USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Voces

Sen imposicións!

Por Valentina Formoso

 

Viven nunha urbanización preto dunha cidade. Teñen unha pequena que está a piques de cumprir 3 anos. Está rematando marzo e nuns días cómpre botar os papeis para escolarizar a Xiana, que non se chama Julia, nin Jen(n)ifer, nin Martina. Xiana. O colexio de educación infantil e primaria (CEIP) ao que lle “toca” ir participou hai uns anos nun proxecto de innovación educativa da Consellería de Educación que escolarizaba en lingua galega, en zonas urbanas, nenos e nenas cuxos pais desexaban que os seus fillos e fillas recibisen o primeiro ensino en lingua galega, para que puidesen aprendela ao lado dun castelán que dominan perfectamente só por contacto ambiental. Eran as chamadas “liñas de galego” nacidas ao abeiro dunha proposta do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (aprobado por unanimidade no Parlamento, cómpre volver recordar).

A administración fulminou este proxecto sen molestarse en avalialo e ver os excelentes resultados que estaba dando, para substituílo por unha fórmula pola que os pais de Xiana non queren pasar: cubrir unha enquisa nun contexto urbano no que as familias digan cal é a “lingua materna” do futuro discente. Así, sen máis información, sen aclarar o que iso supón, sen dar opción a que os urbanitas galegofalantes poidan ter ningunha posibilidade de evitar que lle rouben a súa lingua na escola aos seus descendentes.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) díxolle á adminsitración que esa enquisa non era legal. Ah, o gobern seica “acata” que non é legal, pero vaina facer igual, porque para a Xunta é “determinante”! Que se lle transmite ás direccións dos centros e o corpo docente con esta mensaxe? Que todo segue igual ca estes anos de atrás, faise enquisa e os e as profes seguen impartindo as clases só en castelán, que é a lingua materna da maioría.

Xiana vai ter sorte. Pai e nai teñen certa flexibilidade horaria e van esforzarse por levala a unha escola unitaria dunha parroquia dun concello veciño onde “a maioría” do alumnado tem aínda como “lingua materna” o galego.

Outros non temos tanta sorte e sufriremos vendo como nos comezan a roubar a lingua no mes de setembro. No Nadal xa non vai quedar nada. Sabémolo por experiencia.

Iso si, seica o fan sen imposicións! Que considerados!

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior