USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Novas

Estender a rúas e empresas o emprego dos topónimos oficiais

O borrador do anteproxecto de decreto polo que se regula a toponimia de Galicia, que se atopa en fase de alegacións dende case unha semana, recoñece o deber de respectar a forma oficial destas denominacións en todas as instalacións e elementos materiais e inmateriais que incorporen un nome de lugar do territorio de Galicia. Isto afectaría, por exemplo, a parques eólicos, rexistros mineiros ou marcas comerciais, se ben a súa aplicación non tería carácter retroactivo.

"Os nomes das bisbarras, dos municipios, das parroquias, das poboacións de todo tipo, dos lugares e de calquera outra demarcación territorial, así como os nomes das rúas e vías urbanas e interurbanas de Galicia, teñen como única forma oficial a galega", aclara o texto no seu artigo 3. Isto inclúe á súa vez as denominacións de elementos xeográficos de titularidade e xestión propia como bens de interese cultural, espazos naturais ou portos marítimos.

Así mesmo, a Xunta "velará pola recuperación, a preservación e a divulgación" da toponimia como patrimonio inmaterial, ademais de fomentar a colaboración de entidades públicas e privadas nos procesos de recompilación destas denominacións.

O texto establece que a rotulación dos núcleos de poboación, vías interurbanas e de todo tipo de realidades xeográficas terá que acomodarse á toponimia oficial, polo que o nome dunha estrada de competencia municipal deberá respectar a forma galega se integra un topónimo na súa denominación.

Esta situación estenderase tanto dentro como fóra de Galicia, e a Xunta "establecerá os acordos oportunos cos órganos competentes da Administración xeral do Estado" para que se utilice a toponimia oficial na rotulación das vías de competencia estatal fóra da comunidade autónoma.

O uso da forma oficial será obrigatorio en todos os rótulos externos e internos das administracións en Galicia, en toda a documentación en soporte físico ou electrónico que xeren, en mapas, guías ou publicacións descritivas do territorio ou rexistros públicos.

Así mesmo, a incorrecta utilización da toponimia en libros de texto ou material curricular destinados a ser usados en Galicia "suporá a exclusión das subvencións para a elaboración do citado material", segundo advirte o borrador do texto.

Por outro lado, o borrador do anteproxecto realiza unha "importante remodelación na composición da Comisión de Toponimia", modificando substancialmente a representación dos órganos de carácter científico para conceder un papel "relevante" á Real Academia Galega, quen ten a competencia de propoñer á Xunta a forma correcta dos topónimos.

Máis información en Galicia Hoxe.

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior