USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Voces

Amadeu Ferreira, alma do mirandés

Por Xosé-Henrique Costas
Membro da Cerna de ProLingua

Chéganos pola arañeira a nova da morte de Joshua Fishman, o pai da planificación lingüística, aquel que nos ensinou para que unha lingua minorizada sobreviva, ademais de ter falantes, ten que ter armas e brazos que a defendan. Morreu Fishman e toda a academia o lamenta porque era unha referencia mundial. Pero hoxe permitídeme que diga “que as togas e as yarmulke choren por Joshua Fishman, que eu chorarei por Amadeu Ferreira”.

O mesmo día que morría Fishman desaparecía tamén do mundo dos vivos Amadeu Ferreira xurista e escritor en mirandés, presidente da Associaçon de la Lhéngua Mirandesa. Amadeu Ferreira non era tan coñecido como Fishman, pero en absoluto era menos importante, pois el era na actualidade a alma e o motor da reivindicación lingüística da lhéngua mirandesa, desa póla do astur-leonés conservada polos pastores e as xentes humildes da Tierra de Miranda, no leste de Tras-os-Montes.

Amadeu Ferreira, ou Fracisco Niebro (seudónimo que empregaba para publicar literatura en mirandés), era un indesmaiable e entusiasta activista da súa lingua mirandesa e aproveitouse de que era vicepresidente da Bolsa de Lisboa –con todos os contactos nas máis altas instancias políticas e económicas de Portugal – para favorecer sempre a difusión, coñecemento, prestixiamento, financiamento e normalización do mirandés.

Hai unha semana estiven en Miranda dL Douro cun grupiño de alumnos comprobando in situ a vitalidade e emerxencia do mirandés. No instituto de Miranda falamos cos profesores de mirandés que alí hai, e un deles, o amigo Deimingos Raposo, foi quen nos comentou con tristura que Amadeu “estaba indo embora” por un tumor cerebral. O pasamento dunha persoa tan querida é moi triste para familia e amigos, pero ademais, para a causa da lingua mirandesa é un golpe duro, pois o mirandés queda sen o seu máximo embaixador en Lisboa e Portugal segue sen querer asinar a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias.

Véñenme ás mentes destellos de lembranzas con Amadeu Ferreira a fondo: lembro hai uns 20 anos a cea de clausura dun congreso sobre minorías lingüísticas en Miranda dL Douro, acórdame que Paco Fdez. Rei, Antón Santamarina e Manuela Barros empezamos a cantar o “Grândola vila morena” ante a estupefacción e o silencio do resto de congresistas, e vexo aínda o Amadeu a rirse divertido dos rostros dos pulcrísimos portugueses porque tres galegos e unha portuguesa cantaban a “canção proibida”. Lembro de novo o Amadeu nun voo Porto-Bruxelas a traducir un novo tomo de Asterix ao mirandés e comentándome entusiasmado que do primeiro tomo (Asterix L Goulês) venderan en Portugal e España 30.000 exemplares!!! cando o mirandés tiña 10.000 falantes. Acórdame tamén cando á miña caixa de correos chegou un CD dun grupo de agro-punk mirandés: Picä Tumilho, un rock fresco, rural e potente cantado en sendinés (unha variedade especial de mirandés). O CD enviábamo Amadeu Ferreira porque el era sendinés, propiamente sendinés “d la nusa tirra”. E máis recentemente lembro Amadeu Ferreira nun congreso en Lisboa falando sobre a necesidade de Portugal asinar e ratificar a Carta Europea das Linguas e aturando con dignidade os rosmidos de desaprobación do auditorio.  Lembro cousas do Amadeu e sei que hoxe chora toda a Tierra de Miranda.

Morreu un dos grandes defensores da ecolingüística europea. Non é Joshua Fishman, nunca deu conferencias en universidades de medio mundo, pero estou seguro de que o exemplo e a lembranza de Fracisco Niebro ou Amadeu Ferreira han seguir moi vivas entre nós, os que o lembramos a sorrir cos seus ollos vivarachos, cun sorriso retranqueiro por baixo do bigote e cunha pucha paisana ben levada con orgullo. O mundo é un lugar máis habitable e entrañable grazas a seres como Amadeu Ferreira. Que a sua “tirra” sendinesa lle sexa leve.

"...ye eiqui l sitio de la mimória, a que tamien
chamamos casa,
adonde puodes cuntinar a fazer ua carteira de
lhembráncias;
ye la mimória essa casa a que siempre tornamos,
la sola que mos premite dezir, a cada die an que mos
bemos al speilho,
este sou you."

De l lhibro Ars vivendi. Ars moriendi (2012), de Fracisco Niebro (pseudónimo de Amadeu Ferreira)

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior