“A Letra Miúda”, nova revista de sociolingüística para ensinantes
A Letra Miúda é unha nova revista dixital que tratará de achegar información e datos imprescindibles en materia sociolingüística para os docentes co fin de asesoralos no deseño de modelos de intervención encamiñados á normalización do galego no ámbito educativo.
A publicación ten como obxectivo cubrir necesidades formativas do profesorado en xeral e especialmente daqueles que participan activamente na normalización do galego no ámbito educativo, contribuíndo a capacitalo para a toma de decisións metodolóxicas, pedagóxicas e didácticas de maneira crítica e reflexiva.
A revista ofrece "artigos inéditos de cualificados especialistas" nos que se tratan temas moi variados que van desde fundamentos teóricos sobre ensino de linguas ata experiencias educativas desenvolvidas en situación de contacto entre linguas. Achéganse tamén descricións e análises de modelos lingüísticos educativos e información significativa sobre a situación sociolingüística de Galicia e doutros territorios con linguas minorizadas.
Ademais, conta cunha sección de recomendacións na que se van ir recollendo artigos que se poden consultar na rede, recensións de publicacións básicas e ligazóns de interese, todo relacionado co ámbito da sociolingüística para o ensino.
A Letra Miúda está dispoñible de balde no web da CGENDL.
Información tirada dos xornais Galicia Confidencial e Sermos Galiza.
- Tags:
- A Letra Miúda CGENDL revista