USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Voces

Chamamento de ProLingua. 10 anos de Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega

Prolingua, 15 de setembro de 2014
 
Prezado/a amigo/a,
Como ben sabe o vindeiro 21 de setembro de 2014 cúmprese o 10º aniversario da aprobación no parlamento galego do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Este documento constituíu un fito importante, pois era a primeira vez que se puña en marcha un plan integral de normalización do galego ante a perda xeral de falantes e o alarmante descenso do seu uso na mocidade urbana.
 
Con tal motivo, ProLingua, plataforma a prol da defensa e promoción da lingua galega, fai un chamamento para conmemorar esta efeméride con sentido crítico e reivindicativo, pois nesta década non se desenvolveu nin se levaron a cabo as medidas necesarias para cumprir os cinco obxectivos xerais do texto: garantir a posibilidade de vivir en galego a quen así o desexe, sabendo que conta co amparo da lei e das institucións; conseguir para a lingua galega máis funcións sociais e máis espazos de uso, priorizando a súa presenza en sectores estratéxicos; introducir na sociedade a oferta positiva de atender o cidadán ou o cliente en galego como norma de cortesía dun novo espírito de convivencia lingüística; promover unha visión afable, moderna e útil da lingua galega que esfarele prexuízos, reforce a súa estima e aumente a súa demanda; e dotar o galego dos recursos lingüísticos e técnicos necesarios que o capaciten para vehicular a vida moderna.
 
Nestes dez anos non se aproveitaron as potencialidades do PXNLG e a lingua galega segue a recuar na terra onde agromou. A perda da transmisión familiar é cada vez maior e tamén do seu uso, especialmente no ámbito urbano. O PXNLG foi aprobado por unanimidade no parlamento galego, pero despois dunha serie de medidas positivas e esperanzadoras adoptadas ata 2009, os retrocesos lexislativos e o desmantelamento do galego en ámbitos como o educativo e o administrativo emprendidos polo actual goberno, sitúan o noso idioma nunha situación de emerxencia. O goberno debe asumir o plan que todos os grupos políticos, incluído o PP, aprobaron no Parlamento hai dez anos e adoptar as medidas axeitadas para a plena normalización do galego.
 
ProLingua quere lembrar esta data e difundir a importancia do texto ou aspectos concretos dos sectores do PXNLG, como a educación, familia e mocidade; medios de comunicación e industrias culturais; economía; sanidade; sociedade e proxección exterior da lingua. Polo mesmo, facemos este chamamento aos medios de comunicación e a persoas que, coma vostede, teñen espazo neles, para que contribúan á visibilización da importancia de desenvolver este texto que segue vixente e que é máis necesario ca nunca aplicalo. Gustaríanos que o vindeiro 21 de setembro lle dedique a súa columna ou unha entrada no seu blog ao PXNLG na perspectiva que considere oportuna, porque sempre é necesario lembrar e reflexionar e cremos que esa data é relevante na historia social da lingua galega.
Dende ProLingua agradecemos de antemán a súa colaboración. Quedamos ao seu dispor.
 

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior