USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Novas

Crónica dunha reunión en Oviedo

prolingua co comité de expertos do consello de europa

Á reunión que onte se celebrou en Oviedo entre o Comité de Expertos do Consello de Europa e as organizacións galegas citadas ao acto acudiron Xosé Luís Regueira, polo ILG e pola RAG; Marcos Maceira, Elsa Quintas e Mónica Pazos pola Mesa pola Normalización Lingüística; Carlos Varela Aenlle por Abertal del Eo-Navia, e Xosé-Henrique Costas González por ProLingua.

 

Chegada a hora comezou expoñendo o representante da Secretaría Xeral de Política Lingüística, en reunión privada cos expertos. A seguir declarou unha persoa delegada do Consello Galego de Relacións Laborais e, ao rematar, un representante do Comité solicitou do resto de organizacións que expuxesen en conxunto as súas teses. Desta maneira, todos os representantes presentes sentaron arredor dunha mesa: os seis galegos citados máis dúas intérpretes, tres membros do Comité (o galego Fernando Ramallo en representación de España, un holandés e un húngaro) e un secretario que tomaba nota do que se falaba.

 

A organización e desenvolvemento da reunión foi sinxela e afable. O Comité preguntaba sobre un aspecto, por exemplo, o cumprimento da Carta no Ensino, e a seguir declaraban os representantes das organizacións complementándose e achegando cada un argumentos novos. O mesmo pasou con Xustiza, con Medios de comunicación e con Galego Exterior, momento no que interveu con brillantez o representante do Eo-Navia.

 

Deixamos claro todos nós que a Carta non se cumpre no Ensino (contra o dito polo SXPL momentos antes) porque o desequilibro en favor do castelán é evidente, porque o Decreto actual non fai competentes de maneira semellante en galego e castelán a todo o alumnado (un 20% declárase incompetente en galego ao remate dos estudos obrigatorios) e porque o ensino segue a ser un potente factor desgaleguizador, comezando pola educación infantil.

 

En Medios de comunicación, o representante da SXPL afirmou que hai moitos medios en galego e que as subvencións son as apropiadas, cando a Xunta, e así llo fixemos saber aos membros do Comité, está a subvencionar con millóns de euros xornais en español mediante cartos que deberían estar asignados a políticas de promocións do galego. Deixámoslles claro tamén que o noso idioma está desaparecido na Xustiza, onde apenas o 1% da sentenzas son en lingua galega e onde o uso da nosa lingua queda ás expensas do voluntarismo militante das cidadás e cidadáns e do funcionariado, a pesar das pexas do programa informático, que non permite traballar en galego, da lexislación española, que non legaliza o galego senón que só o despenaliza, e de mil trabas máis que lle foron esmiuzadas aos membros do Comité.

 

ProLingua e A Mesa entregáronlles aos membros do Comité cadanseus dossiers en inglés. Á parte, púidose observar que o Comité tiña moi boa información sobre a situación do galego exterior mercede ás traducións ao inglés dunhas xornadas celebradas o ano pasado no Consello da Cultura Galega. Así e todo, abordouse con detalle a situación anómala do galego de Asturias e pedíuselle ao Comité que abrise epígrafes sobre o galego de Asturias, o galego de Castela-León e o galego de Estremadura, cousa que ata o momento o informe oficial de España non contén.

 

O clima do encontro das organizacións galegas co Comité foi cordial, afable, por momentos de bo entendemento e mesmo sorpresa por parte dos membros do Comité polo que estaban ouvindo. En non poucas ocasións contrastaron as opinións que se lle expuñan coas do SXPL, que declarara previamente. O Comité fixo as preguntas que considerou oportunas e estas foron convenientemente contestadas polos representantes das organizacións galegas.

 

Ao saíren todos os representantes das organizacións galegas conviñeron en que o encontro discorrera moi ben e, en xeral, todos estaban satisfeitos coas exposicións e o traballo feito na xornada.

 

Queda agora agardarmos que o Comité de Expertos eleve as opinións expostas ao Consello de Ministros do Consello de Europa e que este reprobe os gobernos español e autonómico polo desleixo, cando non belixerancia, que demostran coas linguas estatais diferentes do español.

 

 

 

ProLingua, a 11 de decembro de 2018

prolingua co comité de expertos do consello de europa

prolingua co comité de expertos do consello de europa

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior