USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Voces

Luísa Villalta e o galego estremeiro

a freita 1

Por Esperanza L. Mariño Davila

 

 

Ao longo da historia do Día das Letras pódese resaltar un detalle significativo: poucos dos persoeiros elixidos asumiron un compromiso explícito a prol do chamado galego estremeiro, ou sexa, o falado e cultivado fóra dos límites administrativos de Galiza, con frecuencia desdeñado polos gobernos respectivos por non coincidiren as fronteiras lingüísticas coas políticas. Foi o prestixioso filólogo e escritor Dámaso Alonso (1898-1990), especialista no galego de Asturias -que ademais coñecía por ser a nai oriúnda daquela zona-, quen acuñou a denominación de “galego exterior”, mais os propios falantes das comarcas reivindicaron como propio o vocábulo “estremeiro” por non se consideraren externos. 

 

Secasí, cómpre difundir que en Asturias, na zona Eo-Navia, existen dezaoito concellos (1) cun total de 31.000 falantes e en León, na comarca do Bierzo (2), hai vinte municipios con 20.800 falantes. Á parte quedan os 1.200 falantes dos cinco concellos zamoranos de Hermisende, Lubián, Pedralba de la Pradería, Pías e Porto, así como as falas galegas da comarca da Serra de Gata na Estremadura, vixentes nos tres concellos de Valverdi du Fresnu, As Ellas e San Martín de Trevellu, con 4300 falantes, pois Luísa Villalta non chegou a se pronunciar sobre eles.  

 

Unha das excepcións constituíuna o asturiano Armando Cotarelo Valledor (1879-1950), homenaxeado o Día das Letras de 1984, un home nado e criado na Veiga -á beira do río Eo- que sempre se considerou adscrito ao dominio lingüístico e cultural galego, entre outras, por razóns biográficas evidentes. Nesta liña débese incluír Luísa Villalta (1957-2004) que, como escritora comprometida e activista, non dubidou en acudir na preservación do galego estremeiro en múltiples conxunturas. Así, por exemplo, nun recital acontecido durante unha tarde nun café de Ponferrada, organizado en xaneiro de 2002 polo colectivo berciano Fala Ceibe, no que participaron tamén os poetas Covadonga d´lom, Xavier Frías e Rafael Yáñez. O contacto alí mantido con membros integrantes do colectivo Fala Ceibe impulsouna a escribir un par de artigos para o xornal A Nosa Terra, logo recolleitos no póstumo Libro das colunas (2005). Velaquí un fragmento do primeiro, publicado aquel mesmo mes do inverno: 

 

           Mais de pronto resulta que non é tan sinxelo, que alí hai un invisíbel valado que separa os “corazóns”, dos “corazones” deixando no meio uns desacougados “corazois”, náufragos en terra firme e desasistidos do máis elemental direito de auxilio. Estes son os corazois que latexan no Bierzo, onde comezou a latexar por certo o de Frei Martín Sarmiento, e onde continúan alentando a valentía de se diceren galegos: son os dos compañeiros de Fala Ceibe, con Xavier Lago á frente, os de tantos e tantas activistas lingüísticos e culturais que saben o que é a dignidade da palabra, integrantes da Comisión Cultural Sarmiento 2002, son os dese 65 % de avós que ven reducido o seu herdo lingüístico e a súa sabedoría ancestral a un humillante 6 % de nenos. 

 

           Do mesmo xeito que o galego do Bierzo, fixo súa a reivindicación do galego de Asturias. Isto quedou reflectido n´O Espello, suplemento cultural inserido no centro d´A Freita. Revista da lingua e da cultura galegas de Asturias, no que colaborou nun número publicado en 2001, así coma no primeiro número de Pontigo. Revista Eoanaviega de Literatura, editada a primeira na localidade de Eilao pola Mesa Prá Defensa del Galego de Asturias e da Cultura da Comarca (MDGA), e en Navia a segunda, polo Colectivo de Escritores do Eo-Navia Cotarelo Valledor no ano 2000. Revistas hoxe infelizmente extintas mais en cuxas páxinas aínda permanecen, como testemuño do apoio incondicional da escritora, o agasallo de Dous relatos, titulados respectivamente Filósofos e Os amantes de imaxes.

  

Agardemos que estas modestas mais significativas contribucións de Luísa Villalta non dean a esquecemento que, máis alá das fronteiras políticas establecidas, a lingua e a literatura en galego tentan sobrevivir, con frecuencia pouco coñecidas e subestimadas, a pesar de todas as pexas inflixidas. En consecuencia, este 2024 convértese nun bo ano para a reivindicación conxunta da escritora e do seu idioma, tamén o estremeiro. 

 
(1) Os dezaoito concellos asturianos respectivos son: Allande, Boal, Castropol, Coaña, Eilao, El Franco, Grandas de Salime, Ibias, Navia, Pezós, San Martín de Ozcos, Santalla de Ozcos, Santiso de Abres, Tapia de Casarego, Taramundi, A Veiga, Vilanova de Ozcos e Villaión.
 
(2) Os vinte concellos leoneses son: Arganza, Barxas, Borrés, Cacabelos, Camponaraia, Candín, Carracedelo, Carucedo, Corullón, Fabeiro, Oencia, Peranzais, Ponte de Domingos Flórez, Sobrado, Toural dos Vaos, Trabadelo, Valboa, Veiga de Espiñareda, Veiga de Valcarce e Vilafranca do Bierzo.
a freita 1

a freita 1

pontigo

pontigo

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior