USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Voces

Pola nosa lingua

portada de pola nosa lingua

Por José Manuel Pazos Riveiro

 

Rematei de ler o libro Pola nosa lingua, Unha década de artigos en defensa do galego (2009-2019), Tórculo Comunicación Gráfica, 2021, do prolingueiro Xosé Mª Lema Suárez e é de ben nacidos sermos agradecidos. Fágoo de corazón.

 

O que, por formato, parecería un opúsculo, convértese nun rigoroso e documentado tratado en defensa da nosa Lingua.

 

Lema amosa, desde a primeira páxina, despois do prólogo, as súas maneiras de historiador recollendo nun cadro esclarecedor e estarrecedor “algunhas datas importantes para a Lingua …”  patente exposición do seu  Viacrucis.

 

Abre o cadro co artigo 3.3 da Constitución Española, 31/X/1978:

 

“A riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección …”. E péchase coa referencia ao informe do Quinto Ciclo de Avaliación do Comité de expertos de Linguas Rexionais e Minoritarias, CELRM, Febreiro 2021, que “denuncia o incumprimento da Xunta de Galicia dos compromisos adquiridos para a garantía do uso do galego no ámbito da Xustiza e o Ensino”.

 

            Con ese panorama tráxico, non é de estrañar que o autor se pregunte “se hai un Plan de exterminio do galego no Ensino”. E vai respondendo a esa pregunta con datos e exemplos:

 

  • O exemplo da estratexia empregada polo xeneral Valeriano Weyler, 1896, para combater aos mambises cubanos: “Se trata de quitar el agua al pez … ”.
  • O dato de que a Consellería de Educación da Xunta non contou co profesorado para a elaboración das “Bases para a elaboración do decreto de plurilingüismo no ensino non universitario”.
  • O dato de tirar ao lixo miles de libros de Matemáticas, Física, Química e Tecnoloxía, publicados en galego.
  • A Manifestación de respecto á nosa lingua e aos seus falantes, especialmente aos que contribuíron a que perdurase a través dos tempos. “Fagamos da tradición de lles ensinar aos fillos o noso idioma un acto deliberado e consciente de vontade”. Abofé que esta manifestación soa á herexía de Hipatia nos ouvidos dos actuais responsables da Xunta, aínda que saiban que foi feita polo Presidente Fraga no ano 2002.

 

E así Lema debulla nos artigos recollidos no texto e publicados no seu día en moi distintos media de comunicación, tanto de prensa escrita como telemática, exemplos da redución, xibarización, do emprego do nos idioma. Exemplos que non son máis ca probas, hoxe lle chaman evidencias científicas,  da declarada vontade e compromiso do Presidente Feijóo e os seus gobernos, de poñer a noso idioma fóra da vida social e da Normalización que lle corresponde como Lingua propia de Galicia.

 

            Xosé Mª tece coa fina agulla do historiador datas e datos que pormenorizan e patentizan a obra de demolición de todo o Corpus Lexislativo a prol da Lingua, que o Presidente Feijóo se comprometeu a poñer en práctica no seu primeiro goberno da Xunta. Desde a Lei de Normalización Lingüística, 15/VI/1983 ao Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, 22/IX/2004, pasando polo Decreto 124/2007, “Polo que se regula o uso e promoción do galego no sistema educativo. Derribo que ten no Decreto 79/2010 de Plurilingüismo para o ensino non universitario de Galicia, a súa arma nuclear.

 

            Pero a Lingua vive e vivirá: Non é un desexo ou un sentimento baleiro.

 

O noso compañeiro recolle exemplos da sociedade galega, dos seus actores en distintas áreas e actividades profesionais; desde empresas que teñen coma propio o idioma e o empregan a cotío, a deportistas de elite ou profesores que arriscan o seu futuro profesional pola defensa da Lingua e as Ideas.

 

            Esa actitude fica reflectida na dignidade coa que o presidente da RAG, Xosé Ramón Barreiro Fernández, protestou diante do Presidente Feijóo, en Celanova, Casa dos Poetas 2009:

 

“ … Se eu fose prudente, señor presidente, calaría aquí, pero a Real Academia Galega non pode ficar en silencio nin mirar para outro lado, cando se toman decisións e se arman Decretos que atinxen á Lingua ás súas costas … “.

 

Este libro recolle doce anos de defensa incansable que Xosé Mª Lema ven facendo da nosa Lingua, pero estamos certos que continua e continuará porque é dos que sinte que niso lle vai a vida.

 

Ogallá sexamos quen de o acompañar.

 

A Coruña, Nadal 2021.

portada de pola nosa lingua

portada de pola nosa lingua

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior