USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Voces

O gallego que falo é o da casa

carteiras

Por Belén Martín Franco

O caso que vou referir acó aconteceulle a unha compañeira miña, que ensina francés no instituto onde eu traballo.

Esta profesora preguntou por escrito a un alumno de 3º de ESO: Quelles langues parles-tu? (“Que linguas falas?”) e o rapaz escribiu en correcto francés: Espagnol et un peu d’Anglais (“español e un pouco de inglés”). Á profesora amoloulle que o seu alumno non incluíse  o Galicien  entre as linguas que sabía falar e preguntoulle contrariada:

- E logo o galego, que?

- Ai, pero é que o galego non o sei falar nin escribir ben…- respondeulle o mozo sen a menor ansia de provocación e sen malicia.  Polo visto en castelán e en inglés non tiña dúbida ningunha e para o galego, era negado.  

Quen estea a ler estas liñas probablemente xa dese a primeira freada brusca ao ver que o alumno non mencionou o galego (se cadra non sabía como se dicía “galego” en francés, quen sabe, así e todo podía preguntar…) pero cando ademais saiba que este diálogo tivo lugar nun instituto do rural da provincia de Lugo no que a práctica totalidade do alumnado ten o galego como lingua de expresión habitual, poida que derrape.

A resposta deste mozo é, ao noso pesar, un exemplo do que moitos dos nosos alumnos e alumnas galegofalantes naturais pensan e asumen: que o seu galego é de andar en zapatillas e nin é galego nin nada, é castrapo que non chega á categoría de idioma. Iso non quere dicir que teñan nin moito menos, especial querenza ou preferencia polo castelán  nin que reneguen do galego, pero teñen moi dentro da cabeza que a súa lingua materna non dá a talla, que non serve para redactar un convite de casamento, nin para cubrir unha instancia, nin para ser youtuber, nin para poñer un anuncio no xornal ou anunciarse eles mesmos nunha placa, entre moitas outras cousas.

Un día preguntei a un grupo de 2º de ESO se abrirían un negocio con todo posto en galego e algúns dixeron que non porque se cadra a xente non o entendía (o inglés si, xaora…).

Tamén hai uns cantos que me teñen posto caras raras cando na listaxe de lecturas para o curso figuran autores estranxeiros traducidos ao galego. Pensan que Poe, Salinger ou Tolkien só se len en castelán; despois co tempo acaban por asimilalo e aceptalo, menos mal. Tamén temos o caso contrario dalgún que prefire un autor de fóra traducido porque non entende a maneira de escribir dos autores galegos e “non se entera de nada”.

Cantos compañeiros e compañeiras da miña especialidade non terán pasado por situacións parellas?

                En realidade aproveitei a anécdota da aula de francés para amosar a dobre tarefa que temos os ensinantes de lingua galega: por unha banda, facer por que o noso alumnado teña unha boa competencia escrita, falada e lectora do noso idioma e mais por outra, facer que tomen consciencia (tamén os compañeiros docentes) de que co galego podemos quitar as zapatillas e saír a calquera sitio; ese mesmo galego que segundo os edictos do reino de Feijoonia, hai que dosificar moito para evitar  intoxicacións masivas de apego. Aos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística dos centros xa nos arrincaron a palabra “normalización”, non vaia ser o demo que tivese o “bicho”…

carteiras

carteiras

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior