Unha sentenza en Pontevedra declara ilegais os sinais de tráfico só en galego

O demandante alegou que a sinalización era "incorrecta" porque o panel vertical que prohibía o estacionamento e indicaba o horario de aparcadoiro estaba só en galego.
O veciño alegou que o idioma do sinal impediulle "ter un coñecemento exacto das condicións en que estaba restrinxido o estacionamento na zona indicada" e engadiu que a lexislación de tráfico (o artigo 138) aclara que "as indicacións escritas que se inclúa ou acompañen aos paneis de sinalización das vías públicas e inscricións figurarán en idioma castelán e, ademais, na lingua oficial da comunidade autónoma".
As alegacións do Concello non serviron de nada, malia insistir en que o demandante leva anos vivindo en Galicia e que traballou nos xulgados da cidade, polo que "necesariamente ten que comprender a lingua galega". Segundo a Administración local, o hipotético descoñecemento da prohibición do sinal que argumenta o veciño non sería tal. Incluso o consistorio achegou textos aparecidos no DOG que serían expedidos polo demandante e que só estaban en galego.
A maxistrada chega a recoñecer que "resulta de difícil credibilidade para calquera castelanfalante medio que leve residindo en Galicia certo tempo a versión dos feitos sobre a que o recorrente apoiou [...] as súas alegacións", pero acaba dándolle a razón e insiste en que a Administración municipal debe "asegurar cunha correcta sinalización a perfecta comprensión polos usuarios da vía".
Máis información en Praza Pública.
- Tags:
- Xunta galego lingua normalización