USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Voces

Os incrementos da SXPL

Por Cibrán Arxibai

Membro da Cerna de ProLingua

Afirma a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) que incrementou a oferta de 30 cursos de lingua preparatorios do CELGA. Sabendo que o incremento foi de 30 cursos, podemos preguntarnos a canto ascenderá o total. A 100?, quizais a 130?. Mesmo neste caso falariamos dun incremento ben importante, dun 30%. Ao lermos o corpo da noticia ficaremos desconcertados xa que o total ascende a 30. Neste 2015 aínda non se convocaran cursos preparatorios do Celga.

Para acaba de aclarar totalmente en que consistiu o presunto incremento, basta con que recuperemos os datos dos anos anteriores. Recollendo as cifras ofrecidas pola propia SXPL para o 2010, 2011, 2012, 2013, 2014, e a referida deste mesmo ano, obtemos un gráfico que fala sen ter que lle engadir máis comentarios:

Gráfico elaborado cos datos obtidos da SXPL

 

Este non é máis que un capítulo habitual do delirio fantástico no que está instalada a política lingüística da Xunta. As columnas que a sosteñen son a desinformación e a mentira. Para aceptar esa política temos que asinar un contrato no que nos comprometamos a tragar coa mentira, a admitir a discriminación do galego e a apuntarnos nas filas do autoodio. Como desde San Caetano se practica unha continua agresión á nosa lingua non lles queda outra alternativa que a creación e difusión dun mundo irreal. De non o facer así multiplicaríanse as posibilidades dunha contestación social. Só é posible manter no tempo o engano porque contan coa axuda dunha tupida rede de medios servís que desprezan o galego e que nin o usan nin tampouco o respectan.

Aínda que desde a SXPL queiran centrar (e perder) o debate arredor da cantidade de cursos preparatorios impartidos, o fundamental non está nesas cifras. A historia dos Celga dos últimos anos demostrou que non se podía facer peor. Non houbo diálogo cos traballadores que se encargaban dos cursos, creándose un duro conflito laboral que acabou xudicializándose. O desprezo mostrado pola SXPL pechou todas as portas a futuras negociacións. En ningún momento se abriron mesas de análise sobre os defectos que tiña o funcionamento do sistema dos Celga. Despois de preparar en cursos específicos ao profesorado colaborador, no pasado ano académico foi contratado profesorado que non tiña esa formación. A Coordinadorna de Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL) ofreceu hai tres anos, antes de que estoupara o conflito laboral, unha proposta de mellora de xestión e planificación que podía evitar o desastre posterior. Polo momento, o resultado final é o dunha nova xeira reducida e apresurada de cursos Celga que comezan cando xa tiña que estar todo o proceso rematado. 

Durante toda esta desfeita non se falou en ningún momento de normalización lingüística, xa nunca se abriu esa posibilidade. Por exemplo, endexamais se elaboraron os currículos dos Celga atendendo a criterios da mellora das actitudes lingüísticas. Tampouco se trataron de establecer os niveis Celga máis acaídos para poder acceder aos distintos postos da administración. Pero, como había de ser isto posible se a primeira medida tomada por Feijóo no seu primeiro mandato foi eliminar a esixencia do coñecemento do galego nas oposicións?

O capítulo dos Celga é como unha cullerada. Toda a sopa que coce a Xunta no referente á política lingüística ten o mesmo sabor. Hai case un ano o Instituto Galego de Estatística (IGE) publicaba un estudo no que se daba a coñecer unha diminución do 13% do uso do galego no período 2001-2011. O informe poñía en evidencia a necesidade de inverter as medidas que se tomaron no último lustro sobre (ou, para sermos máis exactos, contra) o galego. Afirmou nesta ocasión a SXPL que consideraba positivos os datos do IGE por darse un incremento no uso.

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior