USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Novas

Agustín Fernández Paz, Doutor Honoris Causa pola UVigo

No marco dos actos académicos conmemorativos da festividade de San Tomé de Aquino, a Universidade de Vigo investiu Doutores Honoris Causa o escritor e membro de Prolingua Agustín Fernández Paz e o químico Julio Casado Linarejos. O acto celebrouse onte día 28 de xaneiro no salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.

No seu discurso, o escritor fixo un percorrido pola constante loita a prol da lingua galega, un "edificio en proceso de demolición". Cun dos grandes da literatura galega, como é Agustín Fernández Paz, que entra a formar parte do Claustro Universitario, a lingua tiña necesariamente que ser un dos alicerces do acto. Agromou, nas verbas de Fernández Paz e do seu padriño, o profesor e vicerreitor de Extensión Universitaria, Xosé Henrique Costas, un lamento polos pasos atrás dados na defensa do idioma. “A voz máis poderosa da literatura infantil e xuvenil galega”, como o definiu Costas, rememorou a través de seis lembranzas que percorreron a súa vida que “a fala dos xogos, da familia, do traballo, dos aloumiños... era o galego”, mentres que o castelán imperaba nos usos formais. A lectura antes ca escrita, a escrita despois, a pedagoxía, a divulgación, o galego sempre... Fernández Paz fixo así un percorrido por avances que moitas veces tornaron mesmo en retrocesos. “Lémbrome do poema Penélope de Díaz Castro, chairego coma min, cada vez que reflexiono sobre o a situación social da nosa lingua ao longo destas décadas pasadas. «Un paso adiante e outro atrás, Galiza / e a tea dos teus soños non se move», explicaba Fernández Paz. Lembraba tamén o escritor e pedagogo que a súa xeración deixou unha parte substancial da súa vida nese afán. “Canto traballo, canta enerxía levou erguer o sinxelo edificio que nos permitía soñar cun futuro mellor!” que agora se torna en desengano, “asistindo desacougados ao minucioso proceso de demolición do edificio.... O obxectivo final semella ben claro: podar as pólas máis vigorosas do bonsai, coutar a presenza social da lingua ata confinala nun lugar subordinado”.

Por todos os seus “méritos vitais, literarios, humanísticos e universais; por ser un narrador elegante e absolutamente comprometido coa defensa da lingua; por ser unha persoa coherente que buscou sempre transformar a sociedade desde a escola pública e se implicou na vangarda da renovación pedagóxica; por ser un dos narradores galegos máis universais, un dos mellores facedores de lectores, coñecido dentro e traducido fóra, por ser un exemplo de ética e dinamismo ao servizo da terra nosa e da terra enteira…”. Por todos e cada un de estes motivos, en palabras do seu padriño, o profesor e vicerreitor de Extensión Universitaria, Xosé Henrique Costas, o escritor Agustín Fernández Paz foi nomeado onte Doutor Honoris Causa da Universidade de Vigo.

A laudatio do vicerreitor Xosé Henrique Costas.

Máis información no web da Universidade de Vigo e no da Academia Galega.

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior