USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Voces

A triste realidade da lingua galega na Educación Infantil: Só a verdade nos fará libres

Tras as recentes declaracións do Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no Parlamento de Galicia sobre a utilización do galego como lingua vehicular na Educación Infantil, Prolingua expresa a súa máxima preocupación sobre o que considera unha situación de dramática incerteza para o futuro do galego á vista da súa reducidísima presenza como lingua de aprendizaxe no sistema educativo non universitario nos centros urbanos e solicita que se fagan públicos decontado os informes de avaliación previstos no Decreto 79/2010, que na súa disposición adicional quinta estabelece a seguinte obriga para a Administración educativa responsable:

Con periodicidade anual, despois de finalizar o curso escolar, a consellería competente en materia de educación avaliará os resultados derivados da aplicación deste decreto e desenvolverá cantas disposicións fosen precisas para o mellor cumprimento e adaptación dos seus obxectivos co fin de que poida achegarse gradualmente ao marco dun ensino plurilingüe e á plena aplicación da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias.

As diversas informacións dadas a coñecer recentemente sobre a presenza do galego na educación infantil, xunto con algún outro indicador, fan ver que a situación é realmente dramática nesa etapa escolar, sobre todo nas zonas urbanas: a porcentaxe de 10,4% de galego nos centros das sete grandes cidades que deu o Conselleiro no Parlamento para rebater o dato da enquisa da Mesa pola Normalización Lingüística de só 2,42% para esas cidades, posiblemente sexa máis baixa xa que posteriormente a Secretaria Xeral de Política Lingüística daba o dato de 10,4% de galego para os concellos de máis de 50.000 habitantes (e non para as sete grandes cidades) ao que hai que engadir o dato de 32,% de galego para os concellos entre 20.000 e 50.000 habitantes; por outra parte, as estimacións publicadas polo sector editorial privado galego, coinciden en que as porcentaxes de emprego do galego como lingua vehicular na Educación Infantil, en sendo moi optimistas, non superarían o 15% do alumnado galego de cada nivel de idade. De a compararmos cos estudos dispoñibles, esta porcentaxe supón un retroceso sen precedentes no emprego da lingua galega nun período educativo decisivo para a consolidación das competencias de comunicación lingüística por parte de todo o alumnado.


As consecuencias que se derivan desta situación

Cunha porcentaxe de emprego do galego do 15% é imposible concluír que está garantida para todo o alumnado e en igualdade a adquisición da competencia lingüística da etapa e do nivel nas dúas linguas oficiais, obxectivo cuxo imperativo legal vén determinado polo actual Decreto 79/2010 e pola Lei de normalización lingüística e altamente referenciado no Plan xeral de normalización da lingua galega e mais na Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias, regulamentación explicitada no preámbulo do Decreto 79/2010. Xaora, é un feito que no momento máis crítico da aprendizaxe da lectura e da escritura, no tránsito entre a educación infantil e a primaria, o 85 % do alumnado galego non ten posibilidade de consolidala en lingua galega, coas consecuencias que isto conleva tanto para o desenvolvemento das competencias básicas de comunicación lingüística en toda a etapa primeira, sobre todo no que atinxe á expresión oral, como para a persistente instalación de prexuízos e ideas falsas sobre o valor de cada unha das linguas en conflito.

Para a gran maioría do noso alumnado, o seu primeiro contacto sistemático co galego como lingua vehicular prodúcese, no mellor dos casos, durante as cinco sesión semanais da materia de Coñecemento do Medio de primeiro curso, que poden ser substituídas por clases co inglés como lingua vehicular, nos casos en que o centro se incorpora ás chamadas seccións bilingües. Un modelo de educación lingüística que consideramos alleante e ineficaz, didacticamente obsoleto e insuficiente, propio da lingua estranxeira que se incorpora tamén no mesmo período. É posible que o galego, anulado en toda a súa expresión idiomática e cultural na etapa infantil (3-6), presentado en semellante inferioridade ao comezo da Educación Primaria, poida ser consolidado ao remate desta etapa por todo o alumnado con idéntico nivel da competencia adquirida na outra lingua oficial, reforzada desde todos os ámbitos, axentes e contextos de socialización?


As medidas que solicita Prolingua

Diante da ausencia de datos e informes publicados por parte da Consellaría de Educación sobre o que está a suceder no sistema educativo non universitario a respecto da implantación de procedementos que aseguren a adquisición para todo o alumnado de idéntica competencia en comunicación lingüística nas linguas oficiais, conscientes de que a verdade corrómpese tanto coa mentira como co silencio, Prolingua solicita:

1. A publicación dos resultados da avaliación e do seguimento realizado pola Consellaría de Educación durante os tres últimos cursos dos proxectos lingüísticos de cada un dos centros educativos non universitarios, previstos no artigo 14, apartado 5 do decreto 79/2010, con especial atención aos criterios utilizados na escolla da lingua vehicular de cada un dos grupos de Educación Infantil, así como os resultados dos programas de fomento da lingua de cada centro educativo.

2. A publicación dun mapa detallado de uso das linguas nos centros educativos non universitarios baseado nos seus proxectos lingüísticos, así como un estudo actualizado sobre as addendas anuais elaboradas ao fío do previsto no artigo 14, apartado 4.1. do decreto 79/2010.

3. A publicación dos criterios utilizados pola Consellaría de Educación sobre os procedementos de avaliación inicial do nivel de competencia nas catro destrezas básicas nas dúas linguas oficiais en Educación Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria, previstos na Disposición adicional segunda do Decreto 79/2010.

Os puntos 1 e 2 da nosa solicitude deberían ser complementadas cun estudo valorativo onde os datos que achegan os centros no seu proxecto lingüístico se comparasen cos datos da realidade. A experiencia de numerosas familias, así como dunha porcentaxe de docentes, manifestadas a través de diversos medios, fai pensar que existe un evidente desaxuste entre uns e outros. Desaxuste sempre desfavorable para o galego, a única hipótese que explicaría os numerosos casos de descoñecemento absoluto da lingua galega por parte dun significativo sector do alumnado destes cursos.

Presentar os datos referidos a toda Galicia sen facer ningunha separación é un xeito de enmascarar a realidade. É unha evidencia que a utilización da lingua galega nos centros con alumnado de contornas non urbanas (case todos públicos) adoita ser alta. Pola contra, nos centros con alumnado de contornas urbanas a presenza da lingua galega adoita ser mínima ou anecdótica. De aí a necesidade de presentar os datos separados segundo o tipo de centro.

Contra o afirmado polo señor Conselleiro, o alumnado de contextos galego falantes adquire paralelamente unha competencia semellante en castelán sen apenas esforzo, polas razóns que se explican en calquera manual de sociolingüística aplicada ao ensino, mentres que, en contextos urbanos, non se dá a adquisición dunha competencia semellante á do castelán, como ben ensina a sociolingüística. A escasa presenza do galego na vida cotiá do alumnado e os prexuízos sociais existentes explican con claridade este aparente paradoxo.

O coñecemento destes datos por parte da comunidade educativa, e da  sociedade en xeral, debe producirse antes do comezo do curso 2014-2015, unha vez concluída a vixencia temporal dos actuais proxectos lingüísticos de centro aos catro cursos escolares, tal e como determina o punto 1 do artigo 14 do mencionado decreto. Somos conscientes de que non é moito o tempo do que se dispón, mais é unha condición necesaria. Só deste xeito se poderán introducir os cambios precisos para solucionar este gravísimo problema.  Un problema que cada vez nos afasta máis do mandato esencial da Lei de Normalización Lingüística: garantir que o alumnado adquira unha competencia semellante nas dúas linguas oficiais, independentemente de cal sexa a súa lingua inicial. De non ser así, o que está en perigo é a liberdade lingüística de boa parte da cidadanía, de milleiros de nenos e nenas galegofalantes, esencial nunha sociedade democrática.

Prolingua,  31 xullo do 2014

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior