USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Voces

BIVIR

Por Xulián Maure


 

Hai uns días que Oliver Sacks nos agasallou a todos os seres humanos cunha carta de despedida confesando que “por riba de todo fun un ser sensible, un animal pensante neste fermoso planeta”. Esta carta faime pensar na importancia e función social das persoas que consideramos modelos dignos de imitación; organismos humanos que fan evolucionar as colectividades que poboamos os distintos recunchos deste planeta.

A lenta evolución dos pobos, dos “demos” sen os que non pode existir “democracia”, precisa destes animais pensantes, como Oliver Sacks, que florecen nas culturas locais e son patrimonio da humanidade.

Esta vontade de aproveitar na construción da nova Galicia o patrimonio cultural da literatura universal impulsou á Asociación de Tradutores Galegos (ATG) a crear en 1999 a primeira biblioteca virtual galega (BIVIR) que nos achegase á nosa lingua os mellores autores dos outros pobos (www.bivir.com).

Se Virxilio non se explica sen Homero nin Shakespeare sen os tradutores ingleses dos clásicos latinos, nunca teremos a posibilidade de construír a nova Galicia do século XXI sen que os tradutores galegos poidan facilitar ós lectores galegos a mellor escolma da literatura universal.

Cando se presentaba BIVIR no nº 6 de Viceversa. Revista Galega de Tradución (2001, 310-1), os responsables de ATG escribían: “En www.bivir.com irán aparecendo a ritmo de cincuenta títulos cada ano, se non as grandes obras da literatura universal, a lo menos unha boa mostra delas, dado que aínda non é funcional descargar obras moi extensas”… “A modestia do proxecto actual de BIVIR pode ser superada en prazo breve, cando a nosa oferta sexa máis difundida e distintas institucións recoñezan a súa importancia”. Considerábase modesta unha oferta de cincuenta traducións por ano, pero a realidade foi moito máis triste. Nos quince anos desta biblioteca virtual, pioneira na península, non chega a ofrecer nin dous centos títulos da literatura universal en galego.

Nese mesmo ano de 1999 naceu, baixo os auspicios da universidade de Alacante, a biblioteca virtual «Miguel de Cervantes», hoxe integrada en «Europeana» (2008) o mesmo que a dependente da Xunta de Galicia «Galiciana» (2008). A biblioteca virtual de Europa, Europeana, xa en 2013 tiña 29 millóns de documentos, facilitados por 2.300 institucións dos 28 Estados da Unión Europea. Entre os 45 idiomas presentes nesta biblioteca non consta a lingua galega aínda que recolla na entrada “galego lingua” 121 referencias a traballos lingüísticos facilitados pola Real Academia Galega e a Universidade de Santiago.

A ausencia de Galicia na Biblioteca Virtual da Unión Europea queda patente cando entras e podes elixir a lingua de navegación. Entre as 31 linguas que ofrece Europeana están o basco, o catalán ou o gaélico, pero non o galego. Tampouco está presente no proceso de busca entre as 45 posibles “pour la langue de discription”. Os 121 traballos lingüísticos citados que fan referencia á lingua galega constan como textos en español, aínda que algúns deles están redactados en galego. Se buscamos as referencias ao Jules Verne atopamos o seguinte resultado: “Français (206), Magyar (84), English (51), Polski (32), Español (26), Nederlands (21), Ελληνικά (20), Deutsch (16), Italiano (8), Română (5), Svenska (5), Norsk (2), Čeština (1) e Lietuvių (1)”.

¿Canto tardarán os lectores galegos en sentirse europeos? A Asociación de Tradutores Galegos leva quince anos intentando difundir a literatura universal na lingua propia deste pobo, deste “demos” que quere compartir a “democracia” coa Europa das novas tecnoloxías. Este traballo, que resulta utópico para unha asociación de tradutores sen ánimo de lucro, sería ben doado para un goberno autonómico que tivese a saúde cultural dos cidadáns presente nos seus orzamentos.

Oliver Sacks na súa carta de despedida My Own Life recolle do filósofo Hume o punto de vista máis sabio e humano para observar a vida que pasa. “Nos últimos días fun quen de ver a miña vida como desde unha grande altitude, como unha especie de paisaxe cun fondo sentido da conexión de todas as súas partes”. ¿Cantas traducións necesitan os lectores galegos para acadar tal visión da convivencia humana?

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior