“Maio, mes da lingua”, máis de 50 actividades culturais en Pontevedra

Demetrio Gómez Xunqueira, concelleiro delegado de Normalización Lingüística de Pontevedra, presentou as actividades de Maio, mes da lingua, o programa cultural da cidade do Lérez para celebrar o Día das Letras Galegas, que ademais este ano tamén conmemora os 150 anos da edición de Cantares gallegos, a obra máis coñecida de Rosalía de Castro.
Entre todas as actividades que se programan para este mes e medio, o edil destacou a XVII edición da Mostra de Teatro Ben Veñas Maio, que volverá contar cun concurso musical, o ciclo de conferencias Rosalía e Nós, numerosos actos en homenaxe a Roberto Vidal Bolaño, a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas, ou a Feira do Libro que se recupera en Pontevedra logo de nove anos.
Ademais, esta programación, chea de roteiros, intercambios lingüísticos, obras de teatro ou recitais poéticos, incluirá o día 18 de maio a Festa da Lingua, organizada pola Revira e a asociación En Pé, o concurso Atopa o Erro, que organiza o Centro Comercial Urbano Zona Monumental, ou Gústame o galego (16 de maio), un fotomatón popular con frases sobre a lingua galega.
Información tirada de Pontevedra Viva.
- Tags:
- galego lingua normalización prolingua