A “memoria incómoda”
Por Xosé María Lema Suárez
O pasado día 14-08-25, na reitoral de Santa Mariña de Covelo (A Paradanta-Pontevedra), co relatorio "Piratas, corsarios e negreiros dos séculos XVIII e XIX (tamén en Galicia)", tiven ocasión de participar no ciclo "A invisibilización da memoria da escravitude en Galicia e España" convidado polos profesores Ángel Pérez e Miguel Vázquez Freire. Ó final da niña intervención houbo interesante debate cos asistentes.
O meu foi un percorrido divulgativo pola historia. Fixen fincapé na delgada liña vermella entre o malvado pirata e o tantas veces heroico corsario, a quen os seus reis lle renderon honores; por exemplo os ingleses Sir (cabaleiro) Francis Drake (séc. XVI) e Sir Henry Morgan (XVII) ou os franceses de St.-Malo, René Duguay-Trouin (séc. XVIII) e Robert Surcouf (séc. XIX). Esta cidade bretoa aínda hoxe presume do seu pasado corsario. En cambio, A Coruña, que foi un importante porto corsario (e negreiro) a finais do XVIII-XIX non tanto; para nada. Historiadores galegos como Luís Alonso atoparon moitas dificultades para investigaren as orixes das fortunas dalgúns próceres e filántropos. O historiador coruñés Antonio Meijide publicara en 1967 unha biografía do armador Jerónimo de Hijosa, castelán asentado na cidade brigantina desde 1751, quen alternou o comercio legal co ilegal e fretou barcos en corso en canto tivo ocasión.
O do corsarismo aínda se vai levando, pero onde hai un “tupido veo” é na trata de escravos negros de África a América. O citado Luis Alonso (Univ. da Coruña) estudou o escravismo de armadores galegos, que se acrecentou cando en 1807 Gran Bretaña aboliu a escravitude e puxo barcos no Atlántico para perseguir este comercio humano, pois o reino de España sería un dos últimos en abolir a trata (Cuba 1886). É curioso que para burlar a vixilancia británica barcos españois mudaban o seu nome por outro portugués (foron os chamados “falsos portugueses”). Investigadores do pasado como o citado Alonso e Jorge Álvarez desvelan que as fortunas de famosos persoeiros de monumentais estatuas sobre altos pedestais como Antonio López (I marqués de Comillas), Eusebio da Guarda, Ramón Plá (marqués de Amboage) etc., tiveron a súa orixe na trata, e que ó final das súas vidas, talvez movidos pola ameaza de excomuñón publicada polo papa Gregorio XVI en 1839 (non era sen tempo!), abandonaron o negocio e pasaron a exercer a caridade para se converteren en exemplares filántropos para as súas cidades de orixe. Falouse tamén dun infausto escravista galego (Urbano Feijoo Sotomayor) que non tivo reparo en escravizar en 1854 a outros 1.754 galegos, ós que levou enganados a traballar nos "enxeños" azucreiros cubanos en condicións de semiescravitude.
Finalmente, falamos de exemplos de “mala conciencia” neste primeiro terzo do séc.XXI, a raíz da enérxica reacción mundial que houbo en 2020 tras a morte de George Floyd nos EE.UU. (a campaña "Black Lives Matter" 'as vidas dos negros importan'). Un exemplo: en Bristol (R.U.) retiráronselle todos os honores ó outrora gran filántropo da cidade Edward Colston (1639-1721), unha vez que se comprobou que a súa fortuna fora debida ó comercio escravista: derribaron a súa estatua e retirouse o seu nome de rúas e avenidas, de teatros, hospicios e colexios etc. O mesmo pasou en Londres con Robert Milligan (séc. XVIII), e tamén analizamos a controvertida biografía de Thomas Jefferson, un dos pais da independencia e da democracia norteamericana, que tivera 600 escravos. Recentemente, cidades europeas como Nantes, Bordeos ou Liverpool inauguraron museos sobre a escravitude para purgar, dalgún xeito, o seu vergonzoso pasado escravista (pero, polo menos, fixérono).
Aínda que esteamos medianamente de acordo en que, como nos advertiu alguén, que non se pode xulgar o pasado coa mentalidade do presente, cómpre recoñecer ese “pasado molesto” –tamén en Galicia– e que nos sirva para condenar actitudes do presente, de intolerancia e mesmo odio contra outras culturas, razas, relixións e linguas, que nos parecen retrotraer a eses sinistros tempos pretéritos que coidabamos superados para sempre.
- Tags:
- xosé maría lema
proxecto urbano feyjóo sotomayor
