A situación dramática da lingua galega
Desde 1980 a 2005, a política lingüística da Xunta de Galicia baseouse nunha
intervención de baixa intensidade, que se desenvolveu sobre unha determinada
interpretación da situación sociolingüística da lingua galega, unha ideoloxía lingüística
favorable ó bilingüismo social e unha concepción da planificación centrada en non xerar
ningún conflito social por motivos lingüísticos, tal como concluía Anxo M. Lorenzo
Suárez nun artigo publicado hai vinte anos.
A inexistencia dun plan integral de normalización, a alarmante caída na transmisión
familiar e a perda xeral de falantes, sobre todo na mocidade urbana, motivaron que o
goberno do PP, que presidía Fraga Iribarne, iniciase no 2002 a redacción do Plan Xeral
de Normalización da Lingua Galega (PXNLG) nun proceso aberto, consensuado e
participativo, que o Parlamento de Galicia o 22 de setembro do 2004 aprobou por
unanimidade dos tres grupos da cámara (populares, socialistas e nacionalistas). O
primeiro obxectivo xeral do PXNLG era “garantir a posibilidade de vivir en galego a
quen así o desexe, sabendo que conta co amparo da lei e das institucións”, para o que se
propoñían 445 medidas, que na súa maioría seguen hoxe sen aplicarse.
Seguindo as medidas relativas ó ensino non universitario, o goberno de coalición PSdG-
BNG aprobou o Decreto 124/2007, de 28 de xuño, polo que se regula o uso e a
promoción do galego no sistema educativo, que axiña foi atacado por sectores opostos á
normalización do galego, apoiados con entusiasmo polo PP que, en principio, secundara
o devandito decreto. Falacias espalladas reiteradamente na prensa coma o dereito dos
proxenitores a escolleren a lingua de fillas e fillos, a defensa da liberdade lingüística e,
sobre todo, a imposición do galego, instaláronse en sectores sociais e contribuíron á
vitoria do PP nas eleccións do 2009, que un ano despois aprobou o Decreto 79/2010, de
20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia,
popularmente coñecido como Decreto de plurilingüismo.
A Real Academia Galega (RAG) recorreuno perante o Tribunal Superior de Xustiza de
Galicia, igual que o fixeron a central sindical CIG, a asociación pedagóxica Nova
Escola Galega e colectivos como a Mesa pola Normalización Lingüística ou Queremos
Galego, mesmo a asociación negacionista Galicia Bilingüe. O devandito Tribunal
ditaminou ilegal a consulta vinculante ás familias (art. 5.2) e que o alumnado se puidese
expresar na aula no idioma da súa preferencia (art. 12.3), eludindo os criterios
pedagóxicos.
Posteriormente, a RAG presentou recurso de casación contra o Decreto de
plurilingüismo perante o Tribunal Supremo, que o desestimou, polo que decidiu
presentar recurso de amparo perante o Tribunal Constitucional contra a sentenza do
Supremo, entre outros motivos, porque o decreto da Xunta de Galicia, que dicía
desenvolver a Lei de Normalización Lingüística (LNL) do 1983, estaba en contradición
con esta lei por obviar o concepto de normalización e anunciar no preámbulo un cambio
de marco legal, e por perpetuar a situación de inferioridade da lingua galega ó afondar
nos prexuízos contra ela por excluír taxativamente o seu uso nas materias de contido
científico. Despois do Tribunal Constitucional fallar en contra do recurso, a RAG
recorreu o decreto perante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, en nome das
familias afectadas pola súa aplicación no sistema escolar.
Co Decreto de plurilingüismo do 2010 diminuíu a presenza da lingua galega no ensino e
prohibiuse o seu emprego en Matemáticas na Educación Primaria, e nesa materia e nas
de Tecnoloxía e Física e Química na Educación Secundaria Obrigatoria; por outra parte,
nas cidades practicamente desapareceu da Educación Infantil, entre outros motivos, pola
ausencia de centros onde poder levar rapazada galegofalante.
O informe do 2023 do Instituto Galego de Estatística (IGE) sobre a situación da lingua
galega mostra o fracaso da aplicación dese decreto, que no art. 4 establece como
principio primeiro a “Garantía da adquisición dunha competencia en igualdade nas dúas
linguas oficiais de Galicia”. Na recente análise deses datos feita pola RAG, pode verse a
dramática redución do número de falantes de galego de 5 a 14 anos, xunto co
incremento exponencial das prácticas monolingües en castelán en todos os grupos de
idade, que na cohorte de 15 a 29 anos é o 43% e na rapazada de 5 a 14 anos é o 54%.
Neste grupo de idade máis nova, segundo o IGE, o 32% é incapaz de falar galego e o
38% carece de competencia para escribilo.
A ruptura da transmisión xeracional do galego é innegable; con todo, a situación
dramática do actual uso do galego na xente máis nova non só se debe a esa ruptura, xa
que a desgaleguización comeza cando as nenas e os nenos entran na escola infantil e se
acelera nos primeiros anos da escolarización, a xulgar por investigacións recentes do
Seminario de Sociolingüística da RAG sobre a poboación escolar de Ames: arredor da
metade das familias deste concello declararon falar sobre todo galego, pero na
Educación Infantil reduciuse nun 11% a súa presenza, cun novo retroceso dun 16% na
primaria e un 3% máis na secundaria. En zonas urbanas e periurbanas a presión
ambiental fai que na etapa escolar rapazada de familias galegofalantes pase a ser
monolingüe castelá.
Dado que o actual modelo de ensino non universitario non está a cumprir o art. 14.3 da
LNL do 1983, que establecía que “As autoridades educativas da Comunidade
Autónoma garantizarán que ao remate dos ciclos en que o ensino do galego é
obrigatorio, os alumnos coñezan este, nos seus niveis oral e escrito, en igualdade co
castelán”; e dado que, como xa se sinalou, non se cumpriu o art. 4.1 do Decreto de
plurilingüismo relativo á adquisición da competencia en igualdade en galego e en
castelán, consonte os compromisos do Estado español na Carta Europea das Linguas
Rexionais e Minoritarias, urxe a derrogación do decreto para que o galego teña presenza
suficiente no ensino e non continúe o veto nas materias científicas, e cómpre a
existencia dunha liña de ensino do galego desde a Educación Infantil ata a
Universidade. O galego non se vai salvar na escola, pero é fundamental o papel do
sistema educativo na normalización do galego.
É innegable que nas últimas décadas a lingua galega foi gañando espazos de prestixio
onde a presenza era insólita ou inexistente, mais a nivel xeral a súa imaxe segue sen
asociarse coa boa posición social. Por iso é urxente que a Xunta de Galicia impulse
políticas a prol do idioma e que se procure o apoio social para combater prexuízos e
actitudes negativas cara á lingua, que a converten practicamente en innecesaria e
invisible a nivel urbano. É moi importante que os galegos perciban, sobre todo,
sinceridade por parte do seu goberno no impulso da lingua galega, pois a percepción de
moita xente é que o apoio do goberno da Xunta no fondo non é real.
No que respecta ó PXNLG do 2004, que o Goberno quere revisar e actualizar no
presente ano, cómpre presentar medidas concretas co orzamento correspondente, con
prazos para a súa execución e con indicación dos órganos que as van executar, e despois
avaliar periodicamente o seu cumprimento. Teñen que ser medidas que tendan a
cambiar a deriva do uso do galego, que hoxe está nunha situación moi crítica,
especialmente na xente nova, pero aínda non irreversible.
