USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Voces

A lingua galega excluída de Xuventude Galicia Net

Estes días está a celebrarse en Silleda a maior party informática galega, o Xuventude Galicia Net., que a pesar de levar na cabeceira o nome de Galicia, o galego está ausente de todo o demais. De querérmonos inscribir, non podemos facelo en galego; de consultarmos as normas do encontro ou de conectármonos ao seu streaming, unha e outra vez a mesma canción: só castelán; e de navegarmos polo portal do Xuventude Galicia Net, nada de galego, e o mesmo podemos dicir das redes sociais ligadas ao evento. A exclusión do galego non se deu ata agora, pois abonda con consultarmos o timeline do facebook ou do twitter das anteriores edicións para comprobarmos como daquela se dirixían con toda normalidade en galego aos seus seguidores.

O Xuventude Galicia Net conta co apoio da Xunta, que asinou un convenio de colaboración de 25.000 euros para a súa organización. A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato e o vicepresidente Alfonso Rueda visitaron o recinto feiral de Silleda ratificando coa súa presenza que apoian a expulsión da lingua galega.

Dóenos moito que quen debería ser o principal valedor do galego, a Xunta de Galicia, rompa unha vez máis con ese compromiso que está na cerna da súa razón de ser. Que foi da ratificación legal de prestar todos os servizos públicos preferentemente en galego publicada nun DOG no pasado mes de abril? Xa é papel mollado? Tamén nos doe que entidades públicas como a Deputación de Pontevedra ou o Concello de Silleda actúen como mudos patrocinadores dun novo desprezo á lingua propia de Galicia.

Campañas como a de #EmpápateCoGalego, posta en marcha pola fundación de ABANCA para celebrar o Día das Letras Galegas, ou a colaboración de Coca-Cola coa Secretaría Xeral de Política Lingüística para o concurso Novos Talentos de Relato Curto fican sen credibilidade se por outra banda se aposta pola financiamento dun evento coma este que refuga do galego.

A plataforma apartidaria ProLingua arela que a Xunta de Galicia, e o mesmo outros organismos que deberían ser exemplo no uso normalizado do galego, non patrocinen eventos que salientan pola ausencia da nosa lingua.

ProLingua, 20 de setembro do 2015

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior