USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Voces

Chamamento de ProLingua aos partidos políticos

Este ano electoral de 2015 debe ser o da decisión colectiva de mudar un rumbo catastrófico para o noso idioma, medio de comunicación habitual dunha boa parte do país e fundamento da cultura galega contemporánea. ProLingua avaliou con suma preocupación, sabemos que compartida por milleiros de persoas, sexa cal sexa a súa adscrición partidaria, as últimas cifras sobre o uso da lingua.

Por iso pensamos que a nosa responsabilidade cívica, como plataforma plural e non dependente de organización ningunha, é realizarmos un chamamento ás forzas políticas galegas, tanto as que contan con presenza institucional coma as que aspiran a acadala nos próximos comicios, para poñer fin a unha etapa nefasta, sen dúbida a peor na Historia recente do idioma.

Non é este momento nin lugar para un relato polo miúdo do que se leva destruído en tan pouco tempo. Calquera persoa, calquera familia que intente desenvolver a súa vida en galego pode achegar detalles. Os resultados desa suma de agresións sociais, pedagóxicas, culturais etc. son públicos e causan escándalo polo que expresan en si e polo cinismo con que boa parte das administracións, especialmente a autonómica, ollan para outro lado. Mentres afogan a lingua e a cultura cunha man visten a outra con luva branca, presiden cerimonias e invocan quen sabe que tipo perverso de galeguidade. 

É a hora de recuperar o consenso na dobre dirección de fortalecer os dereitos das persoas galegofalantes e garantir o dereito das castelanfalantes a aprenderen e valoraren o idioma propio de Galicia. Só así se pode escoller en liberdade, só ese consenso (reflectido no Estatuto de Autonomía, que se saiba, aínda en vigor) responde ao que sente a maioría social: a nosa maior creación como pobo, o esteo básico sobre o que se asenta a cultura e identidade galegas debe ter futuro. Un futuro que está nas nosas mans, nas das persoas que falan galego habitualmente e nas das que o fan en castelán, pero que comparten un obxectivo común: nin queren nin están dispostas a permitir que o idioma galego siga nun devalo que nos borraría do mundo como pobo diferenciado.

ProLingua chama por un acordo global das forzas políticas, pero xa non hai tempo para declaracións baleiras. A mellor forma de basear firmemente unha futura converxencia acerca do destino da lingua é situala nos programas ao nivel que a súa importancia merece; un nivel que asegure a súa transmisión e continuidade, que fomente as actitudes positivas e garanta o seu uso real en calquera situación.

Abonda de decorado folclórico e de rituais grandilocuentes: cómpre concreción, asunción de compromisos ante a cidadanía e mecanismos para que o recollido no programa vaia máis alá do ámbito do virtual. Se a galeguidade é un valor, tentar apropiarse dela para beneficiarse dos votos constitúe unha fraude contra o patrimonio común, fágao quen o faga.

ProLingua solicítalles daquela ás direccións e ás militancias do conxunto dos partidos -por suposto na Comunidade autónoma galega, mais tamén naquelas limítrofes onde os dereitos lingüísticos practicamente non existen- que debatan e expliquen con claridade cal é a súa proposta para un consenso nacional sobre o idioma e cales as medidas que urxe tomar.

Quizais non sexa dabondo para lle asegurar un futuro de vida á lingua propia de Galicia, mais o que parece claro é que sen el non haberá futuro ningún.

Poñan mans á obra, por favor.

ProLingua, 10 de xaneiro do 2015

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior