USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Voces

Neofalantes, unha etiqueta positiva

Por Xurxo Martínez González

Na cidade, polo xeral, atopamos actitudes positivas cara ao galego entre os castelanfalantes. Actitudes unha miga deterioradas logo da urticaria provocada polos galegófobos que, disque, querían bilingüismo.

As actitudes son importantes como un paso máis na consideración do galego como lingua propia e non coma un patois. Os datos sociolingüísticos indícannos que entre a mocidade domina a posición receptiva ao idioma de noso. Porén, o salto a falalo xa non se produce con tanta frecuencia e velaquí onde xorde un dos retos para afrontar conxuntamente.

A xeración nova e urbana vai perdendo decote a conexión coa nosa lingua. Hai mozos e mozas que non teñen aldea onde acudir nas fins de semana, no verán ou inverno polo tempo das vacacións para atoparse cun galego vivo na fala. Hai rapaces e rapazas que teñen avós e avoas que só falan castelán dende novos porque o galego xa mingua nas urbes dende tempo atrás. Hai pícaros e pícaras ás que, entre tanta oferta de debuxos televisivos, non teñen no Xabarín aquelas series de referencia que para outros marcaron toda unha época.

A cuestión dos neofalantes reclama hoxe a máxima atención no proceso de normalización. Aínda resulta un perfil por estudar ao detalle, coñecer as motivacións da súa mudanza lingüística, o propio proceso de deixar unha lingua e adoptar outra, as dificultades e facilidades vividas no cambio, as dúbidas gramaticais máis frecuentes, os erros máis repetidos nunha conversa etc.

Arestora aínda non se elaborou unha campaña con xeito e entidade que anime a sermos máis e mais neofalantes. Existen  na rede vídeos, artigos e até algúns traballos sobre este asunto. Deberiamos axudar a expandilos e empregalos incluso como material didáctico nas escolas (lembro a antolóxica e formidábel intervención-confensión de Belén Regueira no acto organizado pola Nave das Ideas).

Nalgunha ocasión teño asistido a discusións arredor da definición do perfil do novo falante de galego. Unha das posturas afirma que todos somos galegofalantes, falémolo dende pequeniños ou dende a madurez; outra das posicións considera que a marca ou etiqueta de neofalante ten un engado que debe ser empregado como estímulo ante o colectivo.

Neste sentido son dos que defende o uso do termo neofalante xa que adquiriu unhas connotacións positivas que deben ser explotadas como tales. Un terreo gañado e que se debe traballar. Así, deberiamos promover o uso da etiqueta de neofalante aínda que todos falemos galego e todos formemos parte da mesma comunidade lingüística. Non se trata de crear minifundios pero si elementos atractivos e estimulantes entre os falantes.

O feito de definirnos como neofalantes adquire, tanto nas cidades como nas vilas ou nas aldeas, un valor de recoñecemento que realiza a colectividade respecto dunha persoa que foi quen de mudar dunha lingua para outra pola razón que fose (cultural, política, social ou intelectual). Digamos que é un trazo que o identifica e indican motivos positivos: carácter, firmeza, decisión, cultura, fachenda no sentido positivo do termo, cultura etc.

É importante reparar que un neofalante atopa, entre aquelas persoas con actitudes positivas cara ao galego, unha certa protección e defensa. O feito de que alguén pase da actitude a falar galego moitas veces empurra a que esas persoas tamén se animen a falalo, aínda que sexa só co neofalante. Favorécese, por tanto, un uso e familiaridade co galego que denantes non existía. E falamos, como diciamos ao principio, de mozos e mozas que practicamente nunca empregan o galego (nin avós, nin aldeas, nin debuxos).

Por outra parte valórase o esforzo de quen un día decide mudar de lingua. Porque se converte en todo un reto o feito de modificar lingüisticamente as relacións do cotián. E quen finalmente consegue afianzarse no uso continuado do galego recibe o recoñecemento do colectivo.

Os neofalantes precisamos visualizarnos, sermos exemplo para outras persoas que dubidan ou teñen certos temores en falar galego. Préstanos descubrir ante a xente que somos neofalantes. Préstanos levar esta etiqueta.

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior