USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Novas

CEDRO ignora a lingua galega

logo cedro

Hai uns días un escritor galego, socio de CEDRO (Centro Español de Derechos Reprográficos), vía correo electrónico, comprobou que as comunicacións cos socios, fosen da comunidade autónoma que fosen –en particular daquelas que teñen recoñecida constitucionalmente unha lingua propia distinta da castelá- se facían sempre desde CEDRO en castelán e catalán.

 

CEDRO é unha entidade sen ánimo de lucro que representa os intereses de autores, editores de libros, revistas e outras publicacións de calquera das linguas oficiais do Estado español. A pertenza a ela é voluntaria.

 

O socio galego de CEDRO preguntou por que eran sempre e só en castelán e a resposta que se deu desde a entidade, por parte do encargado dos “Servicios a los Socios y Estrategia”, foi sinxelamente que  “Las comunicaciones son en castellano y catalán. Reciba un cordial saúdo”. Unha seca contestación que exclúe a nosa lingua, o máis prezado patrimonio inmaterial do pobo galego.

 

O socio de CEDRO achegou o texto dese correo electrónico a ProLingua -asociación apartidaria e plural en defensa da lingua galega, onde consideramos que non podemos calar diante desta manifestación de desprezo á lingua galega.

 

Consideramos inaceptable a resposta soberbia e despectiva do representante de CEDRO e instamos á dirección desta entidade a que dunha vez por todas se respecte a pluralidade lingüística do Estado español e que se envíen as comunicacións ás persoas galegas asociadas en lingua galega, pois é tan oficial en Galicia como o catalán o é en Cataluña e noutras zonas do Estado onde é lingua propia.

 

Aproveitamos para solicitar, así mesmo, idéntico respecto non só para o éuscaro, idioma oficial en Euskadi e en zonas de Navarra ou para o aranés, cooficial en Cataluña, senón tamén para linguas minorizadas coma o asturiano ou o aragonés, por respecto e polo cumprimento do art.3.3. da Constitución, ese documento que todo o mundo cita e moi poucos cumpren.

 

 

 

ProLingua, a 28 de abril de 2017

logo cedro

logo cedro

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior