Comunicado de ProLingua sobre o 5º Informe do Consello de Europa
En días pasados deuse a coñecer o 5º Informe do Comité de Expertos do Consello de Europa sobre a aplicación en España da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias (CELRM).
Despois de analizar o documento, ProLingua insta os gobernos español e galego a que deixen de incumprir a Carta –tratado internacional que forma parte do bloque constitucional de leis españolas-, atendan inmediatamente as recomendacións do Comité de Expertos do Consello de Europa e cesen nas súas políticas radicais de exclusión e discriminación do galego.
Por mor do Informe elaborado polo Comité de Expertos, o Consello de Ministros da UE emitiu un comunicado no que exhorta as autoridades competentes a que, entre outras, tomen as seguintes accións inmediatas:
a) Reformar a Lei orgánica do Poder Xudicial para garantir o uso das linguas cooficiais nos procedementos xudicias se o solicita algunha das partes.
b) Incrementar o uso das linguas cooficiais na administración do Estado.
c) Eliminar as limitacións ao ensino do galego que existen na actualidade desde a aplicación do Decreto do plurilingüismo do goberno Feixóo.
O primeiro que se manifesta coa lectura do 5º Informe é que queda desmontado o relato da Xunta sobre a situación social do galego. A política lingüística de Feixóo ficou espida perante o Comité de Expertos. Non só se indica que empeorou o nivel de aplicación da Carta en Galicia, senón que se especifica que hai unha diminución no número de falantes e que se interrompeu a transmisión da lingua de pais a fillos. Ademais estes non son os únicos aspectos negativos da saúde do noso idioma, xa que se salienta que tamén houbo unha "diminución significativa" da porcentaxe de rapaces con dominio do galego como lingua da vida cotiá.
De debullarmos o contido da Carta por ámbitos, vemos que ao Comité de Expertos lle preocupa a diminución do galego no sistema educativo e que a expansión do modelo trilingüe está a entorpecer a aprendizaxe do noso idioma. O Comité constata o uso insuficiente da lingua propia de Galicia no ensino, especialmente no preescolar e, ante a imposibilidade de estudar nel, pide que se eliminen as limitacións á docencia en galego en todos os niveis de educación precisos.
Hai seis anos, ante a remisión do 3º Informe do Comité de Expertos do Consello de Europa, ProLingua indicaba que o seu contido significaba a condena e rexeitamento do Decreto do plurilingüismo, por canto constituía unha clara regresión na protección e reforzamento do idioma galego en Galicia. Hoxe vemos reforzada esta condena pois non só se apunta a ese decreto como impedimento para a educación en galego, senón que se postula a súa retirada como unha das medidas urxentes que se deberían tomar. Ademais esta medida non só é destacada polo Comité, senón que é unha ás que exhorta o Consello de Ministros do Consello de Europa.
Nos eidos da xustiza e da administración tampouco houbo ningún tipo de mellora, polo que lles volven lembrar aos gobernos galego e español que deben seguir as recomendacións dos informes emitidos nos anos 2005, 2008, 2012 e 2016. A clave está en que, un trienio tras outro, os galego-falantes seguimos sen ter garantidos os nosos dereitos lingüísticos, que son parte dos nosos dereitos humanos. De aí que un dos puntos máis destacados sexa a necesidade de cambiar a Lei de procedemento xudicial para garantir a igualdade. A isto habería que engadir a exclusión do galego da tramitación xudicial polo bloqueo que mantén a Xunta á tradución do programa informático Minerva, así como unha política de promoción de emprego efectivo do galego nos procesos xudiciais.
Dos servizos públicos, o Comité de Expertos, cita especificamente o da sanidade, onde se debe asegurar que o persoal sexa quen de usar o galego con garantías, algo que na actualidade non se cumpre. O Sergas segue a funcionar fundamentalmente en castelán, só hai que dar unha volta por ambulatorios e hospitais, sen que se garanta en ningún caso a atención oral e escrita en galego á cidadanía.
Con respecto á prensa, o Comité critica a escaseza da financiamento público dos medios en galego. Sabemos que todos os anos se desvían partidas de centos de miles de euros á prensa en castelán (os grandes medios apenas publican un 4% en galego), mentres que aqueles medios que publican os seus contidos integramente en galego reciben apenas unhas migallas do erario público. O goberno galego é responsable de que a situación dos medios en galego continúe a ser precaria e discriminatoria.
Sobre o galego exterior ou estremeiro, o Comité sobrancea a escaseza ou ausencia de medidas efectivas no ensino e na administración en Asturias e Estremadura, mentres segue a considerar moi deficiente a oferta educativa en Castela-León. As administracións asturiana, castelá-leonesa e estremeña ignoran na práctica o seu patrimonio lingüístico e permiten o esmorecemento do galego nestas zonas. O Comité recomenda o establecemento de contactos con comunidades onde se falen “linguas semellantes ou idénticas”, algo ao que se negan repetidamente Asturias e Estremadura, ignorando deste xeito o mandato de Europa.
Sobre a resposta oficial da Xunta ás recomendacións contidas neste 5º Informe do Consello de Europa, en ProLingua preocúpannos especialmente as manifestacións do Goberno galego pola súa deriva radical, mesmo supremacista castelá.
A Carta é un tratado internacional (e como tal forma parte das leis españolas) que foi elaborado para axudar os falantes das linguas minoritarias a teren a oportunidade de empregalas en todos os ámbitos sociais. Tamén pretende estimular e axudar os gobernos a comprenderen o que poden facer para que isto sexa posible.
O obxectivo da Carta é reverter as situacións discriminatorias e garantir a existencia de oportunidades de uso real e cotián das linguas rexionais e minoritarias. A ratificación polas Cortes Xerais de España convértea nunha norma do ordenamento xurídico de obrigado cumprimento. Polo tanto é unha irresponsabilidade e unha falta de respecto total ao Pobo galego, responder como fixo o presidente da Xunta cun "alá eles" ás recomendacións do Comité de Expertos ante a vulneración dos aspectos que se indican arriba
No seu día xa relataramos o desenvolvemento do encontro en Uviéu/Oviedo do Comité de Expertos con representantes da SXPL, ILG, RAG, A Mesa e tamén de ProLingua [http://www.prolingua.gal/novas/cronica-dunha-reunion-en-oviedo]. Estas dúas últimas asociacións entregarámoslles aos expertos europeos informes sobre a situación da lingua e tamén recibiran outro moi elaborado dun foro organizado polo Consello da Cultura no que participaran 30 especialistas [http://consellodacultura.gal/evento.php?id=200581]
Esa reunión con axentes sociais, institucións e autoridades políticas foi programada polo Comité de Expertos para elaboraren o 5º Informe e nela recibiron tamén, de mans do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, un amplo dossier oficial do goberno galego coa súa particular e idílica valoración da situación da lingua galega nos diversos ámbitos aos que se refire a Carta.
Ao secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, debéronlle amolar as conclusións do 5º Informe do Consello de Europa porque declarou que “non se axustan á realidade”, polo que descualificou totalmente este Informe oficial do Consello de Europa como “un documento de baixa fiabilidade científica, porque quen o elabora nunca puxo un pé en Galicia”, esquecendo á mantenta que un dos membros do Comité é un reputado sociolingüista e profesor universitario galego que, ademais, é correspondente da RAG adscrito ao seu Seminario de Sociolingüística.
Por que o máximo responsable desta política lingüística tan refractaria ao idioma galego se ofende con este Informe oficial? Se o Consello de Europa non acredita nas mentiras oficiais do goberno galego, iso significa que o Goberno galego está nunha postura de radicalismo galegofóbico que o sitúa fóra da razón e da lexislación española e europea en materia de protección da diversidade lingüística.
Cando a Xunta de Galicia aprobou as Bases do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, en xaneiro do 2010 a RAG fixo pública unha Análise académica onde se consideraba que a proposta dese Decreto era inaceptable por supoñer un claro retroceso na lexislación sobre o galego; que era irresponsable porque o Goberno derivaba responsabilidades a outros ámbitos; e que era inconsistente legalmente e insostible desde o rigor pedagóxico e sociolingüístico. Semanas despois o Consello da Cultura Galega emitiu un Ditame crítico coas devanditas Bases.
Publicacións recentes da RAG e do CCG viñeron corroborar un dos temores que a Academia manifestaba na súa análise do 2010: que a bandeira trilingüe do Decreto de plurilingüismo se utilizou para ocultar a perda e subtracción educativas do galego.
Unha vez máis ProLingua, plataforma apartidaria, pídelle á RAG e ao CCG que, consonte as análises críticas que hai dez anos fixeron públicas sobre o devandito decreto, se dirixan á Xunta de Galicia para que o retire inmediatamente e volva ao camiño do consenso do Plan Xeral de Normalización que aprobou por unanimidade o Parlamento galego en 2004.
ProLingua,19 de decembro do 2019