USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Novas

O dominio .gal é unha realidade

Na noite do 14 de xuño do 2013 a ICANN (The Internet Corporation for Assigned Names and Numbers) fixo pública a avaliación positiva para que a lingua e a cultura galegas puidesen ter un dominio propio en Internet, o chamado .gal. Cando en Compostela se deu a coñecer esa excelente nova, Manuel González González, numerario da RAG e presidente da Asociación PuntoGal, dixera que o dominio lle ía “dar visibilidade universal á nosa personalidade particular”.

Así será, pois dende o pasado venres a Asociación PuntoGal conta coa delegación do dominio en internet despois de sete anos de duro traballo. nic.gal, unha páxina técnica e de probas, a primeira que vai funcionar baixo este dominio, pero nos vindeiros meses poderán rexistrarse novas direccións. Nunha primeira fase poderán facelo as administracións públicas e organismos vinculados e nunha segunda as entidades que posúan unha traxectoria probada da lingua ou da cultura galegas, así como páxinas realizadas en galego ou con versión neste idioma.

A comezos deste ano Manuel González escribía un artigo para a sección Voces de ProLingua, nel destacaba que o "2013 tróuxonos unha boa nova, a aprobación por parte da ICANN, dun dominio.gal, feito histórico que permitirá dentro de poucos meses que a lingua e a cultura galega teñan visibilidade no mundo enteiro a través da Rede: cada vez que en calquera lugar do mundo alguén abra un enderezo .gal, estará a recibir a información de que existe un país chamado Galicia, e que existe unha lingua e unha cultura galegas. O dominio .gal deberá ser un instrumento que tamén nos beneficie economicamente, especialmente ao servizo das industrias e das empresas relacionadas con produtos en que a asociación con Galicia implique un plus de calidade. Este dominio vai facilitar a eficiencia dos buscadores para atopar  todo tipo de información relacionada con Galicia. Pero esta visibilidade na Rede debe servir, sobre todo, para que nos sintamos recoñecidos ao mesmo nivel que outros pobos do mundo e para aumentar a nosa autoestima".

Co apoio de 110 institucións e de 12.000 persoas obtívose o dominio .gal. Grazas a quen creu neste proxecto e loitou por conseguilo, así como á sociedade civil que abeirou a iniciativa. Parabéns ao país pois, como comunicou a Asociación PuntoGal, "o dominio é voso".

ProLingua 14 de abril do 2014

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior