Xuntanza cos expertos do Consello de Europa
Por Xosé-Henrique Costas González, membro de ProLingua
O pasado mércores 17 de xaneiro de 2024, o Comité de Expertos do Consello de Europa que avalía o cumprimento da Carta Europea para as Linguas Rexionais ou Minoritarias, convocou en Madrid, na sé do Instituto Cervantes, os representantes das organizacións cívicas galegas que traballamos pola defensa da lingua.
Desta feita o Comité de Expertos estaba integrado polo neerlandés René de Groot, como presidente; o finlandés da minoría sueca Jarmo Lainio; o catalán Albert Branchadell; a suíza Aline Kunz; e o francés Maxime Huot, responsable da Secretaría da Carta Europea para as Linguas Rexionais ou Minoritarias.
Este Comité estivo de visita no estado español desde o 15 ao 19 de xaneiro para recadar datos e informacións, tanto de administracións coma de organización cívicas, que lle axuden a elaborar o VI Informe sobre o cumprimento da Carta que proximamente deberán aprobar os ministros de Asuntos Exteriores do Consello de Europa.
Á convocatoria asistimos representantes de ProLingua (X.Henrique Costas), A Mesa (Marcos Maceira e Elsa Quintas), AMEGA (Henrique Sanfiz e Paulo García) e de Axuntar del Eo-Navia (Natalia Jardón).
Os representantes galegos desmontamos as mentiras e medias verdades contidas no informe oficial do Estado e da Xunta, incidindo Marcos Maceira e Henrique Costas na exclusión do galego no ensino en Galicia, reducido apenas a un 22,65% segundo se desprende dos preceptos do Decreto 79/2010 e da carga horaria imposta pola LOMCE (contra o triunfal 60% alegado pola Xunta), Natalia Jardón expuxo un documentado relatorio para demostrar as políticas de exterminio amable do galego de Asturias, empezando pola negación da existencia de galego; Elsa Quintas, avogada, fixo un repaso polo miúdo dos incumprimentos da Carta no eido xudicial e administrativo, con desleixo por parte da Xunta e parálise pola do Estado; e Sanfiz e García alegaron contra as políticas de subvencións xenerosas da Xunta aos medios en español e a asfixia dos medios en galego. Por último, ProLingua tamén expuxo a situación precaria do ensino do galego no Bierzo. Cando quixemos falar do galego de Estremadura indicáronnos que xa viña un representante desta minoría na sesión seguinte, o dramaturgo lagarteiro Furén Moreno.
Os membros do Comité de Expertos amosaron a súa sorpresa polo que lle contamos e cantamos con cifras, datos e exemplos de como non se cumpre en absoluto a Carta en moitos puntos dos aprobados por España en 2002, malia as declaracións triunfalistas e exculpatorias de Xunta e Goberno de España.
Desde ProLingua entregámoslle a cada un dos membros do Comité de Expertos un dossier (publicado na sección NOVAS desta páxina) en inglés cos principais incumprimentos sobre o galego de Galicia e, ademais, un breve repaso á situación do galego en Asturias (Eo-Navia), Castela e León (Bierzo Occidental e As Portelas) e Estremadura (Val do Ellas ou Xálima). Os representantes da Mesa, AMEGA e Axuntar tamén lles entregaron cadanseus dossieres, moi voluminoso e completo no caso da Mesa.
Agora os expertos cotexarán datos e informacións, entre as achegadas polos gobernos central e autonómicos (ou entre as non achegadas polos gobernos, que sospeitosos silencios tamén os houbo) e as achegadas polas organizacións cívicas alí presentes: ProLingua, A Mesa pola Normalización, Axuntar, AMEGA e Fala Ceibe do Bierzo (representada pola Mesa). De aí tirarán as súas conclusión e elevarán o seu informe final á xuntanza de Ministros de Exteriores do Consello de Europa.
Desde ProLingua agradecemos o traballo de todas as organizacións presentes polos esforzos e dedicación á dignificación e vivificación da nosa lingua nas nosas comunidades e, en especial, queremos sobrancear o traballo de Axuntar del Eo-Navia, pois a súa representante, a doutora Natalia Jardón, veu a pé feito desde Viena para a ocasión.
Detrás da representación galega entrou a extremeña, con representantes do portugués de Olivença, Eduardo Machado, da asociación Acorda Olivença, e do galego de Estremadura, Furén Moreno, da asociación Xálima Fala, organización irmás coas que ProLingua mantén colaboración e excelente relación.
Desde ProLingua confiamos en que o Comité de Expertos lea con cariño e detidamente os nosos argumentos e os teña en conta na redacción do VI Informe e nas recomendacións ao Estado español e á Xunta de Galicia para que cumpran dunha vez os compromisos subscritos coa nosa lingua por todo o aparello do Estado, goberno central e goberno galego.
Noutras ocasións que foramos convidados a expor os nosos argumentos sobre o cumprimento da Carta Europea (en Madrid, en Ovedo e en Santiago) sempre estiveran presentes entidades públicas galegas relacionadas coa lingua, como a RAG, o Consello da Cultura ou o ILG. Nesta ocasión descoñecemos se foron consultadas e/ou se achegaron algunha información ou reparo ao Informe cor de rosa exposto polos gobernos central e autonómico, xa que non coincidimos con elas na mesma sesión.