USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Novas

A Facultade de Ciencias da Coruña estrea o seu Muíño da Lingua para fomentar a promoción do galego

"Funciona como unha especie de mensaxe nunha botella porque o emisor e o receptor non se coñecen e existe ese misterio e esa sorpresa de coñecer o contido", explica o estudante de Arquitectura da Universidade da Coruña Camilo Blanco, creador do Muíño da Lingua, co que a institución pretende fomentar o uso do galego no campus da Zapateira.

A praza, situada entre a Facultade de Ciencias e as escolas de Arquitectura e Aparelladores, acolle unha roda con oito caixas numeradas que xa forma parte do mobiliario urbano e onde tanto os membros da comunidade universitaria coma os veciños poderán intercambiar libros, discos, ligazóns de internet... e anotar no caderno de suxestións calquera idea relacionada coa lingua galega.

O muíño xa está cheo con elementos como o Plan de Normalización Lingüística da institución académica, contos, libros de poemas, marcapáxinas e chapas. Agora deberán ser os estudantes os que deben "manter viva" esta iniciativa compartindo os seus materiais, destaca a responsable do Servizo de Normalización Lingüística da UDC, Goretti Sanmartín. Co financiamento deste departamento foi posible levar a cabo a idea de Camilo Blanco, que resultou gañadora do premio Luisa Villalta a iniciativas normalizadoras de 2010. Para o creador deste lugar de intercambio de contidos en galego, o obxectivo principal da estrutura pasa por "recuperar un espazo físico" de comunicación nun momento en que "todo se move pola rede". Neste aspecto coincide Sanmartín, quen apunta que deste xeito o muíño serve tamén como símbolo para identificar e coñecer o labor do servizo de normalización.

Á espera dos resultados desta proba na contorna da Facultade de Ciencias, desde a UDC non descartan implantar novos muíños noutros campus, como o de Elviña ou o de Ferrol. A elección deste primeiro emprazamento na Zapateira –explica Sanmartín– obedece ao "escaso" uso do galego nas facultades que imparten titulacións de ciencias. O secretario xeral da organización académica, Carlos Amoedo, indicou que os docentes apenas imparten un 10% das materias en lingua galega, mentres que na investigación tamén se emprega de xeito "desigual" debido a que "os famosos ránkings universitarios adoitan menosprezar a ciencia que se publica en linguas minoritarias".

As redes sociais tamén terán un papel activo neste proxecto, xa que a través de Facebook ou Twitter os usuarios poderán informar de que materiais deixan no muíño e en que caixa, ou comentar que elementos atoparon e levaron. "O ideal sería que todo aquel que collese algo deixase outra cousa a cambio", afirma Sanmartín.

Información tirada de La Opinión.

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior