USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Voces

Unha peza en tres lances: A lingua galega en actos de defensa de teses de doutoramento.

Francisco Fernández Rei

(Membro da Cerna de ProLingua)



 

Se eu fose autor dramático faría unha peza en tres lances ó xeito de Castelao. A do rianxeiro tiña dous lances e duraría só dez minutos, pero a miña non sabería dicir canto duraría.

LANCE PRIMEIRO

Érguese o pano. O escenario é a Sala do Consello de Departamento de Filoloxía Española da Facultade de Filosofia e Letras da Universidade de Oviedo na que o venres 22 de xaneiro do 2016 se desenvolveu, a partir das 11:30h, o acto público de defensa da tese de doutoramento El gallego-asturiano desde los trabajos de campo de Dámaso Alonso hasta la actualidad, de Ramiro Javier Barcia López, profesor de Lingua e Literatura Española nun instituto de ensino medio de Xixón e profesor asociado do Departamento de Filoloxía Española ovetense. A tese estaba redactada en lingua castelá.

En calidade de presidente do tribunal, procedente da Universidade de Santiago de Compostela (USC), abro a sesión, en galego, para explicar o desenvolvemento do acto. O doutorando pon un vídeo cun fragmento dunha entrevista a Dámaso Alonso onde o ilustre romanista madrileño, con raíces familiares en Ribadeo e en Castropol, di ben claro que nas dúas beiras do río Eo se fala a mesma lingua, a galega; e logo, en castelán, explica a metodoloxía e os resultados principais da súa tese de doutoramento.

A seguir, o secretario do tribunal, profesor da Universidade de Oviedo, en asturiano fai consideracións sobre o traballo. O único vogal, profesor da Universidade de Vigo, en galego fai observacións á tese, pero antes manifesta que lle gustaría que un traballo sobre o galego de Asturias (oficialmente “gallego-asturiano” no Principado) estivese redactada e se defendese en galego, á vez que sinala que hai uns días en Vigo, no acto de defensa dunha tese sobre teatro asturiano, o doutorando empregou con naturalidade a lingua asturiana. Na miña quenda de observacións e críticas ó traballo, emprego de novo a lingua galega.

Na réplica a cada membro do tribunal, o doutorando xa non emprega o castelán, agora faino en galego de Asturias; despois, na quenda de intervención dos doutores presentes na sala, os dous codirectores (de orixe leonesa un, de orixe galega o outro, ambos profesores de Lingua Española da Universidade de Oviedo) toman a palabra e fano en castelán; e a seguir intervén, en galego, Carlos Varela Aenlle, correspondente da RAG no Eo-Navia. E non habendo máis doutores que queiran intervir, os presentes na sala retíranse para que o tribunal delibere e logo faga pública a cualificación da tese. Baixa o pano.

LANCE SEGUNDO

Érguese o pano. O escenario é a Sala de Profesorado da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela na que o venres 11 de marzo do 2016 se desenvolveu, a partir das 11:00h, o acto público de defensa da tese de doutoramento Francisco Asorey, escultor galego, de Maribel Iglesias Baldonedo, profesora de Historia nun instituto de ensino medio de Cambados. A tese estaba redactada en lingua galega.

Non me foi posible asistir á apertura do acto nin á exposición metodolóxica da doutoranda que, polo que souben despois, empregou o castelán. Asistín practicamente á longa intervención do secretario do tribunal, profesor da USC, que a fixo en castelán. Cando o vogal 1º, profesor da Universidade de Vigo, comezou falando, tamén en castelán, e só dixo que lle gustaría falar en galego, nese momento pensei que era unha mágoa que non o fixese, porque, aínda que non é galego, en conversas esporádicas que tivemos sempre me falou na lingua propia de Galicia; despois desa frase inicial, se a memoria non me falla, veu a dicir que acordaran non usar o galego por respecto a unha persoa do tribunal que viña de fóra, á vez que engadiu que el participara en actos de defensa de teses de doutoramento no País Vasco e en Cataluña en que se empregaba o éuscaro e o catalán.

O vogal 2º, profesor da Universidade da Coruña, usou o castelán, como tamén o fixo a vogal 3ª, profesora da Universidade de Salamanca pero natural de Navarra, que manifestou que, aínda que a tese estaba en galego, non tivera problemas para a comprensión do traballo, lembro que dixo que nun 90% entendeu perfectamente. O presidente do tribunal, profesor da USC, fechou a quenda de observacións usando o castelán, que foi tamén a lingua da doutoranda na súa nova intervención para agradecer ou replicar as críticas que lle fixeran os membros do tribunal; e a seguir, na quenda de intervención dos doutores da sala o presidente deulle a palabra ó director da tese, que tamén usou o castelán.

Cando o presidente comezaba a rogar á xente da sala que se retirase para o tribunal deliberar, levantei a man porque, como doutor, tiña dereito a intervir nese momento. Cando fun vendo que o acto de defensa dunha tese de doutoramento redactada en galego se desenvolvía integramente en castelán, fervíame a mola, como diría un da Fonsagrada; e o que me pedía o corpo era aproveitar a miña intervención cando puidesen falar os doutores da sala para criticar a ausencia no acto da lingua que a USC está comprometida a potenciar e normalizar; e todo por deferencia a unha persoa de fóra, que estou seguro que non tería problema ningún en comprender o esencial do que se dixese en galego e que posiblemente non lle molestaría escoitar o galego. Non o fixen por respecto á doutoranda, porque sei da ansiedade e da tensión en que unha persoa se encontra en actos así; e, sobre todo, porque coñezo desde hai anos o seu inequívoco compromiso coa lingua e coa cultura galegas e porque intuía que algunha suxestión tiveran que lle facer previamente para que usase o castelán.

Eu non coñecía a tese –si artigos da doutoranda sobre o escultor–, polo que ningunha consideración podía facer do contido e da metodoloxía; e máis sendo alleo á disciplina da arte e despois de que un tribunal de especialistas a xulgase moi positivamente. Como cambadés de Fefiñáns, barrio onde nacera Asorey e onde está o seu monumento coa réplica en pedra de gra da súa coñecida obra Naiciña e a igrexa en que Adela Leiro fixera unha excelente (e posiblemente irrepetible) exposición ós 25 anos da morte do escultor; e como alumno de Ramón Otero Túñez –tan presente en varias das intervencións desa mañá–, primeiro grande estudoso de Asorey, a quen oín falar da súa obra había 45 anos na Facultade onde estabamos nese momento, eu quería dicir algo sobre todo isto, e fíxeno, en galego. E non habendo máis doutores que queiran intervir, os presentes na sala retíranse para que o tribunal delibere e logo faga pública a cualificación da tese. Baixa o pano.

LANCE TERCEIRO

Érguese o pano. O escenario é o paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela na Facultade de Xeografía e Historia o 29 de xaneiro do 1991. Xosé Mª Lema Suárez, profesor de Historia nun instituto de ensino medio da Estrada, defende o traballo A arte relixiosa no arciprestado de Soneira, que era a primeira tese de doutoramento da Historia da Arte escrita en galego e que a Xunta desa Facultade compostelá a distinguiría co Premio Extraordinario de Doutoramento do curso 1990-91.

No acto o doutorando usa con naturalidade a lingua propia de Galicia, como o fan o presidente e dous membros do tribunal, todos profesores da USC (un formaba parte do xurado da tese de Asorey), así coma o director da tese na súa quenda. Unha vogal da Universidade de Vigo non puidera chegar a Compostela por inclemencias do tempo. Outro vogal, profesor da Escola de Arquitectura da Universidade da Coruña, que non era galego, posiblemente usou o castelán.

A voluminosa tese, con importantes innovacións metodolóxicas, tivo dúas edicións (decembro do 1993 e marzo do 1998), por suposto na lingua propia de Galicia. No prólogo da 1ª edición, o seu director José Manuel B. López Vázquez salientaba que polo feito de ser a primeira tese de arte en galego, o seu autor tivo “a tarefa extra de estudia-la terminoloxía cientificamente adecuada, fuxindo de solucións híbridas e facendo unha aportación lingüística inapreciable, esquematizada en sinxelos e claros debuxos, en concisas fichas, de xeito que calquera traballo futuro, a realizar sobre arte en galego, ten neste a súa fonte inexcusable”. O director da tese de Xosé Mª Lema era o mesmo da de Maribel Iglesias. Pasaron 25 anos e unhas semanas entre un acto e outro, realizados na mesma Universidade.

Baixa moi a modiño o pano, mentres se escoita a Mini e Mero cantaren a primeira estrofa do poema “Penélope”, do chairego Xosé María Díaz Castro:

 

Un paso adiante i outro atrás, Galiza,

i a tea dos teus sonos non se move.

A espranza nos teus ollos se esperguiza.

Aran os bois e chove.

 

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior