USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Voces

Plurilingüismo vs Normalización

Por Mercedes Queixas

 

Viaxo en tren á casa camiño desa Compostela para min sempre de ida e volta. Unha xornada completa a escoitar palabras, testemuños, experiencias colectivas que falan de vida escolar e linguas, porque pouco antes concluían os XIV Encontros para a normalización lingüística, un foro referencial de análise, reflexión e debate ao redor da evolución sociolingüística do país, que dirixiran este ano a súa focaxe cara as luces e sombras deitadas, transcorridos xa trinta anos da aprobación por unanimidade da Lei de normalización lingüística.

Esta segunda xornada centrárase na planificación lingüística promovida polo goberno galego do PP e visualizada no Decreto para o plurilingüismo, aprobado unilateralmente e sen consenso parlamentar nin moito menos social e educativo, en 2010.

Ao longo dos dous últimos cursos puidemos comprobar como algúns centros educativos (en maior medida privados concertados, mais tamén públicos de primaria e secundaria) lucían na fachada unha nova placa que os rebautizaba como “Centro Plurilingüe”.

Probabelmente, xa teña aparecido a primeira interrogación: que centro non é de seu plurilingüe tendo en conta as tres linguas en primaria e catro en secundaria que se imparten no ensino, ás que hai que sumar as que nos achega o alumnado inmigrante?

Se cadra sentimos xa buligando no noso maxín o seguinte interrogante: que é un centro plurilingüe?

E no salto, case sempre vertixinoso, do aséptico papel normativo á realidade humana da aula, esta é quen nos achega a resposta ao irmos coñecendo experiencias vividas en primeira persoa, a falta de coñecermos o imprescindíbel seguimento oficial da aplicación dun proxecto experimental como este -do que non temos constancia-, onde está en xogo cumprir o mandato da Lei de normalización lingüística, isto é, acadar plenas competencias no dominio das dúas linguas oficiais no fin do ensino obrigatorio e mais as correspondentes competencias das linguas estranxeiras. Onde está en xogo, en definitiva, se o noso alumnado sabe agora máis linguas desde unha concepción do plurilingüismo inclusivo e equilibrado ou, pola contra, excluínte para con algunha das linguas oficiais ou mesmo segregador para coa nosa lingua propia e oficial.

Na mesa intitulada “O galego no ensino: experiencias da comunidade educativa”, tomou a palabra unha nai, Ana Castro, para nos falar da experiencia vivida o curso pasado e mais este pola súa filla, Iria, de sete anos, a piques de rematar o primeiro ciclo de educación primaria.

Iria tívose que incorporar prescritivamente no seu centro público plurilingüe (non hai posibilidade dunha outra opción alternativa nin consulta autorizadora ás familias) a unha materia que unicamente recoñece como science, sen se decatar en ningún momento de que se trata daquela que o curriculum oficial identifica como Coñecemento do Medio. Unha materia que se imparte obrigatoriamente, porque así o centro o demandou á Consellería de Educación e esta autorizou, en inglés. Cómpre lembrarmos que aínda estamos nunha fase fundamental para a adquisición do proceso lectoescritor do alumnado e que é aínda habitual a confusión e mestura léxica interlinguas próximas.

Por suposto, en caso de dúbidas extremas para a comprensión da materia, durante o curso pasado, 1º de primaria, a profesora empregaba como lingua de apoio o castelán (por ser centro urbano onde a maioría é castelanfalante, o que o xustifica todo!). Este ano, no entanto, 2º de primaria, a docencia xa é unicamente en inglés, o que leva á desmotivación absoluta da nena ante a materia e a se queixar na casa dicindo “este ano a clase de science é máis longa que o ano pasado; abúrrome”. O galego, pois, fica excluído definitivamente da única materia de obrigada impartición en galego na educación primaria segundo a lexislación vixente, supostamente equilibradora.

A nai manifesta, asemade, a súa sorpresa ante a peculiar metodoloxía empregada na aula, consistente na aprendizaxe memorística de listaxes de vocabulario en inglés das partes do corpo, ósos ou plantas, ao que hai que lle engadir a falta de asociación ás palabras das linguas de referencia. Mentres, Iria segue sen recoñecer o seu medio na escola. A maiores, o material didáctico manexado, non elaborado por editoras galegas nin desde unha perspectiva galega, non facilita os obxectivos básicos desta materia que debe axudar a se recoñecer o individuo no seu medio contornador, a ubicalo no espazo en que vive e aprenderlle a nomealo. A conclusión é dolorosa sentenza en boca da nai: Iria nin está a aprender inglés nin coñecemento do medio.

Cara onde camiñamos, agora si, na teoría e na práctica político-lingüístico-educativa? Antes de dar unha resposta, convido a escoitar os audios da mesa aludida ou, aínda mellor, das diferentes sesións destes Encontros para a normalización lingüística.

 

 

 

 

 

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior