USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Voces

A importancia de se chamar

Por Mercedes Queixas Zas


A identidade inicial das persoas tamén vén determinada polo nome propio que un pai e unha nai acaban por decidiren para nós, logo de resolveren unha decisión importante que marcará o intenso camiño da relación paterno/materno - filial.

O nome propio outórganos, asemade, unha singularidade de recoñecemento exterior que axuda a colocármonos neste mundo diverso, políglota e multicultural.

Aldán, Antón, Anxos, Cibrán, Iria, Mariña, Nuno, Xiao, convértense en sonoros antropónimos que, desde a súa fonética musicada e desde o corpo da súa grafía, nos visten dentro da identidade galega para recoñecérmonos nela e nela recoñecérennos @s outr@s.

Acubillámonos en nomes herdeiros dunha ascendencia xenealóxica anterga, acompañada de cadansúa significación, á par doutros de entrada recente creada a partir dunha etimoloxía patronímica: Aloia, Mª do Cebreiro, Xalo... Unha tradición que tamén neste ámbito de identificación é revisitada e complementada con ollada de hoxe, tal e como corresponde a unha lingua viva.

Gozamos de antropónimos que relembran esta nosa historia nunca acabada de contar, que nos falan de trobadores medievais –Airas-, do xefe celta fundador da cidade de Brigantium –Breogán- ou daquela nobre galega que no século IV peregrinou a Compostela e testemuñou a experiencia por escrito –Exeria.

Afectivamente, brincamos cos hipocorísticos con Catuxa; rubimos as árbores con Faia; embriagámonos co arrecendo floral de Margarida ou Xacinto; chiscámoslle o ollo á Lúa e viaxamos ao noso reino antigo da man de Suevia.

Porque sabemos con certeza que cando a sinatura persoal debuxa un Henrique ou unha Helena o “H” maiúsculo inicial deixa de ser mudo e fala por nós.

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior