USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Voces

Suspensión dos cursos de lingua galega no Espazo das Linguas Ibéricas en Madrid

Se os últimos datos proporcionados polo IGE sobre coñecemento e uso do galego en Galicia non resultan nada favorables para a lingua galega, algunhas novas relativas á situación do noso idioma fóra resultan tamén preocupantes. É o caso da nota publicada o día 27 de novembro do ano que acaba de rematar no blog Galego en Madrid (http://galegomadrid.blogaliza.org/) na que se informa de que “A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia comunica que non é posible realizar os cursos de galego do Espazo das Linguas Ibéricas-Casa de Galicia en Madrid nas datas previstas, por razóns organizativas e xurídicas”.

O devandito Espazo creouse no 2007 como resultado dun convenio de colaboración entre os gobernos catalán, galego e vasco coa finalidade de difundiren e apoiaren as linguas propias de cada comunidade autónoma naqueles tempos en que o obxectivo era visibilizar e poñer os medios para acadar, por fin, unha España plurilingüe. Nel estaban tamén integrados o Instituto Cervantes e a Universidade de Alcalá; no 2014 a Xunta de Galicia rompeu o Convenio con esta Universidade e trasladou a sede dos cursos de lingua á Casa de Galicia, delegación do goberno autónomo en Madrid.

Esta actividade formativa contou cun elevado número de asistentes que se foi incrementando progresivamente ao longo do tempo, pois pasou das 38 persoas matriculadas no 2010 ás 98 do pasado curso académico. O día 23 de setembro do 2014 apareceu publicada a información relativa á apertura da matrícula para a edición correspondente ao período 2014-15 en diferentes medios e na propia páxina da Xunta de Galicia (http://emigracion.xunta.es/actualidade/axenda/cursos-galego-2014-2015-madrid). Ofrecíanse cinco cursos de lingua galega que se celebrarían entre xaneiro e maio de 2015 na mesma sede do curso anterior. Finalizado o período de matrícula, e tras a realización das Probas de Nivel os días 5 e 12 de novembro, o número de participantes achégase á centena e mesmo nalgúns grupos existe listaxe de espera.

A suspensión supón deixar abandonado un bo número de persoas que optaron por dedicar parte do seu tempo a aprenderen o noso idioma, pero amais implica prescindir dun importante foco irradiador da lingua e cultura galegas na capital do Estado. Remitimos ás palabras de Ramón Auz Castro nunha carta publicada en La Voz de Galicia o pasado 7 de decembro: “Un día me enteré de que había unas clases de gallego en Madrid y a mis 65 años empecé a estudiarlo. La profesora no solo me enseñó lo que sé de mi idioma, sino que aprendimos costumbres, geografía, folclore… un día íbamos al teatro, otro a un concierto, a una conferencia… Así fuimos conocidos por nuestra galeguidade en Madrid, dándole un impulso propagandístico a nuestra comunidad”.

Este mesmo labor difusor da cultura propia recoñécese en páxinas oficiais da Xunta de Galicia. Así, na nota publicada na web da Casa de Galicia (http://casadegalicia.xunta.es) o 11 de decembro do 2014 relativa ás actividades do ano que está para rematar podemos ler o seguinte texto: “O director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega, destacou que este acto é a culminación dun ano dunha larga (sic) actividade e constante traballo no que sinalou que a Casa de Galicia levou a cabo máis de 200 actos e celebracións, cunha programación orientada a potenciar os aspectos culturais, económicos, sociais,  institucionais e de relación humana referidos a Galicia. Destacou tamén o intensa (sic) labor que realizan a Oficina de Turismo e a Aula de Galego, cunha alta demanda de ensinanza da nosa lingua, non só por parte de persoas oriundas de Galicia senón tamén doutras autonomías”.

Moitos son os exemplos que se poden proporcionar verbo das actividades de irradiación da cultura galega en Madrid que xurdiron arredor destes cursos de lingua. Excelente mostra disto son os intercambios con centros galegos (Escolas Proval de Nigrán), a asistencia a actividades coma o teatro e o cine en galego no Ateneo de Madrid, o apoio a iniciativas doutros organismos (http://galegomadrid.blogaliza.org/0-o-galego-no-teu-pc-e-na-navegacion-pola-internet/), a colaboración en concertos de Uxía, Ses, Xan Curiel e outras figuras e grupos musicais galegos, en congresos na Complutense, na UNED e na EOI; a asistencia a conferencias na Casa del Lector, a espectáculos no Centro Galego, a participación co Grupo Bilbao (escritores galegos en Madrid); a realización de percorridos literarios polas rúas de Madrid (homenaxe a Rosalía)...

Non se entende, daquela, cales son as poderosas razóns “organizativas e xurídicas” que levaron a SXPL a suspender ou aprazar uns cursos que, amais dunha aula de lingua, resultan unha auténtica embaixada da cultura de noso- tal e como se desprende tanto de declaracións oficiais coma do testemuño do alumnado- nun lugar cun valor simbólico tan importante como é a capital do Estado. Uns cursos de lingua galega deben merecer, evidentemente, toda a atención dunha administración que ten como obriga legal a defensa e promoción do idioma propio, pero neste caso únese tamén o deber de fomentar todas e cada unha das manifestacións da cultura propia. E nesa promoción os cursos de galego do Espazo das Linguas Ibéricas estaban a realizar funcións similares ás que debía desempeñar o Instituto de Lingua e de Cultura Galega “Rosalía de Castro” que se proxectaba no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega e que, polo momento, non existe.

Dende ProLingua, plataforma apartidaria a prol da defensa e promoción do idioma galego, solicitamos información sobre as intencións da SXPL en relación con estas actividades que debían comezar ao inicio deste ano 2015 e pedimos que canto antes se reconsidere a súa suspensión.

ProLingua 5 de xaneiro do 2015

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior