprégase unicamente o castelán ou adaptacións ridículas do galego estremeño ao castelán. As denominacións dos lugares en galego de Estremadura (As Ellas, Os Abanxís, O Sobreiral…) non son oficiais nin legais. Os concellos escriben voluntariamente en galego de Estremadura ou en bilingüe con castelán os rótulos de rúas, indicadores, bandos etc.

 

Ao non ser oficial, non se pode empregar este galego por escrito coa administración aínda que ao falalo toda a xente, é normal nas comunicacións orais. Non se esixe o seu coñecemento para o acceso ao traballo no sector público (administración, sanidade, ensino, mundo asistencial etc.), nin sequera como mérito.

 

MEDIOS

 

Moi ocasionalmente nalgún medio dixital acéptanse artigos en galego. En xeral, o galego de Estremadura está ausente e invisibilizado nos medios estremeños. A radio e televisión pública estremeña só emiten en castelán e, sobre este galego de Estremadura realizan programas folclóricos.

 

 

ACTIVIDADES E SERVIZOS CULTURAIS

 

Existe actividade cultural (revistas, teatro, premios, festas) promovida por asociacións (U Lagartu Verdi, A Nosa Fala etc.) e as actividades culturais organizadas polos tres concellos (entroidos, festas) e as escolas son normalmente en Fala ou galego de Estremadura.

 

O Parque Cultural Sierra de Gata organiza desde 2022 unha Xornada sobre A Fala con asistencia de especialistas en lingua e cultura propias e semellantes.

 

As publicacións en galego de Estremadura son sempre iniciativa de particulares: O Novu Testamentu (2015), a colección de 15 contos Había unha ve… (2016), o Dicionariu A Fala (2022) ou o libro Versos valeoris da nosa fala (2023).

 

Non existe ningunha convocatoria oficial de axudas ou subvencións a produtos culturais (música, libros, vídeos, proxectos, museos etc.) en Fala ou galego de Estremadura.

 

RESUMO

 

  1. Non se cumpre o artigo 7.1.b porque non se respecta a área xeográfica da lingua, ao negarse a súa filiación galega. Nin sequera, como di a Carta Europea, como “lingua semellante”, xa non idéntica.

 

  1. Ningunha institución científica tutela estas falas, a pesar de que na Real Academia Galega existe un académico para a Fala. A Universidade de Estremadura está nestes momentos elaborando unha normativa unificada para as tres falas. Non existe institución científica especializada nestas falas.

 

  1. Na escola o galego de Estremadura oficialmente é inexistente, nin siquera como materia optativa extracurricular, a pesar da introdución dunha materia de Etnografía neste curso 2023/2024 impartida por iniciativa do profesorado.

 

  1. Só os tres concellos e as escolas teñen humildes iniciativas para visibilizar a Fala (rotulación, cartelería etc.), sen ningunha axuda das autoridades provinciais, rexionais ou nacionais.

 

  1. Ignórase totalmente o galego de Estremadura na administración provincial e rexional, na xustiza, na sanidade, na asistencia a maiores, na toponimia e nos medios públicos estremeños. 

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior