USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Voces

Acordos da asemblea ordinaria de ProLingua

 

O 25 de outubro do 2014 tivo lugar unha asemblea ordinaria de Prolingua na Mediateca do Grilo, de Cacheiras (Teo), en que se informou do programa de actividades do bienio 2013-2015 que resultou aprobado por unanimidade.

 

1. Informe de actividades

A xeito de introdución Francisco Fernández Rei deu unhas notas sobre PL de onte a hoxe, con especial atención ao Programa de actividades de ProLingua para o período 2013-2015 que a actual Cerna presentou na asemblea xeral do 15 de setembro do 2012.

Xosé Antón Laxe Martiñán presentou o informe das actividades de setembro do 2012 a setembro do 2013, con referencia a accións e Voces aparecidas no sitio web de PL e estatísticas do seu seguimento na rede, a partir dos informes trimestrais elaborados pola Cerna, dos que tres se penduraron no seu día en internet.

Malores Villanueva Gesteira presentou o informe das actividades de outubro do 2013 a outubro 2014 con datos básicos dos seareiros no facebook de PL e das accións levadas a cabo, a repercusión destas na rede e a das mostras de creatividade propia de PL, das noticias de premios de persoas da asociación e das Voces do sitio web, que no 2014 xa duplicaron as editadas no 2012.

Asemade, acordouse por unanimidade desenvolver un novo plan de actuación para o vindeiro ano, até a próxima asamblea en setembro de 2015, que é cando a actual Cerna remata o seu período.

 

2. Propostas de actuación

Xosé Henrique Costas González foi o encargado de presentar as seguintes propostas de actuación:

1. Vídeo(s) da campaña Por min o galego terá mil primaveras máis! da que se recibiron uns 300 microvídeos. Estase buscando o formato máis dinámico e atractivo na rede para a partir de abril do 2015 pendurar no sitio web de PL o(s) vídeo(s).

2. Vídeos da 2ª oportunidade con tres finais distintos. Son microvídeos de 20’’ de situacións diarias en que hai que ceder e cambiar de lingua. Espérase que antes de fin de ano se poidan pendurar na rede os tres primeiros.

3. Libro divulgador e crítico do PXNLG, que se está a redactar baixo a coordinación de Malores Villanueva. Como anexo do libro figurarán os 21 artigos da prensa e dos blogs que arredor do pasado 21 de setembro se acolleron á campaña de PL sobre o PXNLG. Preténdese que estea editado na primavera do 2015.

4. Unha obra didáctica de divulgación lingüística, coordinada por X. H. Costas, a partir do dossier que PL lle acaba de entregar ao Comité de Expertos do Consello de Europa encargado de avaliar o cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias.

5. Comunicados de protesta que periodicamente vimos recibindo de persoas alleas a PL.

6. Campaña para visibilizar o libro en galego nas bibliotecas, proposta de Alejandro Tobar apoiada por Manuel Bragado, para que nas bibliotecas públicas de Galicia, polo menos, o 50% dos libros dos que se dean noticia nos boletíns de novidades sexan obras en galego de todo tipo, pois ata agora apenas é o 4% dos títulos.

 

3. Elección de novos membros da Cerna

Membros elixidos na asemblea de 25 de outubro do 2014:

  1. Serafín Alonso Pintos

  2. Cibrán Arxibai Queiruga

  3. Esperanza Mariño Davila

  4. María Xosé Rodríguez Valcárcel

  5. Denís Vicente Rodríguez


 

 

ProLingua, 15 de novembro do 2014

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior