USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Voces

A supresión da lingua galega na EOI de Ponferrada

O galego no Bierzo volve a ser preocupante noticia nos medios de comunicación e nas redes sociais. A prensa infórmanos de que o alumnado da Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada denuncia a supresión do primeiro curso de Lingua Galega nesta Escola e manifesta a súa enérxica protesta ante tal feito.

Esta presenza nos medios de carácter negativo para o galego en nada favorece a situación da nosa lingua na comarca berciana, onde está a vivir unha situación extremadamente delicada. O que menos necesita a poboación desta zona é recibir mensaxes de desalento e de falta de apoio para a aprendizaxe da lingua galega como a que se pode ler no xornal El Eco del Bierzo (08/10/2014):

Comeza o curso escolar na rexión do Bierzo e reaparecen os problemas co ensino do galego. De novo xorden as denuncias da comunidade escolar sobre a aprendizaxe deste idioma. Nesta ocasión, o alumnado de galego da Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada comunícanos a intención de suprimir o ensino desta lingua no primeiro curso. Tamén nos anuncian que se pretende non ofrecer primeiro de portugués e que non se nomeou aínda o profesor de galego.

A pesares de haber alumnado abondo para impartir o primeiro curso de galego na EOI, non se lle garanten as clases neste idioma durante o novo curso 2014-15. De novo os recortes orzamentarios da Junta de Castela e León están detrás da pretensión de suprimir a oferta de lingua galega,

Segundo información oficial obtida por ProLingua o total de matrículas na materia de Lingua Galega ofrecida pola Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada desde o seu comezo, curso 2002/2003, ata a actualidade, curso 2014-2015, ascende a un total de 1.183, 797 na súa modalidade oficial, 326 na modalidade libre e 60 en cursos específicos. No curso 2013-2014 había un total de 93 persoas matriculadas, 59 na modalidade oficial e 34 na modalidade libre. O número de alumnos matriculados en galego era superior ao de inscritos en alemán, francés ou portugués nesta última modalidade, isto é, unicamente na modalidade libre.

No presente curso 2014/2015 hai un total de 63 matrículas oficiais, dado que o prazo de inscrición de matrícula na súa modalidade libre non está aínda aberto e que tampouco se deu oportunidade para matricularse en 1º curso.


Por que estudar galego no Bierzo? No nº 1 (maio 2004) en Labieira. Revista do Departamento de Galego da EOI de Ponferrada achamos unha serie de argumentos que defenden a oportunidade de estudar o idioma galego no Bierzo:

·         É parte do patrimonio lingüístico e cultural do Bierzo.

·         Facilitará a aprendizaxe doutras linguas románicas, sobre todo do portugués.

·         Permitirá continuar os estudos en calquera dos campus universitarios de Galicia.

·         Dará acceso, sen necesidade de recorrer a traducións, á riqueza cultural galega e portuguesa.

·         Axudará a concorrer ás bolsas e prazas convocadas polas distintas administracións, así coma a toda a información científica e técnica redactada en galego e/ou portugués.

·         Facilitará o acceso, cun mínimo de esforzo, a un gran mercado con máis de 200 millóns de falantes (Galicia, Portugal, Brasil,..)

A Constitución Española obriga á protección de todas as linguas que se falan no territorio español. O galego no Bierzo necesita dun apoio especial se non queremos ser responsables da súa desaparición nun prazo curto de tempo. E a Xunta de Galicia non pode permanecer impasible ante esta noticia tan alarmante de perda de presenza do galego na Escola Oficial de Idiomas. Se se suprime o 1º curso, o ano que vén non haberá alumnado en 2º e en catro anos o galego estará extinguido dos estudos de linguas da EOI de Ponferrada.

A poboación adulta da comarca do Bierzo non ten outra posibilidade de acceder ao estudo do galego se non é a través do ensino que se lle ofrece na Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada. Por esta razón, a Xunta de Galicia non pode permanecer impasible ante esta noticia tan alarmante de perda de presenza do galego na devandita Escola.

Agardamos que prevaleza o espírito que animou a asinar o Acordo de Cooperación para a promoción do idioma galego no Bierzo, e a Xunta de Galicia realice as xestións pertinentes diante da Junta de Castilla y León non só para que a oferta escolar do galego non se vexa reducida, senón que se vexa incrementada e potenciada. A Xunta de Galicia debe actuar con dilixencia e celeridade e realizar as xestións oportunas para repoñer de maneira inmediata a oferta do primeiro curso de galego na Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada.


ProLingua, 29 de outubro do 2014

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior