A CTNL remítelle á Xunta unha proposta de mellora dos Celga

Cinco anos despois da implantación do sistema de acreditación da competencia en lingua galega para persoas adultas, o sistema Celga, e logo dun amplo proceso de análise e reflexión, a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) fai pública e remítelle á Xunta unha proposta integral coa finalidade de mellorar o sistema e de que se corrixan as numerosas eivas detectadas.
A proposta que a CTNL fai agora pública está pensada para mellorar de xeito integral o sistema de formación e acreditación da competencia en lingua galega para persoas adultas.
Esta proposta está feita pola CTNL a partir dun proceso de reflexión e análise dun amplo grupo de persoas con experiencia en distintos ámbitos relacionados cos Celga (técnicos/as de normalización lingüística encargados de convocar, xestionar e difundir cursos e informar a cidadanía sobre o sistema; profesorado colaborador encargado da docencia dos cursos; persoal avaliador das probas de obtención dos títulos; etc.), e tendo en conta ademais as achegas, as ideas e o debate producido na Xornada de análise e avaliación dos Celga que tivo lugar o 28 de xuño de 2012 en Santiago de Compostela, na que participaron arredor de 150 persoas, e onde houbo un amplo consenso xeral sobre distintas ideas debatidas.
Máis información en CTNL.