ProLingua, plataforma a prol da defensa e promoción da lingua galega

voces

Nin lingua nin liberdade, é o poder

Artigo publicado no Faro de Vigo o 11 de outubro de 2012, asinado por Alejandro Tobar, voceiro da Cerna de ProLingua.

 

No Faro de Vigo do día 8 de outubro, o señor Ignacio López-Chaves publicou unha tribuna titulada Caminando hacia la libertad, onde expón as sobadas consignas que, tanto o actual presidente do Porto de Vigo como outros membros relevantes do PP olívico, veñen reiterando desde hai ben tempo (como esquecer as imaxes daquela manifestación organizada por Galicia Bilingüe en febreiro do 2009, onde o señor Chaves compartía pancarta con Rosa Díez e outros coñecidos amigos da lingua galega!). O que amosan esas consignas é, en realidade, unha habelencia prodixiosa para enmascarar a realidade. Coñecemos ben tal uso da neolingua orwelliana, que moi cinicamente critica o autor deste texto. O Partido Popular é, de feito, unha experta factoría de creación deses termos enganosos: flexibilidade laboral (despedimentos masivos), racionalización do gasto público (recortes) ou liberdade para elixir (liberdade só para uns poucos).

Nas pasadas eleccións, tales consignas, convenientemente amplificadas, déronlle ao PP os votos precisos para acadar a exigua maioría (de deputados, que non de votantes) coa que goberna. Polo visto, catro anos despois pretenden sacar en procesión os mesmos espantallos coa intención de conseguir un resultado semellante. Non é a lingua, senón o poder, o que lles interesa.

Non pagaría a pena comentar o citado artigo se o asinase algunha desas persoas coñecidas pola súa militancia contra o presenza do galego na sociedade. Mais, neste caso, resulta que o asinante faino como Vicesecretario del PP de Vigo; é dicir, un membro destacado do partido que hoxe goberna en Galicia. Un servidor público. E neste caso, aínda que só sexa por hixiene democrática, cómpre botar algo de luz sobre as falacias do señor López-Chaves.

Cal é, en esencia, a idea que expón no seu artigo? Pois que había un goberno malvado que pretendía impoñer o galego á poboación e privala da súa liberdade. E que, grazas ao triunfo do señor Feijóo, o perigo quedou conxurado e agora gozamos do bilingüismo e da liberdade que nos pretendían arrebatar. Mais, como non hai felicidade perfecta, unha pérfida coalición de “nacionalistas de diversas clases, socialistas y comunistas” queren impoñernos “la vuelta a la inmersión lingüística más violenta” se non votamos como é debido nas vindeiras eleccións. “Y no existe ninguna otra alternativa”, conclúe o señor López-Chaves.

De non coñecermos a trampa que encerra, mesmo podería haber quen crese nisto. O que ocorre é que, coma no conto do lobo, tales falacias xa non xorden efecto. Hoxe sabemos que na ideoloxía neoliberal se usa a palabra liberdade cando, en realidade, o que se quere dicir é “liberdade para uns poucos” ou “liberdade para os que xa están en posición de privilexio”. É así na política económica e social, e tamén o é na lingüística. Calquera que coñeza a situación real das linguas en Galicia, sabe a quen apoian e a quen prexudican estas políticas liberais.

As afirmacións de López Chaves farían rir de non ser polos serios ataques que encerran. Constitúen unha defensa da política contraria á lingua galega que, de xeito teimudo, vén desenvolvendo o actual goberno do PP. Unha política que persegue o desmantelamento de todo canto se fora conseguindo desde a Lei de Normalización de 1983. Unha política que busca derrogar de facto esa LNL e que esborrallou o consenso unánime acadado no Plan Xeral de Normalización do ano 2004, iniciativa dun goberno do PP, votado afirmativamente polo señor Núñez Feijoo, daquela vicepresidente da Xunta.

Non queremos aquí cidadáns de primeira nin de segunda, algo ao que invita o señor López-Chaves, e cómpre para iso crear as condicións para que sexa posible vivir en galego coa mesma normalidade que o pode facer unha persoa castelanfalante. Isto que só será realidade cando a poboación sexa competente nas dúas linguas oficiais, para que logo cadaquén poida escoller libremente. É dicir, a dobre competencia é imprescindible para garantir a chamada liberdade lingüística. Mais, se non se consegue no ámbito escolar, onde queda esa liberdade para os que temos o galego como primeira lingua?

Por iso é un sarcasmo chamarlle “imposición” ao que non é máis que unha aspiración de igualdade. Para que non haxa cidadáns de primeira e de segunda en función da lingua que falen, son precisas políticas lingüísticas que tenten corrixir as desigualdades existentes e garantan o dereito constitucional a empregar con normalidade a lingua habitual (sexa esta galego ou o castelán) en calquera ámbito da vida diaria. Coa política do actual goberno do PP e coas ideas que defende López-Chaves, a auténtica liberdade lingüística, na que de verdade cremos, estará cada vez máis lonxe.

Publicado
Out 12 '12
Autor
Normal Admin

Filtro


Amosar por


Categorías


Todas as etiquetas 337


USO DE COOKIES

Empregamos cookies propias e de terceiros para mellorarmos a túa experiencia e os nosos servizos, así como para mostrarche, desde o noso sitio web ou desde os de terceiros, publicidade baseada na análise dos teus hábitos de navegación. Se continúas navegando, consideramos que aceptas o seu uso.
Podes obter máis información na nosa Política de Cookies.