USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Voces

Carta aberta ao reitor da Universidade de Vigo

Prezado Sr. Reitor:

No último ano vimos sendo conscientes dun desleixo preocupante nos usos do idioma galego na Universidade de Vigo. Non entraremos agora no uso exclusivo do castelán en moita publicidade de mestrados ou cursos inserida na prensa diaria nin na atención telefónica de moitos departamentos da súa institución con persoas que se dirixen en galego á Universidade, con negativas expresas dalgúns funcionarios a empregaren a primeira lingua da universidade cando o administrado lle solicitaba amablemente que o atendese en galego. Non entraremos nestes detalles porque sería algo moi prolixo de relatar e que atentan contra o Estatuto de Autonomía de Galicia, a Lei de Normalización Lingüística, a Lei da Función Pública e mesmo contra o artigo 4 dos Estatutos da Universidade de Vigo.

Todo o mundo coñece a súa persoal sensibilidade e compromiso co noso idioma, pero lamentablemente non todo o mundo na súa institución ten o respecto debido co público ou co alumnado galegofalante e coas leis e normativas que prescriben expresamente a prioridade do galego nos usos externos e internos da Universidade de Vigo, polo que lle rogariamos que fixese cumprir estas prescricións orais e escritas verbo do uso do noso idioma. Descoñecemos se na súa institución existe unha Normativa de Boas Prácticas Lingüísticas semellante á da Universidade de Santiago de Compostela, pero en todo caso pediriámoslle que a creasen e, sobre todo, que a fixesen cumprir.

O motivo desta carta é, precisamente, a violación continuada do artigo 10 da Lei de Normalización Linguística de Galicia de 1983 referente á toponimia galega. Neste artigo dise que a toponimia ten como forma única e oficial a forma galega, falemos e escribamos na lingua que escribamos a toponimia galega é a galega.

Porén, no Campus de Ourense a Universidade de Vigo non sempre dá exemplo á sociedade do cumprimento das normas e, así, non é infrecuente ler en webs oficiais, cartelaría de xornadas e congresos, documentación de departamentos, documentos para o público etc., o topónimo deturpado *Orense, cando desde hai 31 anos é oficialmente só Ourense e cando desde hai algúns anos menos foi aprobada a forma Ourense no Congreso dos Deputados de España como única forma administrativa legal e oficial.

Pasado tanto tempo, é sorprendente e indignante comprobarmos como a Universidade de Vigo consente usos toponímicos correspondentes a épocas pre-democráticas felizmente superadas. Non sabemos se se trata de inercias do pasado ou de militancia ideoloxía no negacionismo; pero, dende ProLingua, plataforma a prol da defensa e promoción da lingua galega, convidámolo cordialmente a que adopten con urxencia as medidas oportunas para que estas deturpacións non volvan aparecer ligadas á prestixiosa institución que vostede rexe.

Asdo: A Cerna de ProLingua


Vigo, 24 de febreiro de 2014

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior